Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

sábado, 2 de marzo de 2019

Peceira de Ferrol

XARDÍN PICTÓRICO DE BELLO PIÑEIRO NA PECEIRA DO CASINO DE FERROL

Á maneira de Daubigny no seu atelier de Auvers-sur-Oise, Bello Piñeiro transformou un insulso salón do casino de Ferrol nunha paisaxe alucinóxena para a elitista sociedade ferrolá de principios do século pasado.

Coa pantasma da amada vasculando sobre os seus muros, Bello constrúe un mundo xeométrico e vexetal  á procura do seu recordo.

Esquina nordeste

Desde a ramaxe naturalista do ceo boscoso de Leonardo no salón dos Sforza en Milán, ata as paisaxes marítimas de taberna de Lugrís, espazos pictóricos de relación humana nos que se pode construir unha natureza artificial a salvo entre catro paredes.

Recadros e medallóns enmarcan nos muros centrais as paisaxes de fondo de ría; bonecos de pan animados remiten ás lendas dos cantís da serra da Capelada; ramaxes autóctonas circundan as xeometrias do salón e afondan no misterio que pervive no fondo da fraga… as vivas cores resaltadas coa luz artificial electrizan a experiencia dun salón art nouveau, no que á experiencia espacial  háselle sumar o enxoval dos usuarios, os metáis castrenses e civís, a música, e a propia vida, vista pasar dende os vidros da peceira.

Orla vexetal do plafón central -composta con follas de carballo e castaño- enmarcando a araña