Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 5 de diciembre de 2016

Xardín de Villa Rhin, Brandía

Xardín da Villa Rhin en Brandía, Santiago

Xardín romántico de finais do século XIX aproveitando un antigo complexo fabril da industria do coiro situado ás beiras do rio Sar en Compostela. A tenería foi reconvertida nunha villa decimonónica de recreo estival aproveitandose da súa situación entre o frescor dos carballos e a paisaxe fluvial.


Vista da tenería reconverida en quinta estival de recreo aos pés do río Sar, co embarcadoiro á esquerda

Un monumental portalón de forxa, xa destruído, daba acceso á villa dende Vidán, co nome gravado no alto de Villa Rhin querendo facerse un paralelismo entre o río teutón e os seus castelos que acompañan o trascurso do río, e o compostelán fluido doce. Ista imaxe e paralelismo foi buscada ademáis coa construción do torreón angular e o seu miradoiro co que foi completada a casa, e que lle dá ise perfil resolto con gracia. Así pois, tamén o río compostelán ten castelos -a outra escala dende logo- e produto desta visión romántica do pracer arquitectónico.

Perspetiva principal do parterre e prolongación a través da avenida de plátanos
 
Todo o descenso hacia o rio dende Vidán facíase a través dun longo e fermoso paseo -hoxe moi alterado- cun primeiro tramo de aliñacións de carballos, e despóis dun brusco xiro de 90 graos, en paseo de plátanos ata chegar ao segundo portalón xa de ámbito privado da casa.


Parterre principal diante da villa e pérgola de glicinias e agapantos

As vellas instalacións aínda poden identificarse entre os elementos do xardín, como o vello muíño de casca que foi reconvertido nun estanque circular entre camelios, ou a gran fonte mural da fachada traseira da casa.

Cenadoiro con camelios na fonte do muiño
Así mesmo a pesares de ser un xardín con personalidade eminentemente fluvial, todo o monte do cauce dereito do río -pertencente á propiedade- foi plantado cunha carballeira e bosquete de cedros, araucarias e criptomerias, completando ornamentalemente o paseo entre os carballos. 
A parte posterior da casa, gozaba dun ambiente máis doméstico cun xardín de hortalizas e campo de árbores frutais en cuadrícula, hoxe parcialmente desaparecido coas construcións de lecer da urbanización privada próxima.

Paseo da avenida dos plátanos
Pero o elemento quizais máis significativo dentro do xardín e en relación co Sar, é o embarcadoiro privado da finca, co seu acceso en funil e pequena escalinata en romántica aproximación ao río. Lóxicamente o Sar non é navegable e non se pode circular en barca dende Santiago, Nin tampouco supoño podería ofrecer entón un baño seguro dada a presenza da Compostela industrial volcada na utilización deste río como desaugue (como agora segue a facer), polo tanto é preferible entender iste elemento coma un recurso formal, de corte europea, e de relación coa paisaxe. O río pode estar contaminado, é certo, pero non é obstáculo para ser sublimado paisaxísticamente, alomenos dende o século XIX.
Vista do parterre que antecede á antiga curtiduría

Trala fachada posterior da casa, e excavado na rocha, está un manancial formalizado cunha fonte mural que se integra no muro interior da propiedade. Iste recuncho foi ornado ademáis vexetalmente cunha imponente parella de magnolias grandifloras, palmeiras de abano, e a rotonda ocupada por un moi desenvolvido carballo. Igualmente se continua o paseo que acompaña o rio Sar co muro que o delimita adornado cada certo tempo con pedestais e xarróns.

Muiño de casca reconvertido en recuncho romántico con camelias
Todo o conxunto do bosque fluvial de carballos -tan necesarios por outra banda para proveer de casca á fábrica de coiros- está excavado na rocha do cauce do rio, e presenta esa espesura e penumbra na que se consiguen fortes contraste de luz e sombra, nun terreno de forte pendente, na que a visión predominante sempre é aérea.

Aliñación de camelios acompañando o paseo do rio Sar
Foi restaurado o xardín en 2004 pola escola-obradoiro de Brandía, máis anteriormente fora mermado na súa superficie por unha urbanización nos anos 90, e a apertura dunha rotonda de tráfico que destruiu o seu portalón de forxa e a longa avenida angular de carballos que lle daba acceso. O Sar  continua en proceso de recuperación.



jueves, 1 de septiembre de 2016

Xardín de Santa Baia de Codeso, Boqueixón

Xardín romántico de sebes de buxo e camelias do adro parroquial de Santa Baia.

O templo clasicista do ano 1881 -levantado polo párroco Tomás Ballesteros Gil- ordeou sobre sí un espazo sacro con cemiterio regular cercado, casa de fábrica, e un pequeno xardín de camelias cun trazado xeométrico en buxo sobre a terraza sur do camiño.

Un paseo en diagonal percorre lonxitudinalmente toda a estreita banda do adro correspondente á Epístola, formando transversalmente outros paseos curtos. A plantación principal fórmana camelias xa centenarias que sombrean as rúas estreitas de buxo, así como rododendros e tuias. Sobre as rúas póusanse amplos bancos con respaldos vexetais formados con lousas gravadas de pedra do vello camposanto


Todo enmarcado nas fermosas vistas do val do río Ulla, co rechamante fondo mineiro no alto, da banda rasgada da Cruz do Couto, da Pena do Corvo e de Riba das Zancas.


Poucos exemplares se conservan dos vellos xardíns parroquiais, dos cales iste é un bo exemplo entre os cales cabe destacar o xardín amahiano no val do río Tambre da casa parroquial de Lens, que ao igual que iste conserva se cabe aínda máis frondosas camelias de porte espectacular.

