Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

sábado, 12 de abril de 2014

Desaparición do cactus do Milladoiro

A recente desaparición do cactus columnar no Milladoiro tráenos á mente o pensar cómo se está construíndo a paisaxe urbana da nosa cidade contemporánea ao marxe das plantas, e se é factible un espazo público orfo destes organismos vivos.

O problema é incómodo porque nos retrata como sociedade por moito que se armonice despóis o ambiente urbano con efímeras xardineiras de plantas vivaces

O cactus do Milladoiro querido e prezado por tódolos veciños pola súa forza, vellez e desenvolvemento vexetal, podía considerarse como un éxito do espazo urbano non proxectado, e unha auténtica icona natural da rúa Rosalía de Castro. O seu acomodo nunha zona urbana hostil o convertía nun resistente cultural que reivindicaba outra forma posible de actuar nas nosas cidades.
 
Con todo o anterior, ben se podería haber procedido a amplialas beirarrúas en detrimento das prazas de aparcamento adxacentes, se a fluidez do tráfico peonil se houvese invocado como causa da tala; ou ben se houbese podido protexela estrutura arbórea da planta con algún recurso arquitectónico axeitado, se a seguridade do peón fose o motivo. Pero o máis realista e incómodo quizáis, é pensar que se cortou a árbore porque simplemente foi visibilizado como un estorbo para as persoas.

Estrana desaparición do cactus do Milladoiro  

lunes, 7 de abril de 2014

Destrucción do tapiz de buxo do xardín de San Roque, Santiago

O Concello de Santiago destrue parcialmente o xardín histórico do antigo hospital de San Roque.

Este xardín conservaba un parterre dobre de buxos a ámbolos lados do paseo central, enmarcado por dous rododendros no seu comenzo. 
Trazado do parterre oeste protexido polo PE-1

O trazado xeométrico respondía a un dobre deseño en cruz con rotonda central, moi común en Santiago, que estaba ademáis limitado lateralmente por dous camelios no lado oeste, e dous aligustres no leste, formando unha fermosa unidade compositiva agora perdida, e que merecera unha protección expresa dentro do Plan especial de protección da cidade histórica de Santiago.

O debuxo vexetal contaba, como contrapunto, cunha acacia negra no parterre leste, e unha palmeira canaria no interior do parterre oeste. Ao desaparecer o tapiz que as ordeaba, as especies perden a súa relación entre elas e fican illadas nun campo anodino de céspede, que altera o sentido histórico do trazado do xardín.

O resto da antiga horta, un pequeno e sinxelo campo con diversas árbores frutais, queda modificado de forma cuestionable coa instalación de infraestruturas alleas ao espíritu do xardín.

O trazado do xardín e horta de San Roque ten protección xurídica dentro do PE-1 e polo tanto deben ser conservados, e niste caso restaurados.

martes, 1 de abril de 2014

Xardín do pazo de Montesacro, Cambados

Exemplo de xardín ornamental traseiro, tipico dos pazos urbanos, neste caso no núcleo de Montesacro en Cambados. O xardín privado estruturase -trala fachada traseira do pazo- acotando un espazo plano no que se debuxan os trazados xeométricos, feitos con aliñacións de buxo, e formando parterres ocupados no seu interior con palmeiras canarias e pequenas bolas e conos vexetais.
Xardín xeométrico do pazo

A habitación da marquesa como peza destacable dentro da casa relaciona por situación o xardín e a capela (a cuio ábside rodea), e ten acceso directo ao xardín a través desta solaina e patín exterior que serve de miradoiro sobre o debuxado no xardín.

Presenza importante neste pequeno xardín ornamental é o corpo circular cupulado dunha antiga garita defensiva adosada ao muro de peche, con rotunda formalización e engado e que tipolóxicamente se volve a repetir no corpo poligonal do pombal da horta. A separación coa horta faise plantando no seu límite catro grandes cedros que limitan o mundo agrario traseiro.

O deseño do parterre segue un sinxelo modelo barroco a partir dun rombo central e demais figuras triangulares de engarce en torno a el. Trazado moi característico e estendido de finais do século XVIII, aínda que lixeiramente desdebuxado co paso do tempo e as novas construcións do seu carón.
A introdución das palmeiras canarias en época posterior -principios do s. XX- ven a levantar a planeidade do tapiz verde en forma de robustas columnas vexetais

Mesa de cerámica na palmeira da garita
A riqueza da sucesión de espazos axiais neste pazo queda posta de manifesto no eixo da súa fachada co mar: a praia e o pequeno porto en primeiro termo, a praza diante da fachada (servindo como mirador de todo o pobo); o xardín traseiro singularizado polo seu ornamento e filigrana; e finalmente a longa horta estendida de novo ata o mar.

A finca histórica sofreu a comenzos de 2000 unha  perda importante da súa integridade creandose un precedente perigoso, cando se acometeu unha urbanización de vivendas no interior do seu recinto intramuro mutilando gravemente o seu perímetro e comprometendo a súa relación co mar. Máis grave quizais por pasar esta desgraciada actuación practicamente desapercibida para os organismos encargados da proteción do patrimonio cultural.

O pazo perfectamente conservado aloxa, desde a morte da marquesa nos anos cincoenta, ás Irmanciñas dos Anciáns Desamparados que dirixen a residencia de anciáns actual Virxe da Valvanera padroa da capela do pazo.
A Torre de San Sadurniño