Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 28 de septiembre de 2015

Ampliación surrealista da Alameda de Santiago pola Carreira do Conde

Xardín histórico da Carreira do Conde
Non é pais para vellos (xardíns)

A determinación insólita de adaptar a forma urbana segundo criterios do tráfico rodado, contradícese co sentido común que establece que é a fluidez do tránsito de vehículos o que se debe subordinar á cidade consolidada nun conxunto histórico.

Cambiouse e desprazouse unha escaleira para achegala ao paso de peóns existente. Ben, e non era mellor mover iste para axustalo a aquela?. Cando co paso do tempo -e a reorganización do tráfico no Campo da Estrela- se mude o paso de peóns a outro sitio, moverase de novo con el a escaleira de pedra?. Non é mellor adaptalo paso de vehículos á cidade e non ao revés? 

Escaleira orixinal con descansillo, e barandas de pedra e sebes
Grave precedente na cidade histórica de Santiago en tanto que a forma urbana que estaba protexida foi definida pola circulación rodada de Xoan Carlos I.

Por outra banda alomenos unha quinta parte da lonxitude dun muro protexido foi destruído ou alterado gravemente, co obxectivo de crear un gradarío no terraplén das palmeiras, danando o sobrio deseño do conxunto de borduras das arecáceas.

O grupo formado polas sete palmeiras canarias, co seu anel inferior de buxo con flores vivaces, forma un conxunto arquitectónico como xardín que non foi percibido como tal, e polo tanto alterado sen miramentos, modificándo a elegante perspectiva columnaria que ten valor como conxunto en tanto premaneza este homoxéneo.

O cambio operado na rúa non tivo tampouco a ambición dun discurso significativo e relevante que convencese da súa achega e idoneidade. O novo terraplén destruíu un muro protexido; cortou un fermoso rododendro; deixou coas raíces ao aire unha palmeira e unha robinia -ameazando a súa estabilidade e supervivencia-; destruíu unha escaleira de granito en perfecto estado para substituíla por outra que, porén, non permite o paso a persoas con diversidade funcional e desfacendo asemade o foco final da perspectiva da rúa Xeneral Pardiñas;  alterou o fermoso e tradicional recuncho da fonte do seu extremo de bancos efrontados; non se restaurou a escaleira sur -sí protexida- que mantén os seus perigosos chanzos rotos; mantívose a única gasolineira existente -que eu coñeza- fronte a unha igrexa barroca; e en suma, converteu en insegura unha rúa ao non separalo tráfico de vehículos do das persoas, que compartirán agora en desorde un único espazo común.

Ao abeiro de todo isto cabe preguntarse onde está a luminosidade e a beleza invocadas, onde residen os valores da suposta ampliación da Alameda pola Carreira do Conde, para xustificala operación de reforma urbana, proxecto estrela publicItado convenientemente e de discreto resultado final, que afectou ao principal espazo verde axardinado dunha rúa de Santiago.

Tralas desafortunadas últimas actuacións desenvolvidas na Alameda, agora temos de novo modificado sen sentido un dos poucos axardinamentos históricos da que foi primeira rúa do ensanche burgués.

Santiago, Non é pais para vellos (xardíns)

Iste recuncho de fonte e bancos enfrontados tamén foi reformulado

miércoles, 2 de septiembre de 2015

Xardín dos Sarmiento Varela, Santiago de Compostela

 Xardín en terrazas descendendo cara as hortas de Belvís no centro histórico de Santiago pertencente a familia Sarmiento Varela.

A peza principal do xardín era un parterre levantado trala fachada traseira do pazo, construído nunha terraza con vistas ao recinto monumental intramuros, e con escaleiras laterais a ámbolos lados que descendían cara ao resto da horta.

Do parterre principal trala casa arraca lateralmente un trazado en cruz de sebes de buxo con centro nun pequeno estanque circular. Este axardinamento acolle tamén un plantel con tuias e unha araucaria, e ten remate visual nun cruceiro de pedra.

O pequeno rego que penetra na finca e lle surte de auga debuxa un percorrido arquitectónico que finaliza nun estanque ovalado con illotes de xunqueiras -crocodilo incluído posteriormente- e fonte adosada central en escaleira de tres panos semicirculares.

Outros ámbitos do xardín formábanos diversos espazos con bancos e mesas de pedra entre camelios e cedros, hoxe tamén moi alterados.