Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

miércoles, 3 de diciembre de 2014

Xardín da praza de Azcárraga, A Coruña

O arquitecto municipal Pedro Mariño foi o encargado de deseñar estes xardíns no ano 1896 adaptando o vello modelo en cruz tan coñecido, á forte pendente resultante da praza, tras quedar ista valeirada en boa parte trala demolicións das vellas construccións municipais.

Esta praza regularizada xeométricamente e axardinada no século XIX foi o centro da cidade vella medieval da Coruña, aberta ás casas do Concello, almacéns de artillería e á Intendencia. O nome actual, é unha deferencia ao xeneral Azcárraga polo seu apoio en 1896 á recuperación para a cidade da Capitanía Xeral.

Pormenor da fonte dos desexos

O século XIX mudou pois unha dinámica praza pública, que foi durante séculos escenario urbano de celebracións e diversos actos, e mercado de venda de gran, nun xardín romántico, umbrío e silencioso protagonizado por unha rotonda central octogonal de plátanos, que circunda unha fermosa fonte de fundición rematada por unha venus ou figura feminina sostendo un farol.

Bibliografía:
-FERNÁNDEZ, X., O arquitecto Pedro Mariño Ortega (1865-1931), Editorial Galaxia

jueves, 9 de octubre de 2014

Xardín de villa Rosa, Baiona

PAISAXES CON PRATOS ROTOS
Resgardada polas cortinas de tres araucarias, impón a súa silueta sobre Baiona a fábrica sobrealzada da casa Mirambell. O empresario barcelonés afincado en Vigo, Tomás Mirambell ergueu sobre unhas rochas da praia da Concheira unha bonita e francesa construcción con mosaico rosado nas fachadas, que a luz do atardecer tingue disa cor peculiar que lle da nome..

Texturas dos muros de cerámica no xardín de villa Rosa





Dous grifos no muro e dous leóns brancos deitados nun primeiro parapeto gardan a entrada ao xardín. Traspasada a porta, o intradós dos muros se enche de fermosos murais con animais debuxados en trencadís: aves do paraíso e exóticas zancudas.
O xardín é unha colorista terraza que serve de balcón para admirala ría de Vigo: as illas Estelas e a fortaleza de Monterreal.

Debuxos xeométricos no mobiliario do xardín
O xardín se compón de varias terrazas comunicadas entre sí por escaleiras moi desenvolvidas, con elegantes trenzados, balaústres e diferentes xarróns. Nos recunchos a ámbolos lados da escaleira central, deséñanse pequenas estancias con bancos de fábrica para formar espazos íntimos resgardados das miradas.

O xardín é unha rexeneración universal de fragmentos inverosímiles de tazas, pratos, cuncas, azulexos, mosaicos, fillos de tódalas nais, e de toda condición refundidos nun todo colorista que brinda sen complexos a súa personalidade multiforme.

Xardineiras no paseo dos leóns
Pezas de gres como pequenas acróteras -da fábrica Guisasola de Asturias- limitan na terra os pequenos axardinamentos e debuxan os camiños e praciñas do xardín.

A fantasía expresada no revestimento pétreo deste xardín urbano e estival, contrasta co academicismo Beaux Arts expresado no prisma erecto da casa. Únicamente ésta se desfai da súa esquina Este para expulsar do seu perfil unha cápsula de vidro que forma un fermoso capricho de ferro.

Mosaicos de aves no muro de contención do xardín

Ista experiencia edilicia de raigame catalá tivo pouco predicamento na zona debido, pode ser, á súa propia caracterización allea á tradición local. Porén ficou convertida nun estrano artefacto arquitectónico dominando á vila do Val Miñor.

Don Tomás e a súa familia recibían nesta casa e xardín de Baiona visitas de menbros da Real Academia Galega, cando tralas sesións celebradas en Vigo percorrían a comarca de excursión. Visitas presididas por Manuel Murguía acompañado da súa filla, e que foron recollidas documentalmente na revista Vida Gallega nos anos dez.

Deseño de pavimentos xeométricos

viernes, 19 de septiembre de 2014

NON INTEGRATIO!

DANOS CON CAFÉ NA CARBALLEIRA DE SANTA SUSANA
Intervencións nun xardín histórico: o caso compostelán.

Recén instalado e inaugurado un flamante negocio privado de concesión pública nun espazo tan sensible como a carballeira de Santa Susana, ao pé da neoclásica Porta dos Leóns, cómpre preguntarnos o obxecto dos bens culturais na nosa sociedade cando estes sen rubor son alterados ou danados por intereses alleos ao público.

