Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

miércoles, 27 de noviembre de 2024

Horta e xardín das Meilás, Mondoñedo

Gran horta de recreo ao leste do vello seminario de Mondoñedo. 

Este impoñente xardín de austero trazado é unha peza singular da cidade histórica de Mondoñedo e mantén, polo momento, a potencia da terra, excluída de edificación e automóviles. Unha fábrica hortícola entre paseos de flores que nos remite ao precedente dezaoitesco de horta ilustrada que Antonio Raimundo Ibáñez construíu para as súas fábricas de Sargadelos.

Conta cun trazado que divide o espazo en catro seccións cunha glorieta central circular con bancos e mesa de pedra. Os catro patamares e o paseo perimetral estan limitados con cantoneiras de lousa que manteñen nítida a estrutura orixinal. A horta, cunha función eminentemente utilitaria carece de edificación algunha agás un fermoso alpendre en esquina, a cabalo do gran muro de pedra de peche, con patín exterior e muros revocados e pintados de branco. Ao seu lado, na esquina suleste ábrese un portalón de madeira que é a súa antiga entrada principal dende o camiño do Penedo.

Recinto murario da horta, hoxe sen cultivos


Orixinalmente de forma trapezoidal, veu os seus limites regularizados cara o cadrado coa construción da estrada de Lindín, actual avenida de Bos Aires e a rúa de Vilalba. 

Algunhas destas hortas extramuros á cidade transformáronse, a principios do século XX,  en fincas de recreo, con ou sen casa principal, na que se instalaban pequenos pavillóns de lecer con terrazas e patíns... pechados con vistosas verxas modernistas como no veciño predio á nosa horta que é outro exemplo destacado.


Glorieta central con bancos de fábrica


A maior parte das plantacións vexetais desapareceron hoxe no interior da finca e ista fica sen cultivar. Non obstante sabemos que contaba con grandes cipreses que puntuaban os paseos principais en cruz. 

A horta das Meilás é un exemplo da conversión do cinto agrario produtivo da cidade medieval en predios de lecer para o paseo privado que non podía ter lugar na angostura da cidade intramuros co mesmo desenvolvemento.

Alpendre en esquina xunto á entrada principal, única edificación da horta

A cidade de Mondoñedo conta ademais cun importante patrimonio de parques, xardíns, alamedas e hortas medievais, que unido á súa beleza paisaxística e arquitectura histórica a converten nunha das cidades mellor conservadas de Galicia nas que a especulación urbanística todavía non fixo mella.

Finca modernista na avenida de Bos Aires


domingo, 1 de septiembre de 2024

Desaparición do teixo do asilo de Pontedeume!

Triste perda do patrimonio vexetal galego: a desaparción do teixo eumés centenario do asilo

Aínda que todas as miradas se concentraban no teixo da familia Tenreiro, a escasos metros de distancia, este magnífico exemplar, que gozaba de boa saúde, excepto polo acoso urbanístico desaforado que o rodeaba, desapareceu e con el todo o parterre de buxos que o acompañaba nun recanto do xardín do vello asilo, orixinalmente ubicado á beira do mar. Só quedou, desubicada, a estrutura da escalinata pola que se accedía aos dous andares con que estaba organizafo como miradoiro sobre a ría. A triste silueta que quedou, murcha e illada. (escaleira hacia a nada, literalmente) testimonia a perda e a ausencia

Dende xa un par de anos atrás, en plena pandemia sanitaria, o teixo podado, construído e habitado do vello asilo de anciáns da institución privada Irmanciñas de Anciáns Desamparados, xa non existe.

A árbore, unha icona vexetal da vila xunto co seu homónimo exemplar da finca Tenreiro, desapareceu e con ela máis dun cento de anos da historia.eumesa.

Onde está o teixo centenario do antigo asilo de anciáns?


domingo, 14 de julio de 2024

A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do xardín do vello sanatorio Santo Agostiño

A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do vello xardín do sanatorio Santo Agostiño! (Xardín catalogado polo PE-1)

Chipperfield e a destrución do patrimonio cultural


Debuxo do cenadoiro historicista de comezos do seculo XX que se conservaba no xardín do sanatorio Puente Castro


O primeiro desembarco da empresa Chiperfield-arquitectos en Compostela mutada na fundación RIA non puido ser máis desafortunado, exemplarizando a escasa atención polo patrimonio da mesma sede que ocupa: o vello sanatorio do doutor Puente Castro. O primeiro feito da suposta rehabilitación exemplar dun inmoble catalogado foi a eliminación do seu xardín centenario. Nin o deseño dos cadros de buxo que conservaba, nin a escultura de bronce do doutor homenaxeado cuxo busto centraba o espazo romboidal nin a herma feminina modernista nin o asombroso cenadoiro en pérgola neoárabe que conservaba foi salvado. Todo desapareceu fronte a correctora mirada do técnico inglés

O cenadoiro era unha mostra de xogo ou divertimento intelectual único nun xardín compostelán, no que o deseño dun aparente banco corrido con espaldares en pérgola escondía un xogo formal travestido en forma de lámpada marabillosa das mil e unha noite. Esta follie irónica, lámpada dos desexos se conservaba no xardín do adusto sanatorio quirúrxico dende principios do século XX, paradoxa por certo, que nun lugar de sanación e preto dos cheiros do matadoiro se optase por unha ironía oriental á beira dun estanque con estrelas e se conservou incólume coas oficinas do proxecto Home que o mantivo coidado e ben preservado. Entón chegou o arquitecto inglés experto en arquitectura galega  e a súa ecuánime máquina de consellos que é a fundación 

O 22 de xuño publicábase na prensa compostelá, con ampla reportaxe gráfica, a presentación e apertura das instalacións compostelás dun proxecto sen ánimo de lucro que ía cambiar o mundo (o urbanismo en Galicia) comandado pola empresa Chiperfield (premio Pritker de arquitectura 2023)

Tamaña bondade e ofrecimento aos pobos de Galicia xa se vira recoñecido polo entón presidente da Xunta que nun acto flamante na CdC agradecíalle en público que veranease en Galicia. O que nos indica, dado o papel institucional autonómico do presidente, que cando un extranxeiro (preferiblemente anglosaxón ou norteamericano adiñeirado) veranea en Galicia nós temos que sentirnos agradecidos ou emocionados.

