Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 1 de octubre de 2012

Xardín dos Irmáns Labarta, Noia

Histórico xardín con máis de cen anos de antigüidade situado no centro da vila de Noia cunha intervención modernista ca.1906 atribuida ao arquitecto compostelán Xesús López de Rego (o que o converte nun dos poucos exemplos existentes deste estilo no Barbanza); este xardín está ameazado polo planeamento de Noia, que conducirá á súa perda tralo anuncio de reapertura da rúa Pintor Xenaro, que partirá en dous o seu fermoso trazado lonxitudinal cos seus debuxos de buxo, e a perda das importantes árbores centenarias.


Sección lonxitudinal do xardín
O xardín atópase no centro urbano de Noia, ocupando o estremo dunha parcela que descende en suave pendente cara o mar. Ocupa un punto visualmente estratéxico desde o que se domina a ría, o que convirte a todo o conxunto nun mirador natural.
A villa construíuse flanqueando a alameda pública e contaba como veciña –fronte á súa fachada oriental- á desaparecida praza de touros de Noia.
Este xardín urbano de máis de 1 Ha. de superficie estaba bañado inicialmente polo mar no seu estremo occidental, quedando a residencia burguesa no seu estremo oposto. Veciña ademáis doutros interesantes edificios residenciais decimonónicos e barrocos aos cales queda ligada formalmente formando un conxunto urbano interesante e coherente, como o pazo Varela Radío.

O xardín é a peza importante de todo o conxunto. Organízase lonxitudinalmente a partires dunha malla ortogonal de sebes de buxo que aloxa no seu interior ao campo hortícola e que desde a fachada do mediodía da casa descende, en suave pendente, ata a beira do mar. Conta cun pequeno xardín formal de deseño xeométrico; unha horta organizada en cadros de buxo; campo de árbores frutais; paseos laterais emparrados; pesqueira... O carácter do mesmo responde a un pequeno parque arborado, ornamental e agrícola.
A masa vexetal presenta a flora típica da xardinería ornamental galega, agora centenaria dentro do xardín, e cun alto interese botánico: araucarias, drácenas, trachicarpus, palmeiras canarias, plátanos, buxos, loureiros e o grande freixo do su estremo occidental... como especies vexetais máis visibles, subraiando o seu protagonismo como elementos exóticos dentro do xardín, e relacionando a forza desta masa vexetal coa alameda noiesa, que é a súa continuación natural.

Principais especies centenarias con valor histórico dentro do xardín e horta:

Araucaria excelsa

Buxus sempervirens

Camellia japonica

Cordyline australis

Fraxinus
Juglans regia L.

Laurus nobilis

Malus pumila
Phoenix canariensis
Platanus x hispanica

Pyrus communis

Trachycarpus

Atribúese a principal reforma modernista da casa a Tomás Jovita Labarta Agüín e á súa dona Manuela Muñiz Carreño, a partires dunha construción existente anterior que se incorporaría ao proxecto final. As principais habitacións e salóns ocuparían a nova ala mentres que o primitivo volume se destinaría a vivenda dos caseiros e outras dependencias.
A obra atribúese ao arquitecto compostelán Xesús López de Rego e Labarta principal propagador do movemento modernista no ámbito compostelán e seguramente tamén emparentado coa propia familia promotora. A esta filiación corresponden semellanzas estilísticas con moitas das súas obras realizadas a comezos do século XX, como a coñecida vivenda do escultor Ramón Núñez en Santiago. Polo tanto trataríase dunha obra adscrita ao primeiro período do seu traballo como arquitecto datable a partires de 1906 e unha das escasas mostras deste estilo na comarca do Barbanza.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario