Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 12 de noviembre de 2019

Expediente de descatalogacion. Arbores senlleiras

-  Morte da arquitectura vexetal do parterre barroco do pazo de San Lourenzo de Trasouto (Ben de Interese Cultural) atacado polo fungo cilindrocladium
-  Teixo e araucaria excelsa, árbores senlleiras  da finca Tenreiro en Pontedeume.
- Castiñeiro do Mola, A Mezquita
- Castiñeiro da Regadiña, A Pobra de Trives
- Ciprés de Lawson do castelo de Soutomaior.
- Carballo albar e rebolo de Quindous, Cervantes
- Nogueira de Licín, O Saviñao
- Tileiras prateadas do mosteiro de Oseira, Cea
-Morte da Araucaria excelsa do pazo de Rubiáns, Vilagarcía de Arousa

O Diario Oficial de Galicia de oito de xullo de 2019 constata a derrota da administración na conservación do patrimonio cultural vexetal, desistindo da defensa do noso patrimonio verde.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190708/AnuncioG0532-250619-0009_gl.html

sábado, 2 de noviembre de 2019

Illa da Xunqueira, 1999, Pontevedra

Esta atractiva e tamén insulsa illa do rio Lérez, plana, inundable, regulada por unha presa e cun eucaliptal ao norte, acolle a valiosa colección municipal de arte contemporánea convertendo a xunqueira fluvial tradicional nunha illa de esculturas desapercibida.


Vista xeral dende o leste

Xaminorio Xunquemenes Abay, Enrique Velasco

Petrarca, Ian Hamilton Finlay

Menhir, Ulrich Rükriem

Fernando Casás

Cielo acortado, Giovanni Anselmo

Jenny Holzer

Liña de pedras de Richard Long

Vista xeral dende a canle oeste




Labirinto de Pontevedra, Robert Morris


Pirámide, Dan Graham


La casita, José Pedro Croft

Anne & Patrick Poirier

Pavillón Poirier

Saavedra, Francisco Leiro



domingo, 1 de septiembre de 2019

Paisaxe sanitaria en Castro de Ribeiras de Lea, Castro de Rei

As paisaxes dun centro de saúde 
Xardín, espazo público e campo deportivo en Castro de Ribeiras de Lea.
Un campo de fútbol insólito convertido por primeira vez nun xardín, unha pradeira verde que acompaña e na que levita o longuisimo prisma deitado de formigón do centro de saúde da vila, proxecto do arquitecto Fernando Blanco.


Vista co campo de fútbol exercendo de pradeira panorámica

A abstracta planta baixa que o centro decide liberar mostra moi rotunda o seu esqueleto sen aspaventos. Primeiro é o futbol, pero por enriba del está a saúde de todos.

Acerto na configuracion dos espazo publicos e deportivos, que se respetan uns aos outros resultando unha conxunción que liga o deporte á saúde e estes á Natureza, aire libre e ao xardín.
A naturalidade con que se asocia o deporte do futbol (convertido aqui gracias ao prisma sanitario nun deporte sofisticado) á sanacion do corpo fai desta austera pradeira un forte lenitivo urbano.


Entrada acompañada polas copas dunha expresiva aliñación de bidueiros






sábado, 2 de marzo de 2019

Peceira de Ferrol

XARDÍN PICTÓRICO DE BELLO PIÑEIRO NA PECEIRA DO CASINO DE FERROL

Á maneira de Daubigny no seu atelier de Auvers-sur-Oise, Bello Piñeiro transformou un insulso salón do casino de Ferrol nunha paisaxe alucinóxena para a elitista sociedade ferrolá de principios do século pasado.

Coa pantasma da amada vasculando sobre os seus muros, Bello constrúe un mundo xeométrico e vexetal  á procura do seu recordo.

Esquina nordeste

Desde a ramaxe naturalista do ceo boscoso de Leonardo no salón dos Sforza en Milán, ata as paisaxes marítimas de taberna de Lugrís, espazos pictóricos de relación humana nos que se pode construir unha natureza artificial a salvo entre catro paredes.

