Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 4 de abril de 2022

Alteración e destrución da alameda da Estrada, Pontevedra

Proxecto atribuído ao arquitecto Franco Montes a partir dos anos 10 do século XX, esta fermosa alameda, a carón do pazo municipal, sofríu hai a penas un par de anos unha desafortunada  actuación que a mutilou irreversiblemente,  destruíu e danou gravemente. Todo feito da man do propio goberno municipal que debía selo encargado da súa protección e tutela.

O elemento da entrada, o icónico paseo en pérgola de glicinias pechaba lateralmente a praza do concello servindo un palco á vida pública municipal e introducía ao paseante na perspectiva do quiosco da música. Este paseo de teito vexetal acoutábase cunha flamante columnata clásica dórica apoiada sobre basamentos e servía á tranquilidade do descanso incorporando un banco corrido de pedra. Todo foi inexcusablemente destruído!!

A alameda ca. 1970, Fonte: fototeca.cnig.es

A alameda ca. 1990, Fonte: fototeca.cnig


Pero non  foi só afectada esta loggia lateral, tamén o parterre circular na fachada posterior do concello cos seus arriates de flores e fonte e o paseo central de plátanos con pavimento de terra, tamén foron destruídos.

Este procedemento de destrución dun patrimonio vexetal e arquitectónico ás portas mesmas do concello e perpetrado polo mesmo concello é inadmisible nunha sociedade esixente que vela pola cultura e o patrimonio herdado que debería ser inalienable. A nova proposta de parque que a substituíu (e da que son incapaz de amosar unha vista aérea) ignorou a memoria histórica do lugar, desprezou a identidade da vila e non tivo remordemento ningún en cortar árbores centenarias para correxir a historia do parque ao servizo dun irritante formalismo supostamente vangardista. Nada novo baixo o sol.

O resultado é unha praza dura central castigada polo vento, desprotexida no verán e exposta ao inverno; unhas plantacións raquíticas dun novo arborado que tardarán  décadas en telo porte dos exemplares cortados; o trazado do paseo central, eixo da vila burguesa e  de comercio destruído despois de ser o tradicional punto de encontro dos estradenses durante cen anos; o fermoso parterre colorista que ofrecía un recuncho umbrío para o descanso, destruído; pero sobre todo son os miles de recordos e emocións transcorridos na vella alameda que polo visto non valeron nada para o goberno municipal. 

Moi cara foi finalmente a extensión da alameda a toda a mazá, Costoulle a súa propia identidade e a da propia Estrada. Que tipo de proxecto, preguntámonos,  farían os autores por exemplo nos xardíns do pazo de Oca (un emblema da xardinería barroca galega) se en lugar dunha restauración acometesen unha actuación similar? O problema como moitas veces sucede é a confusión entre o que estes técnicos viron como unha simple Zona Verde (unha denominación urbanística) e non coma un ben cultural, un xardín histórico que cumpría restaurar. Pouco pan e pésimo circo!