A deficiente integración no parque do novo edificio que substitueu ás churreiras, nunha contorna de carballos centenarios, causa verdadeiro rubor. Literalmente, a edificación -proxectada supostamente respetando o parque- papou tres árbores e provocou a morte dun cuarto exemplar (convenientemente substitído por un cadro eléctrico). Asimesmo a construcción do soto-almacén está danando as raices das árbores sobrevivintes, ao mesmo tempo que copa e troncos son danandos pola propia edificación sobre rasante que as atravesa, anunciando previsiblemente a morte dos tres exemplares.

Existe un seguro de responsabilidade polos perxuizos nas árbores do parque? xa que supostamente as arbores están integradas no edificio, cando morran serán substituídas por outros exemplares adultos no mesmo sitio para gardala integridade do proxecto, ou deixarán sitio a novas mesas ou cadros eléctricos?
Nunca tan caro nos costou o café aos santiagueses!
Agora sabemos alomenos o bo edificio que eran as dúas churreiras destruídas (na imaxe inferior).

 "Toda modificación do medio físico que poña en perigo o equilibrio ecolóxico debe ser proscrita.(...) Os elementos de arquitectura, escultura e decoración, fixos ou móbiles que son parte integrante do xardín histórico non deben ser retirados nin desprazados máis que na medida que o esixa a súa conservación ou restauración" (Carta de Florencia, carta dos xardíns históricos, 1981, ICOMOS, IFLA)


 
Estado da carballeira de Santa Susana no ano 2013 coas tradicionais churreiras hoxe desaparecidas que exercían como porta monumental á subida do monte. A dereita da imaxe o carballo centenario hoxe substituido por un cadro eléctrico.

miércoles, 30 de julio de 2014

Perigo de destrucción dos xardíns de Mondariz-Balneario!

Unha urbanización de vivendas proxectada no Bosque do Balneario fai perigar os centenarios xardíns do Establecemento Mineiro-Medicinal de Mondariz. 

O máis afamado parque balneario de Galicia foi creado en torno ao manancial de Gándara descuberto no ano 1873. Aparte do templete clásico de A. Palacios que solemnemente hoxe o cobre, o manacial foi rodeado dunha máxica espesura vexetal de carballos como sublimación arquitectónica da valiosa fonte medicinal. Este parque que sube polo monte iníciase nunha monumental escalinata pacega, primeira pegada da importancia deste bosque no que nacen as augas, e que seguindo a tradición de santuarios galegos con augas milagreiras asociadas, foi sacralizado cunha capela no alto do monte.

Pormenor do Coro Románico no Bosque do Establecemento
O chamado bosque (na súa acepción castelá) constitúe un singular espazo con entidade propia dentro dos xardíns do Establecemento para paseo e lecer dos agüistas, e como tal, así foi publicitado en numerosas ocasións desde o mesmo momento da súa creación, servindo de imaxe icónica nas miles de postais e publicacións tiradas dende entón.

A forte proxección internacional do balneario fixo que fosen moi coidados tódolos seus elementos, con especial interese en dotar dun ambiente cosmopolita ao parque que circundaba as instalacións e as integraba nun conxunto. Así, foron proxectadas neste, diversos eixos de escalinatas; rotondas de fontes con carballos; chalés suízos -de pequena escala e perfectamente integrados no bosque-; mobiliario rústico simulando enramados; miradoiros con balaustradas... e sobre todo salientando a curiosa construcción do depósito de auga formalizado coma torreón almeado no alto da finca, e no medio dun pequeno estanque en forma de lagoa.

Asimesmo, os dous chalés do bosque, de don Luís e dona María, son pequenas arquitecturas exemplo do coidado co que se interveu nete espazo, e ofrecen as primeiras tipoloxías dun hotel fragmentado no bosque. Son edificacións con vocación centroeuropea que incorporan novos materiais de construcción formalizando atrevidos voos para crear amplos miradoiros sobre o parque.

Pero este excepcional espazo é responsable sobre todo, de crear a atmosfera dunha paisaxe singular de bosque sagrado con venerables ruínas, aproveitando os recursos da topografía existente, e como lenitivo da saúde-reforzo das augas medicinais. Un xardín que ademáis disolve os seus límites espandíndose nos montes de arredor, e se proxecta paisaxísticamente a todo o val que o circunda caracterizando a mesma esencia da propia vila balnearia.