Para a formación dos bancos nos paseos recurrese ás vellas lousas de pedra do antigo cemiterio


Entrada ao xardín dende o camiño sur



Paseo central

sábado, 13 de agosto de 2016

martes, 7 de junio de 2016

Paisaxes da Terra Cha




                    (...) dos altos ceos chumbos que ameazan,
                    coas súas nubes escuras como a morte,
                    o desamparo dos povos e dos montes,
                    perdidos na gran inmensidade,
                    orfa e impresionante da planura...


                                             Manuel María, Canto á Terra Cha, (1945-1964)

lunes, 21 de marzo de 2016

Xardín do pazo de Vista Real, Vilanova de Arousa



Interior da Gruta de don Joaquín (datada no ano 1898)
A construción decimonónica da estrada de Vilagarcia a Cambados creou esa gran recta viaria que hoxe percorre o val do Salnés pola costa, e que pronto viu instalar nas súas beiras actividades diversas atraídas pola nova infraestrutura, coa súa comodidade e rápido acceso aos núcleos, e dende logo tamén por isa proximidade a un importante fluxo de persoas e de mercadorías. Tal feito fixo que o pazo de Vista Real tamén quixese achegar unha nova faciana a esta vía, ofrecendo a súa mellor cara cun moi eficaz peche monumental de ferro fundido (con nome gravado no alto do lintel) e que se construíu para abrir un novo portalón de acceso. De non actuar así, o pazo quedaría relegado ou mellor dito invisibilizado dende a estrada sen protagonismo arquitectónico. É máis, todo iste pequeno sector da finca en contacto coa flamante estrada incorporou un sofisticado proxecto de axardinamento, que realmente moi pouco tiña que ver coa sobriedade rural produtiva do resto da propiedade.


Nivel superior nun dos miradoiros xemelgos
Joaquín Martínez-Orense e García, o coñecido empresario e armador dono do pazo a finais do século XIX, foi quen gravou na gruta a data desta actuación e que pode ben extenderse ao conxunto de todo o axardinamento. Está organizado iste cunha estrutura en dúas metades iguais, á que se lle superpón unha topos artificial concibida coa amenidade dos dous accidentes xeográficos típicos para este tipo de espazos: o rochedo e os estanques que simbolizan os dous elementos.
A figura de don Joaquín tamén está ligada á creación dun dos principais parques históricos de Vilagarcía, como é a praia de Compostela., onde se formalizou arquitectónicamente a costa a través dun parque arbolado con paseos e balasustradas sobre o mar.

A enaxenación da principal parte da propiedade, a finais do século pasado, derivou na maior -aínda que breve- etapa negra da historia do soar, que se veu convertido de súpeto na morada dun clan de narcotraficantes, que deu por emprender na vella fábrica unha reforma de corte marbellí, que tivo como consecuencia graves danos no inmoble que todavía persisten hoxe. Non obstante alomenos un terzo da superficie da finca foi preservada en mans da familia orixinaria e se salvou destas reformas, en concreto gran parte da avenida e paseos decimonónicos de camelios que chegan ata a fachada traseira da casa, cun elegante ascenso en curva.
Actualmente é unha propiedade pública en mans do Concello de Vilanova de Arousa, na que se está desenvolvendo un importante proxecto de restauración, e recuperación para usos públicos.


Paseo das laranxeiras
Respeto ao catálogo florístico o plantel inferior inclúe unha araucaria, unha criptomeria excelsa, magnolios, trachicarpus, palmeiras canarias, plátanos, e drácenas. O paseo esquerdo está formado fundamentalmente por magníficas camelios centenarios e algún rododendro ata chegar ao pé do pazo, no que, e na plataforma adxacente en terraza se plantaron plátanos e camelias,,,, O resto da finca está hoxe cuberto por plantacións en parra de uva alvariña,

Xunto ao pombal circular de dous andares, cuberto por rocas e cascallos volcánicos (e tamén datado a finais do século XIX), despunta a silueta voluminosa da sobreira solitaria do pazo, plantada nun punto estratéxico da finca, e como contrapunto lateral e vetical á avenida lineal e horizontal que forman as camelias.

Na plataforma ou terraza arrentes do pazo desenvolvíase o propiamente dito xardín doméstico da casa, en contraposición cos axardinamentos máis públicos xunto a estrada. Na terraza, hoxe moi alterada, aínda se conserva un pequeno plantel de árbores monumentais como palmeiras, butias, plátanos, camelias, pero desapareceron as pequenas borduras que seguramente delineaban este pequeno campo baixo as ventás dos salóns da casa.

sábado, 30 de enero de 2016

Alameda de Celanova

Trala desamortización e expulsión do bieitos de San Salvador foi plantada -nunha plataforma que ocupa un bancal da vella horta do convento- a flamante alameda burguesa da vila de Celanova, enlazando ista terraza das chamadas Escolas Pías coa fonte e paseo das Triguerizas.

Alameda de Celanova e xardíns de Curros Enríquez
Formado o salón por tres paseos rectos de plátanos, a poda da ramaxe fai que se unan as pólas das rúas entre sí, creando un ceo vexetal con luminarias penduradas no aire

O único protagonismo exérceo o conxunto dos 32 plátanos dispostos en 5 paseos paralelos, cun banco corrido de pedra que é o remate do muro da terraza, e a porta monumental no eixo, con altos piares coroados con xarróns, e aberta toda a terraza á fermosa paisaxe do val de Celanova.

O segundo trazado inferior segue a colonizala horta conventual descendendo por unha ampla escaleira de dous tramos, pero ista vez respetando a inclinación natural do terreo. Fórmana igualmente aliñacións de 6 bancais e paseos con árbores podadas en ceo raso, partindo da vella fonte mural barroca da Trigerizas.

Alameda e fonte do paseo das Triguerizas