Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 23 de octubre de 2018

Xardín da rúa longa, s. XIX, Padrón

Consúmase a destrución na rúa Longa do xardín ecléctico de Maruja Sanmartín.

Na principal rúa do seu recinto histórico, na esquina da praza de Macías, fronte ao vello cine La Torre, e apenas uns metros da ilustre casa do concello, este pequeno espazo era ata fai uns poucos un engaiolante xardín decimonónico creado pola culta burguesía padronesa, que, aínda que abandoado, todavía se conservaba intacto despóis de cen anos. Intacto ata que a curiosa rehabilitación autorizada polo concello de Padrón o destruíu.
 
Pormenor do cenadoiro de ferro, s. XIX
Invisible patrimonio cultural que non se debeu percibir: o camelio centenario que extendía a súa copa de cor na invernía, os muros históricos de pedra que o delimitaban e que sombreaban un dos caleixóns más pintorescos da vila, o cenadoiro de ferro cupulado cuberto de enredadeiras, os pedestais e mesas de pedra, os debuxos con sebes de buxo, e a vexetación ornamental coas palmeiras que acompañaban as galerías acristaladas da fachada posterior. Nada disto foi percibido, e polo tanto, o remanso de arquitectura vexetal acabou irremediablemente convertido nun vulgar patio traseiro de garaxe.


Nin as cautelas sobre a súa protección cultural mentres se tramita a aprobación do seu Plan Especial -obriga lexislativa- nin a cercanía das oficinas municipais impediron a destrucción deste pequeno espazo natural no corazón do casco vello padronés.

Elevar a un rango menor o patrimonio galego dos xardíns, a agresividade do cambio de uso (dunha parcela arbolada a un parking raso), o fomento do uso do vehículo polo interior das tortas calexas do casco antiguo, a perda de patrimonio natural, o empobrecemento da imaxe urbana... realmente testouse a destrución deste xardín e as afeccións sobre o conxunto? Que estratexia de protección está elaborando o xa para longo Plan Especial?. Analisa e garante este documento a conservación das hortas, agras, xardíns e paisaxes fluviais da ribeira sarense? Seguirá a  mesma estela o resto de xardíns e hortas do interior do recinto protexido?

O esmorecemento dun tempo cultural que non foi quen de se conservar, as ilustres e valiosas hortas domésticas do recinto intramuros en pugna polo aproveitamento urbanístico cos vehículos, o nunca visto!, a mediocridade dunha edificación inmobiliaria que se abre paso nos rueiros do conxunto histórico, o mapa emocional rosaliano desventrado ao que pode sumárselle á conta o sucedido co Arretén.


Anular a espesura e complexidade destes bosques urbanos, para quen o quixese considerar, achará que o grave e horrible saneamento é cousa que cumpre moito nesta vida, no que o desfacer é tan doado, e doada é a baixada ao abismo, di Virxilio.

Propoño que sigamos convertendo a totalidade do casco vello, suprimindo as vivendas, nun parking amplo e cómodo. Non teremos onde vivir pero teremos onde aparcar. O souto é un claro exemplo.
 
Estado actual do xardín.Onde antes había un verxel e espazos verdes cualificados, agora hai… o que se ve na imaxe. Dentro de pouco tempo presumiblemente haberá un fermoso parking. Y quedará precioso -advirten algúns veciños- que a partir de agora poderán disfrutar libremente sen os obstáculos das árbores, das vistas sobre as medianeiras cegas da especulación inmobiliaria. (Antes non era posible porque o xardín coas súas árbores e paxaros o impedían)
Inicio das obras de destrución do muro do xardín, estado de fai un ano


Catálogo florístico do xardín centenario:
Buxus sempervirens
Camellia japónica
Hydrangea
Laurus nobilis
Lonicera caprifolium
Trachicarpus fortunei
Wisteria sinensis