Unha pequena natureza sofisticada e arquitecturizada á moda, variada e culta, na que se crea un marco singular para admiralas ruínas da Antigüidade. Todo isto responde ás mostras do aprezo decimonónico pola cultura do país, que rescata do abandono restos medieváis e os integra museísticamente nun parque, poñendo en valor o pasado como recurso tamén emocional en paralelo á curación do corpo.

Por todos estes aspectos considerados, pode calificarse aos xardíns do Establecemento de intensa experiencia arquitectónica, na que a previsión de construir unha urbanización de vivendas no bosque xunto con outros edificios na horta, só evidencia a cegueira de determinadas institucións frente aos bens culturais que deberían tutelar. Que os xardíns históricos como espazos singulares da nosa cultura capaces de aportar significados, sexan visibilizados todavía hoxe como soares susceptibles de urbanización non deixa de sorprendernos nin sequera nesta crise. O esgotamento de non entender os bens culturais tamén como recursos económicos en sí mesmos, fai que se poñan en perigo constantemente, cousa que amosa perfectamente iste convenio urbanístico.
Capela do Carme no Bosque do balneario

Información:
http://es-es.facebook.com/pages/SOS-Xard%C3%ADns-Mondariz-Balneario/1438146646448655


martes, 3 de junio de 2014

Arbore pétrea en Abegondo

Árbore pétrea pertencente ao grupo de vivendas da Obra Sindical do Fogar en Abegondo. Márcase esta exótica e rara flor urbana dos anos sesenta nas márxes da estrada de Abegondo a Mesón do Vento. Erixido como símbolo do novo acontecer urbano: marca urbana, flor de formigón.
Eterna flor artificial, xenerosamente desenvolvida que anuncia o vindeiro mundo urbán.

Estrutura arbórea abegondesa
Metáfora do progreso, exaltación acuática.
Pódese interpretar como unha fonte externamente seca, impenetrable, pero que garda nas súas entrañas a auga que discorre polos seus troncos

Máximo altar hidráulico
 
É tan atractivo formalmente que custa asumilo seu parco contido funcional, máis acorde a un novo simbolismo de faro contemporáneo, ou de vangardista natureza mellorada. Cómpre definila súa pegada e acláralo seu novo protagonismo cidadán, pois de seguro que non comprendemos aínda ista ara de cemento, auténtico tótem cultural que se vai constituír co tempo (máis aló da propria infraestrutura hidráulica) en obxecto de estudo.
 Peza artificial espacial, foguete icónico que non despega.


sábado, 12 de abril de 2014

Desaparición do cactus do Milladoiro

A recente desaparición do cactus columnar no Milladoiro tráenos á mente o pensar cómo se está construíndo a paisaxe urbana da nosa cidade contemporánea ao marxe das plantas, e se é factible un espazo público orfo destes organismos vivos.

O problema é incómodo porque nos retrata como sociedade por moito que se armonice despóis o ambiente urbano con efímeras xardineiras de plantas vivaces

O cactus do Milladoiro querido e prezado por tódolos veciños pola súa forza, vellez e desenvolvemento vexetal, podía considerarse como un éxito do espazo urbano non proxectado, e unha auténtica icona natural da rúa Rosalía de Castro. O seu acomodo nunha zona urbana hostil o convertía nun resistente cultural que reivindicaba outra forma posible de actuar nas nosas cidades.
 
Con todo o anterior, ben se podería haber procedido a amplialas beirarrúas en detrimento das prazas de aparcamento adxacentes, se a fluidez do tráfico peonil se houvese invocado como causa da tala; ou ben se houbese podido protexela estrutura arbórea da planta con algún recurso arquitectónico axeitado, se a seguridade do peón fose o motivo. Pero o máis realista e incómodo quizáis, é pensar que se cortou a árbore porque simplemente foi visibilizado como un estorbo para as persoas.

Estrana desaparición do cactus do Milladoiro  

lunes, 7 de abril de 2014

Destrucción do tapiz de buxo do xardín de San Roque, Santiago

O Concello de Santiago destrue parcialmente o xardín histórico do antigo hospital de San Roque.

Este xardín conservaba un parterre dobre de buxos a ámbolos lados do paseo central, enmarcado por dous rododendros no seu comenzo. 
Trazado do parterre oeste protexido polo PE-1

O trazado xeométrico respondía a un dobre deseño en cruz con rotonda central, moi común en Santiago, que estaba ademáis limitado lateralmente por dous camelios no lado oeste, e dous aligustres no leste, formando unha fermosa unidade compositiva agora perdida, e que merecera unha protección expresa dentro do Plan especial de protección da cidade histórica de Santiago.

