Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

jueves, 3 de enero de 2019

Xardín do pazo de San Paio de Bañobre, Miño

Xardín ilustrado do pazo de San Paio de Bañobre, Miño

Coroación de pináculos na aliñación da fonte e portalón


Este pazo está situado ao pé das marismas que forman os rios Baxoi e Grande no lugar de Bañobre, que xunto coa praia grande de Miño, conforman un dos espazos naturais más fermosos de Galicia.

A fonte mural clásicista -construída extramuros do xardín- que recibe ao visitante, virou o seu anverso para monumentalizar o patio da casa, e facer parella coa portada e frontón curvo que aloxa os escudos do pazo. Posteriormente a araucaria ás súas costas veu reforzar este eixo.

O xardín principal -trazado independente da casa- responde a un modelo de horta ilustrada ordenada racionalmente, formal e hidraulicamente, disposta en bancais e protexida por un muro de pedra.

O único eixo lonxitudinal existente no xardín ven reproducir un mesmo modelo de portalón ilustrado nos seus extremos, con xambas almofadilladas e voluptuosos pináculos de coroación.

Perspectiva do paseo central emparrado, con banco corrido de fábrica e figura de can de garda
Con máis dunha treintena de tramos emparrados da viña central, o sinxelo paseo lineal utiliza parcialmente un muro de contención para construir un longuísimo banco corrido de fábrica no que descansar e contemplar a paisaxe baixo a sombra das vides, únicamente interrompido no punto central cun esconce semicircular.


Celosamente gardado pola comunidade relixiosa que se aloxa no pazo dende mediados do século pasado, o acceso non está permitido. As reformas posteriores no pazo para abrilo aos usos asistenciais, multiplicaron por dez o volume orixinal pero mantiveron intacto o corpo principal da horta ilustrada.

Plantel ornamental diante da fachada do pazo
A pequena colección botánica foi plantada coma un bosquete diante da casa, para ser vista desde os seus balcóns e salóns de aparato, e acompañar á fachada principal, e está composta por unha araucaria, trachicarpus fortunei, magnolia grandiflora, lawsoniana, phoenix canariensis, washingtonia, tuya, entre outras, que elevan e sinalan paisaxísticamente o perfil característico de San Paio. Mesas de pedra, diferentes xogos, e parterres de buxo incorporados ao percorrido lineal completan a escea de lecer do pensil.

A cercanía ao mar convenceu aos propietarios en época posterior de que pagaba a pena erguer unha gran torre miradoiro -que elevada sobre a aldea anexa- servese como torre vixía sobre a ría e o mar azul, cambiando a tranquila paisaxe fluvial de marismas do rio Baxoi polas agrestes barras de area azoutadas polas ondas. Para esta operación rompeuse o clásico cornixamento só interrumpido polos cortos dous frontóns dos escudos, por unha masa escalonada de dous corpos con ollos de boi e perfil navieiro que mudou a sobriedade do pazo polos novos aires arquitectónicos das vilas de recreo.

Moitos exemplos de pazos, á morte dos seus descendentes, adscritos a ordes relixiosas e reconvertidos logo en centros educativos temos en Galicia, podendo recordar agora pola súa proximidade o de San Sadurniño ou o de Mosteirón entre outros, tamén con excelentes xardíns e comunidades relixiosas femininas ao seu cargo.

Cactus da fonte