Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 2 de abril de 2024

Xardín do adro da igrexa de Pinza, Viana do Bolo

 Xardín de buxo do adro de Pinza

Xardín sacro que ocupa a totalidade do adro da igrexa, desocupados os enterramentos e trasladados ao novo recinto da esquina norleste.

O xardín como promesa do paraíso antecede ao templo e desprega un fragante tapiz de verdor co pano de fondo da fachada da igrexa co seu arco apuntado medieval e a súa alta espadana no eixo.

A sinxela cancela de acceso ao adro cúbrese cun arco vexetal de rosas entre dous pináculos e dende este umbral se desprega o recto camiño directo ao templo.


Camelias xapónicas do parterre norte

O trazado de sebes de buxo en aspa -en ámbolos dous parterres aos lados do camiño- segue o mesmo deseño que ostentan os plafóns da fermosa carpintería da porta da igrexa reforzando a ligazón entre xardín e templo.

No interior dos cadros plántanse diversas flores e algúns arbustos con podas esféricas. As flores serviran despois para engalanar o altar.

O xardín alóngase lateralmente á porta sur e acompaña a subida ao campanario dende o que se divisa a paisaxe e o propio adro.

Parterre sur co trazado en aspa

O xardin, modesto e sinxelo non sobrepasa coa altura das súas sebes os muretes e valados de pedra do seu perimetro conseguindo reforzar a tensión de todo ese espazo. Uns pasos de lousas de pedra encastrados no muro permiten un acceso directo dende o camiño ao igual que en calquera outra leira da aldea.

A única camelia existente, de flores vermellas, sinala o acceso ao cemiterio na esquina norte.

Un xardin resgardado baixo o son das badaladas, un paraíso modesto de flores e cruces entre prados e soutos de castiñeiros.


Xardín relixioso que antecede á igrexa parroquial


miércoles, 21 de febrero de 2024

Paisaxe cultural das minas romanas das Borreas, Viana do Bolo

 Minas romanas das Borreas, Caldesiños

Ruina montium ao pé do rio Camba. Paisaxe desgarrada de ericaceas e carballos. Corte e desaparición xeolóxica dun monte por imperativo imperial.


O traballo da auga, a presión furando as entrañas da terra, o lavado dos materiais e o achado do ouro, o abandono e a desfeita ecolóxica, as telleiras e novos usos, a recuperación natural, os encoros de seculo XX...


Tan impresionante e o descenso brusco dende os 700 metros de altura cara o Camba como a vertente leste de carballos extendida dende a crista das Médulas ata os altos de Terragudas.

Unha paisaxe cun monte desventrado de ardente cor laranxa entre impresionantes soutos de castiñeiros.

A ola baleirada cos catro desaugadoiros ocupada agora por carballos e as antigas telleiras no chan da estrada actual.



sábado, 10 de febrero de 2024

Loa a la tierra, Byung-Chul Han


Un canto de amor á terra cultivada, á humanidade

O xardín invernal berlinés de Byung-Chul Han xunto á lagoa Wannsee. Xardín de sombra, de hostas e hortensias pero tamén de rosas con dous anxos rilkeanos que gardan a entrada.

O amante do xardín que bica a tódalas flores e arroupa con mantas ás camelias no inverno.

Reflexións e diario de xardín. A emoción da vida vexetal e a visión relixiosa do xardín. A contradición da rosa de Rilke. Creación de Deus. 

A paisaxe de Hiperión.

En Nápoles "Toco a Bach todos los días en mi jardín a la orilla del mar" (...) "Sus flores [hedra] atraen a las abejas y las mariposas. Le gusta sobre todo a la bella mariposa Vanessa, con su esplendor rojo y negro". 

"En realidad, el trabajo en mi jardín no es un trabajo sino una meditación, un demorarse en el silencio"