Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 2 de enero de 2018

Quiscos modernistas da alameda de Santiago,1898

Pormenor de cuberta

Quioscos modernistas para venda de refrescos e outras bebidas na Alameda de Santiago de Compostela, 1898-1899.

Casetas de madeira pintada, ou barracóns, exemplos de arquitecturas festivas e efémeras que ornaron o recreo dos santiagueses no paseo de Bóveda dende finais do século XIX.


Vista xeral dun dos casetos
Iste proxecto anónimo conservado no arquivo histórico universitario, presentouse no concello coa solicitude de licenza no ano 1898 e buscaba reproducirse ás beiras dos paseos, a pequenos intervalos, para satisfacela demanda líquida tanto nos meses de estío como no inverno.

De planta cadrada presentaba unha cuberta a dúas augas voada sobre a entrada e despacho das bebidas, e estaba coroada por unha cruz de Santiago entre acróteras que reforzaban o frontón calado interior. Unha repisa a modo de mostrador pechaba todo o perímetro.
As peles de madeira decorábanse cun entramado ortogonal de panos interiores en aspa e tondos floreados, pintados os seus lenzos de distintas cores chamativas para atraer ao sedento.


Integración do caseto na cobertura vexetal dos paseos

A endeblez das construcións, a caducidade das súas licenzas, e sobre todo os novos modelos de  edificacións máis recias que as substituíron -como as magníficas churreiras racionalistas dos anos 60-, fixeron que hoxe non se conserve ningún destes pintorescos exemplares. Porén podemos facernos unha idea do aspecto destas construcións mirando para o vello quiosco de prensa que sobreviviu na rúa Nova ao pé do xardín de Bendaña.

Estas construcións foron moi comúns nos paseos urbanos das principais cidades galegas, e formaban parte dun mundo de pequenos equipamentos e servizos do xardín público que incluía salas de cinematografía e baile, palcos de música, paxareiras e animalarios, venda de doces, bebidas e barquillos, xeados, castañas,... todos vestidos con atrevidas arquitecturas orientalistas e vangardistas que reforzaban e aimaban a experiencia pintoresca do lecer dominical.