Recadros e medallóns enmarcan nos muros centrais as paisaxes de fondo de ría; bonecos de pan animados remiten ás lendas dos cantís da serra da Capelada; ramaxes autóctonas circundan as xeometrias do salón e afondan no misterio que pervive no fondo da fraga… as vivas cores resaltadas coa luz artificial electrizan a experiencia dun salón art nouveau, no que á experiencia espacial  háselle sumar o enxoval dos usuarios, os metáis castrenses e civís, a música, e a propia vida, vista pasar dende os vidros da peceira.

Orla vexetal do plafón central -composta con follas de carballo e castaño- enmarcando a araña

jueves, 3 de enero de 2019

Xardín do pazo de San Paio de Bañobre, Miño

Xardín ilustrado do pazo de San Paio de Bañobre, Miño

Coroación de pináculos na aliñación da fonte e portalón


Este pazo está situado ao pé das marismas que forman os rios Baxoi e Grande no lugar de Bañobre, que xunto coa praia grande de Miño, conforman un dos espazos naturais más fermosos de Galicia.

A fonte mural clásicista -construída extramuros do xardín- que recibe ao visitante, virou o seu anverso para monumentalizar o patio da casa, e facer parella coa portada e frontón curvo que aloxa os escudos do pazo. Posteriormente a araucaria ás súas costas veu reforzar este eixo.

O xardín principal -trazado independente da casa- responde a un modelo de horta ilustrada ordenada racionalmente, formal e hidraulicamente, disposta en bancais e protexida por un muro de pedra.

O único eixo lonxitudinal existente no xardín ven reproducir un mesmo modelo de portalón ilustrado nos seus extremos, con xambas almofadilladas e voluptuosos pináculos de coroación.

Perspectiva do paseo central emparrado, con banco corrido de fábrica e figura de can de garda
Con máis dunha treintena de tramos emparrados da viña central, o sinxelo paseo lineal utiliza parcialmente un muro de contención para construir un longuísimo banco corrido de fábrica no que descansar e contemplar a paisaxe baixo a sombra das vides, únicamente interrompido no punto central cun esconce semicircular.


Celosamente gardado pola comunidade relixiosa que se aloxa no pazo dende mediados do século pasado, o acceso non está permitido. As reformas posteriores no pazo para abrilo aos usos asistenciais, multiplicaron por dez o volume orixinal pero mantiveron intacto o corpo principal da horta ilustrada.

Plantel ornamental diante da fachada do pazo
A pequena colección botánica foi plantada coma un bosquete diante da casa, para ser vista desde os seus balcóns e salóns de aparato, e acompañar á fachada principal, e está composta por unha araucaria, trachicarpus fortunei, magnolia grandiflora, lawsoniana, phoenix canariensis, washingtonia, tuya, entre outras, que elevan e sinalan paisaxísticamente o perfil característico de San Paio. Mesas de pedra, diferentes xogos, e parterres de buxo incorporados ao percorrido lineal completan a escea de lecer do pensil.

A cercanía ao mar convenceu aos propietarios en época posterior de que pagaba a pena erguer unha gran torre miradoiro -que elevada sobre a aldea anexa- servese como torre vixía sobre a ría e o mar azul, cambiando a tranquila paisaxe fluvial de marismas do rio Baxoi polas agrestes barras de area azoutadas polas ondas. Para esta operación rompeuse o clásico cornixamento só interrumpido polos cortos dous frontóns dos escudos, por unha masa escalonada de dous corpos con ollos de boi e perfil navieiro que mudou a sobriedade do pazo polos novos aires arquitectónicos das vilas de recreo.

Moitos exemplos de pazos, á morte dos seus descendentes, adscritos a ordes relixiosas e reconvertidos logo en centros educativos temos en Galicia, podendo recordar agora pola súa proximidade o de San Sadurniño ou o de Mosteirón entre outros, tamén con excelentes xardíns e comunidades relixiosas femininas ao seu cargo.

Cactus da fonte