O debuxo vexetal contaba, como contrapunto, cunha acacia negra no parterre leste, e unha palmeira canaria no interior do parterre oeste. Ao desaparecer o tapiz que as ordeaba, as especies perden a súa relación entre elas e fican illadas nun campo anodino de céspede, que altera o sentido histórico do trazado do xardín.

O resto da antiga horta, un pequeno e sinxelo campo con diversas árbores frutais, queda modificado de forma cuestionable coa instalación de infraestruturas alleas ao espíritu do xardín.

O trazado do xardín e horta de San Roque ten protección xurídica dentro do PE-1 e polo tanto deben ser conservados, e niste caso restaurados.

martes, 1 de abril de 2014

Xardín do pazo de Montesacro, Cambados

Exemplo de xardín ornamental traseiro, tipico dos pazos urbanos, neste caso no núcleo de Montesacro en Cambados. O xardín privado estruturase -trala fachada traseira do pazo- acotando un espazo plano no que se debuxan os trazados xeométricos, feitos con aliñacións de buxo, e formando parterres ocupados no seu interior con palmeiras canarias e pequenas bolas e conos vexetais.
Xardín xeométrico do pazo

A habitación da marquesa como peza destacable dentro da casa relaciona por situación o xardín e a capela (a cuio ábside rodea), e ten acceso directo ao xardín a través desta solaina e patín exterior que serve de miradoiro sobre o debuxado no xardín.

Presenza importante neste pequeno xardín ornamental é o corpo circular cupulado dunha antiga garita defensiva adosada ao muro de peche, con rotunda formalización e engado e que tipolóxicamente se volve a repetir no corpo poligonal do pombal da horta. A separación coa horta faise plantando no seu límite catro grandes cedros que limitan o mundo agrario traseiro.

O deseño do parterre segue un sinxelo modelo barroco a partir dun rombo central e demais figuras triangulares de engarce en torno a el. Trazado moi característico e estendido de finais do século XVIII, aínda que lixeiramente desdebuxado co paso do tempo e as novas construcións do seu carón.
A introdución das palmeiras canarias en época posterior -principios do s. XX- ven a levantar a planeidade do tapiz verde en forma de robustas columnas vexetais

Mesa de cerámica na palmeira da garita
A riqueza da sucesión de espazos axiais neste pazo queda posta de manifesto no eixo da súa fachada co mar: a praia e o pequeno porto en primeiro termo, a praza diante da fachada (servindo como mirador de todo o pobo); o xardín traseiro singularizado polo seu ornamento e filigrana; e finalmente a longa horta estendida de novo ata o mar.

A finca histórica sofreu a comenzos de 2000 unha  perda importante da súa integridade creandose un precedente perigoso, cando se acometeu unha urbanización de vivendas no interior do seu recinto intramuro mutilando gravemente o seu perímetro e comprometendo a súa relación co mar. Máis grave quizais por pasar esta desgraciada actuación practicamente desapercibida para os organismos encargados da proteción do patrimonio cultural.

O pazo perfectamente conservado aloxa, desde a morte da marquesa nos anos cincoenta, ás Irmanciñas dos Anciáns Desamparados que dirixen a residencia de anciáns actual Virxe da Valvanera padroa da capela do pazo.
A Torre de San Sadurniño

sábado, 1 de marzo de 2014

Xardín de don Álvaro, Lalín

Xardín do kilómetro cero de Lalín: o centro xeográfico galego nun xardín ecléctico da primeira metade do século XX
Vista xeral do xardín dende a rúa Principal

Planta xeral















 O xardín da casa de don Álvaro Goyanes construído á súa beira, con peche de forxa, e fronte á rúa Principal,  responde a un trazado ecléctico tardío formado por dobres borduras de buxos en torno a un gran cedro central. Fronte á súa sinxeleza, organízase en dous eixos perpendiculares, con centro no círculo vexetal central, e que une a porta do xardín da casa - a través de escalinata con balaustrada- e o portalón de ferro saída esterior á rúa.

O pequeno parque arbóreo, exemplo de dinamismo urbano, contén unha frondosidade pouco común na vila de Lalín con dúas pequenas palmeiras (trachycarpus fortunei) flanqueando a entrada, e a rica mobilidade do seu trazado de sebes de buxo, tendo en conta ademáis a reducida estensión deste pequeno xardín.

