Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

miércoles, 30 de julio de 2014

Perigo de destrucción dos xardíns de Mondariz-Balneario!

Unha urbanización de vivendas proxectada no Bosque do Balneario fai perigar os centenarios xardíns do Establecemento Mineiro-Medicinal de Mondariz. 

O máis afamado parque balneario de Galicia foi creado en torno ao manancial de Gándara descuberto no ano 1873. Aparte do templete clásico de A. Palacios que solemnemente hoxe o cobre, o manacial foi rodeado dunha máxica espesura vexetal de carballos como sublimación arquitectónica da valiosa fonte medicinal. Este parque que sube polo monte iníciase nunha monumental escalinata pacega, primeira pegada da importancia deste bosque no que nacen as augas, e que seguindo a tradición de santuarios galegos con augas milagreiras asociadas, foi sacralizado cunha capela no alto do monte.

Pormenor do Coro Románico no Bosque do Establecemento
O chamado bosque (na súa acepción castelá) constitúe un singular espazo con entidade propia dentro dos xardíns do Establecemento para paseo e lecer dos agüistas, e como tal, así foi publicitado en numerosas ocasións desde o mesmo momento da súa creación, servindo de imaxe icónica nas miles de postais e publicacións tiradas dende entón.

A forte proxección internacional do balneario fixo que fosen moi coidados tódolos seus elementos, con especial interese en dotar dun ambiente cosmopolita ao parque que circundaba as instalacións e as integraba nun conxunto. Así, foron proxectadas neste, diversos eixos de escalinatas; rotondas de fontes con carballos; chalés suízos -de pequena escala e perfectamente integrados no bosque-; mobiliario rústico simulando enramados; miradoiros con balaustradas... e sobre todo salientando a curiosa construcción do depósito de auga formalizado coma torreón almeado no alto da finca, e no medio dun pequeno estanque en forma de lagoa.

Asimesmo, os dous chalés do bosque, de don Luís e dona María, son pequenas arquitecturas exemplo do coidado co que se interveu nete espazo, e ofrecen as primeiras tipoloxías dun hotel fragmentado no bosque. Son edificacións con vocación centroeuropea que incorporan novos materiais de construcción formalizando atrevidos voos para crear amplos miradoiros sobre o parque.

Pero este excepcional espazo é responsable sobre todo, de crear a atmosfera dunha paisaxe singular de bosque sagrado con venerables ruínas, aproveitando os recursos da topografía existente, e como lenitivo da saúde-reforzo das augas medicinais. Un xardín que ademáis disolve os seus límites espandíndose nos montes de arredor, e se proxecta paisaxísticamente a todo o val que o circunda caracterizando a mesma esencia da propia vila balnearia.

Unha pequena natureza sofisticada e arquitecturizada á moda, variada e culta, na que se crea un marco singular para admiralas ruínas da Antigüidade. Todo isto responde ás mostras do aprezo decimonónico pola cultura do país, que rescata do abandono restos medieváis e os integra museísticamente nun parque, poñendo en valor o pasado como recurso tamén emocional en paralelo á curación do corpo.

Por todos estes aspectos considerados, pode calificarse aos xardíns do Establecemento de intensa experiencia arquitectónica, na que a previsión de construir unha urbanización de vivendas no bosque xunto con outros edificios na horta, só evidencia a cegueira de determinadas institucións frente aos bens culturais que deberían tutelar. Que os xardíns históricos como espazos singulares da nosa cultura capaces de aportar significados, sexan visibilizados todavía hoxe como soares susceptibles de urbanización non deixa de sorprendernos nin sequera nesta crise. O esgotamento de non entender os bens culturais tamén como recursos económicos en sí mesmos, fai que se poñan en perigo constantemente, cousa que amosa perfectamente iste convenio urbanístico.
Capela do Carme no Bosque do balneario

Información:
http://es-es.facebook.com/pages/SOS-Xard%C3%ADns-Mondariz-Balneario/1438146646448655


No hay comentarios:

Publicar un comentario