Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 13 de agosto de 2013

Xardín da villa Rosina, Bergondo

Xardín de villa suburbana, de finais dos anos vinte, ao pé da estrada N-VI ao seu paso polo núcleo de Guísamo en Bergondo, constituíndose como un modelo e experiencia urbana de villa trasalpina -exemplo con pouco predicamento en Galicia- o que a convertía nunha rareza da nosa arquitectura histórica do século XX, e de dificil compresión a súa perda.

Alzado xeral do xardín da villa Rosina, Guísamo
A arquitectura rexionalista alpina con tellados saíntes de cornisas de puntais, e corpos superiores con enlistados de madeira nas fachadas, fora xa incorporada a proxectos de Eloy Maquieira na colonia chamada de Casas Baratas en Lugo construída a finais dos anos vinte; ou Antonio Tenreiro no seu proxecto para a colonia de vivendas Concepción Arenal no entorno da praia de San Amaro en 1929-1930 na Coruña.

Recanto de entrada sobre o xardín de villa Rosina
destruído en 2013
 No noso caso tratábase dunha fermosa construción, ou pequeno chalecito -de planta baixa e baixocuberta- dotado de forte personalidade: co seu perfil de cubertas cambiantes, e sobre todo o colorido azul do seu entaboado de fachada e carpinterías, conformándose como unha das escasas mostras pois, deste tipo de arquitectura en Galicia.

A posición central da casa na parcela deixaba sitio para un pequeno xardín organizado con sebes de buxo, e dominado nos laterais por un castaño e un aligustre de grande porte. En época posterior foron plantadas as dúas palmeiras canarias na parte posterior da finca. No resto desenvolvíanse abetos, camelios, aucubas, trachicarpus...

A destrución deste pequeno chalet e xardín non deixa de amosarnos unha situación, de dificil comprensión, que se vive con certa asiduidade co noso patrimonio cultural.

O chalé Cortés situado na beira de enfrente -como marca xardinística máis destacada- xunto á rica arquitectura ecléctica e xardíns de Guísamo fan  deste un entorno urbán salientable que paga a pena protexer e mellor coidar.