Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

domingo, 18 de abril de 2021

Xardín das Nereidas, Samos

Admitamos denantes de calquera outra cousa que é a sorprendente figuración escultórica da fonte a que domina o xardín no claustro denominado das Nereidas. Os corpos ondulantes das serpes inclínanse cara ao visitante e cuspen en liquída traxectoria a auga da súa boca inflada. Insólita desde logo estampa neste mosteiro lucense que conta con estas cimbreantes ninfas pródigamente representadas, saíntes da árbore da fonte, alarde técnico e visual que encende ao espectador e paseante do xardín. O festín figurativo nada cicateiro amosa a voluptuosidade e a abundancia das esculturas cos seus xogos de auga brindando un espazo que moi ben se completa -e atopa acomodo- no exotismo das especies vexetais.
Pormenores do xardín das Nereidas, e ciprés milenario que lle da nome á capela do Salvador

Porén o trazado do xardín non parece nada espectacular, pero do que non é doado absterse da atración que supoñen os oito pretos peitos eclipsando verdor e arcos oxivais por igual, que desde logo non lle fan sombra. A vertical da torre do reloxo coa súa coroa metálica que emerxe da fábrica conventual; as especies perennes do xardín sempre verdes, os latexos sonoros das campás; o silencio espectante do espazo,...todo nos remite a esa luxuria discreta e obsequiosa monacal.
A hexemónica presenza das ninfas co seu dificil equilibrio dentro da fonte, canta as virtudes dun mundo mariño cheo de  perigos e de monstros, cando se somete ás influencias da superficie terrestre. Dones e dádivas do hídrico mundo azul, esta auga cantarina que avisa da súa chegada cun escenario no que a danza das serpes transforma en paraíso o xardín.

Xardíns no claustro Grande e das Nereidas
 
Dúas opcións hai para percorrelo escenario mitolóxico do xardín: o paseo discreto baixo as bóvedas e tralos arcos -en secuencia protexida-, e no que as alturas do claustro permiten escudriñalo desde puntos diversos de vista.; ou a achega directa á fonte dos milagres atravesando o campo da herba.

No ano 1946 instalouse no veciño claustro Grande ou de Feijoo a escultura do abade, magnífica obra de Francisco Asorey quedando equilibrada en certa medida ista disfunción que sufria co seu veciño das Nereidas, coa colocación dun grande obxecto e que motivou o remozamento da cruxía do xardín