Cristina Castel-Branco
Os jardins dos Vice-Reis.
Fronteira
Primeiro volume dunha prevista triloxía adicada aos xardíns portugueses renacentistas, manieristas e barrocos construídos por virreis da India: Penha Verde, Bacalhoa, Ribafría e Fontelo.
![]() |
| Pormenor da portada |
Fronteira, a partir dunha capeliña e un pavillón de caza prexistentes nas matas de Monsanto, en Bemfica, formouse nos anos 60 do século XVII como xardín e quinta de recreo da familia Mascarenhas que celebraba a restauración da monarquía portuguesa en tempos do rexente Don Pedro II.
A partir de modelos netamente italianos (por tipoloxía, con loggias serlianas e incluso a inclusión de tondos escultóricos ao estilo de Luca della Robbia) este palacio despregou un programa iconográfico que cubría de brillantes superficies azulexadas os muros, estanques, foxos, grutas artificiais e casas de fresco onde a auga descendia por fontes, sorprendía en surtidores ocultos, detíñase en láminas que formaban espellos e finalmente regaba as hortas, pomares e viñas.
Á técnica da azulexería sumábaselle a dos embrechados decorando as superficies que non ocupaban os zócalos, con cunchas, restos de porcelana doméstica e cantos rodados formando xeometrías nos muros.
A peza máis espectacular e un dos iconos da xardinería lusa, constitúeo o estanque e a galeria de reis, un paseo entre bustos dos monarcas que se sustenta en arcadas tapiadas cunha serie repetitiva de valerosos cabaleiros a cabalo en corveta.
Este estanque centra o gran parterre de buxo formado ao leste do palacio e que, entre catro desiguais partes puntuadas con estatuas de chumbo, se levanta unha gran fonte que alza no seu cumio o escudo familiar e a esfera armilar, símbolo dos descubrimentos e orgullo do imperio marítimo portugués.
Fronte á fachada sur está o xardín de Venus protagonizado pola figura da deusa elevada sobre tres golfiños enroscados e hoxe rodeada pola coleccion botánica de coníferas que se plantou no século XIX pero que desfixo o trazado primitivo que ocupaba entre outros elementos un labirinto.
O gusto polo coleccionismo clásico ou con reproducións de estatuaria marmórea ten o seu escenario na terraza da capela, un estrano brazo murario que a uníu co palacio e que servíu en nichos unha selección de deuses e fontes, todo un refinamento para cantar ás virtudes e o saber humano.
A complexidade e variedade deste xardín está moi solventemente narrado pola autora do libro, que explica os posibles significados e interpretacións ligadas á épica de Camoes, a súa historia e evolución así como propostas de actuación paisaxística e que conta ademáis cun vasto despregue gráfico. É salientable ademais o prólogo de Fernando Mascarenhas que asina una prudente crítica sobre o libro e as súas carencias interpretativas.
O estenso bosque, o pombal, o estanque dos Loureiros, a fermosa casa circular de fresco co seu estanque curvilíneo aos seus pés, os miradoiros e pérgolas, os traballos topiarios, a azulexería azul e con relevos cobrizos, a estatuaria de mármore e chumbo, a emblemática de Alciato, os macacos e as sereas, a contorna co convento dominico de San Domingos... todo isto ofrece un espectáculo que nos brinda unha obra mestra da arte.



















