A presenza de calidade dos parques lalinenses queda incorporada coa perfecta estatuaria de Joaquín Loriga nos xardíns do seu mesmo nome, e a figura do matemático Aller Ulloa no adro da igrexa. obras senlleiras de Francisco de Asorey. 

domingo, 2 de febrero de 2014

Parque do sanatorio de Cesuras, 1924-1929, Oza-Cesuras


 O parque fórmase nunha extensa parcela con forte pendente de Oeste-Leste, lixeiramente cadrangular, disposto entre o camiño de ferro e a estrada de Oza a Cesuras, no lugar de Paraxo.
 
O Dispensario Antituberculoso da Coruña elixiu este lugar, ben soleado e ventilado, para erixilo parque-sanatorio que había de ser construido en plena comunión coa natureza, e para o cal se encargou o proxecto ao arquitecto coruñés Rafael González Villar.

O proxecto do parque deixaba ao edificio sanitario no corazón mesmo da finca, accedéndose dende Oza no punto máis alto, para así descender en línea recta a eixo coa proxectada igrexa e salvala excavación do terraplenado cun paseo curvo en media lúa para entrada a ámbolos pavillóns (de homes e mulleres).
Dende Cesuras e a propria estación do tren, o camiño de entrada buscaba o punto de acceso sureste formalizado cunha área triangular con peche exterior en semicírculo. para dende alí, e nunha suave curva sen pendente,  chegar ata a fachada principal.
 
Todo o parque se organizaba en función do proprio sanatorio, e da súa mole irradiábanse os camiños e paseos peonís que se proxectaban a tódalas esquinas do parque. Ofrecéndose unha clara simboloxía benefactora do edificio como astro solar, pola que por medio do repouso e demáis coidados médicos que ofrecía o establecemento tiña lugar a sanación final. 


As bondades do pazo sanador, materializado logo na estrutura do parque, tiña tamén outros ámbitos xeográficos dispostos como satélites arredor del, esto é, a fonte de auga que brotaba nunha mina na mesma finca, e  se formalizaba nunha glorieta con rotonda exterior de árbores, Ou outros claros no bosque que buscaban aperturas de puntos de vista sobre o val tamén a partir de valeiros circulares na frondosidade.
 
A densidade do parque conseguíuse por medio dunha plantación predominante de eucaliptus globulus, para dunha forma rápida, conquerir a espesura e illamentos necesarios.
O naturalismo se ofrecía como a visión máis ventaxosa no parque para os fins dun programa que buscaba básicamente volcarse na nutricia Natureza e nas súas formas curvilíneas.
 
O proxecto frustrado, non deixou rematada a construcción e converteu cedo en ruína romántica a totalidade do parque.


Bibliografía:
AAVV, (2013), A restauración do parque forestal de Cesuras. Antecedentes, situación inicial e actuacións desenroladas. Deputación da Coruña, Agader

jueves, 2 de enero de 2014

Paisaxes cerámicas da Alameda de Pontevedra

Escena popular con cruceiro e parra
Servindo de contrapunto no seu extremo á Casa do Concello, o longo paseo da Alameda de Pontevedra rematou -nos anos vinte- nunha escaleira con murais cerámicos do pintor Carlos Sobrino

Estes barros vidriados, ou azulexos trianeiros, foron  moi empregados como cerámica artística en moitos xardíns privados e parques públicos de España na primeira metade do século XX.

A fábrica Mensaque Rodríguez y Cía foi a  encargada de cocelas pinturas de Carlos Sobrino, que ideou un programa iconográfico netamente galego, con postais guarnecidas en grosos marcos, que recollen as paisaxes monumentais máis senlleiras do noso territorio: Combarro, Monterrei, a muralla romana de Lugo, as prazas de Pontevedra...

Estes cadros están circunscritos ao semicírculo do muro de contención da alameda pontevedresa, convertindo un espazo, inicialmente residual do xardín, en auténtico expositor turístico que canta as belezas da terra.

Imaxes costumbristas eficientes por pintorescas que retratan ao pobo na súa vida cotiá. Imaxes serenas tan correctas como pouco vangardistas, preciosistas na súa execución sobre todo no acabado seu brilante, que ofrece a superficie esmaltada cerámica.
Os lenzos de barro foron restaurados en 2010 polo Concello de Pontevedra, podendo pois agora achegarmonos mellor á súa beleza e  delicado engado.

Bibliografía:
LUQUE MENSAQUE, B., (2012), La cerámica trianera en el jardín de Sorolla, en Pieza del mes de octubre. Museo Sorolla