Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

jueves, 6 de abril de 2023

Parque Rosalía de Castro, 1921, Lugo

 PARQUE ROSALÍA DE CASTRO

Nunha plataforma horizontal denantes da caída en pendente cara o rio Miño, o parque Rosalía de Castro deseñouse na comodidade dun plano sen accidente ou obstáculo algún e se converteu no miradoiro e balconada do principal rio galego. A monumentalidade da pérgola art deco de Eloi Maquieira intensifica esta relación do parque co Miño, un espazo que refulxe no solpor final do día matizado polo azul Klein do ceo de pontóns de formigón pintado.

Pérgola na esquina sureste con vistas ao rio Miño

O peche do parque reorre a un sinxelo parapeto de sebe de ligustres evitando a ríxida barreira de fábrica ou forxa, erro que cometeu por exemplo o xardín botánico de Padrón nos anos 90 do século pasado, que non soubo valorar os muros vexetais. Porén a monumentalidade si queda evidentemente marcada na puntuación dos esveltos obeliscos  brancos que se utilizan como luminarias e que son un dos sinais de identidade deste xardín.

Maqueta de España e Portugal, 1929 da Casa Hepzos

Baixo un pombal e resgardado nun pavillón octogonal agarda unha das sorpresas do parque: o mapa en relevo da península ibérica do ano 1929 e fabricado segundo o relato do concello de Lugo na Casa Hepzos. Esta atracción xeográfica que contaba con iluminación propia relativa ás cidades e ós faros é unha agradable mostra da vocación educativa do parque.

Estanque dos patos

O xardín estrutúrase cun trazado principal de paseos en aspa que, dada a irregularidade do trapecio, non coincide en dúas das súas puntas, e que ten un centro marcado mediante unha grande rotonda con fonte e parterre.

A obra escultórica máis senlleira é a do monumento ao alcalde Ánxo López Pérez, de 1958 obra de Francisco Asorey cunha sorprendente figura alegórica moi humana na expresiva xestualidade de brazos e pernas.

(Fonte da información: Concello de Lugo)