Pois ben, o seu traballo e falta de lucro chegou por fin a Santiago tomando sede, aberta ao público, no luxoso e extinto sanatorio San Agustín, na rúa Virxe da Cerca, un palacete decimonónico cunha das galerías na fachada máis icónicas da cidade, obra de Pereiro Caeiro ornada con ménsulas taiadas en forma de aguías que se levantou sobre unha edificación anterior de Faustino Coumes-Gay.

Naturalmente, para ofrecer eses servizos urbanísticos de beneficencia precisa recibir encargos públicos cos que os custear e xa se albiscan os novos pedimentos da administración local disposta a non desaproveitar a chegada do demiurgo á cidade.

Supoño que os consellos ou o asesoramento urbanistico sen ánimo de lucro ofrecido aos concellos e outras Administracións Públicas seguido de contratos públicos, son mellores cando se ofrecen dende un palacete da cidade histórica valorado en millóns de euros que dende un piso do Milladoiro. Son de maior calidade.

O concello de Ribeira e outros do Barbanza acollían e recibían ledos os consellos sobre o espazo urbano para amañar aquelo que eles mesmos co seu urbanismo mediocre e especulativo destruíron anteriormente. Non hai nada como que che diga un prestixioso extranxeiro o que hai que facer e non unha panda de ecoloxistas locais.

A xenerosidade Chipperfield parece ser infinda e se en Corrubedo gozan dunha obra escultórica de Anthoney Gormley no mar cedida en préstamo ao concello, para ser vista curiosamente dende a casa Chipperfield, xa que por algo elixíu el a colocación e non a Administración Pública; Santiago, que non é menos que Ribeira espera as preces dunha filantropía tan xenerosa.

 Se o vello xardín do sanatorio sofreu o impetu corrector (que de facerse nun país tan amante dos seus xardíns como o británico nunca se tería permitido) e xa se perdeu, agardamos pois o próximo capítulo desta leria.

O cenadoiro neoárabe, a pesares de estar protexido como parte do xardín, xa non existe por obra e graza da flema do mestre inglés.

miércoles, 22 de mayo de 2024

Encontro sobre xardíns históricos no Consello da Cultura Galega


Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

Consello da Cultura Galega

"Xardíns Históricos: a protección dun patrimonio cultural"

11 de xuño de 2024

Santiago de Compostela e Noia


Máis información en:

https://consellodacultura.gal/evento.php?id=201868




https://agalegaaudio.gal/videos/detail/150395-xardins-historicos-galegos

sábado, 4 de mayo de 2024

Xardín do pazo de Marcial del Adalid

Francisco LLORÉNS (1874-1948)

Xardín do pazo de Marcial del Adalid

ca. 1918, óleo sobre lenzo

Museo de Belas Artes da Coruña

Depósito de Rosario Lloréns de Quijano






Pormenor




martes, 2 de abril de 2024

Xardín do adro da igrexa de Pinza, Viana do Bolo

 Xardín de buxo do adro de Pinza

Xardín sacro que ocupa a totalidade do adro da igrexa, desocupados os enterramentos e trasladados ao novo recinto da esquina norleste.

O xardín como promesa do paraíso antecede ao templo e desprega un fragante tapiz de verdor co pano de fondo da fachada da igrexa co seu arco apuntado medieval e a súa alta espadana no eixo.

A sinxela cancela de acceso ao adro cúbrese cun arco vexetal de rosas entre dous pináculos e dende este umbral se desprega o recto camiño directo ao templo.


Camelias xapónicas do parterre norte

O trazado de sebes de buxo en aspa -en ámbolos dous parterres aos lados do camiño- segue o mesmo deseño que ostentan os plafóns da fermosa carpintería da porta da igrexa reforzando a ligazón entre xardín e templo.

No interior dos cadros plántanse diversas flores e algúns arbustos con podas esféricas. As flores serviran despois para engalanar o altar.

O xardín alóngase lateralmente á porta sur e acompaña a subida ao campanario dende o que se divisa a paisaxe e o propio adro.

Parterre sur co trazado en aspa

O xardin, modesto e sinxelo non sobrepasa coa altura das súas sebes os muretes e valados de pedra do seu perimetro conseguindo reforzar a tensión de todo ese espazo. Uns pasos de lousas de pedra encastrados no muro permiten un acceso directo dende o camiño ao igual que en calquera outra leira da aldea.

A única camelia existente, de flores vermellas, sinala o acceso ao cemiterio na esquina norte.

Un xardin resgardado baixo o son das badaladas, un paraíso modesto de flores e cruces entre prados e soutos de castiñeiros.


Xardín relixioso que antecede á igrexa parroquial


miércoles, 21 de febrero de 2024

Paisaxe cultural das minas romanas das Borreas, Viana do Bolo

 Minas romanas das Borreas, Caldesiños

Ruina montium ao pé do rio Camba. Paisaxe desgarrada de ericaceas e carballos. Corte e desaparición xeolóxica dun monte por imperativo imperial.


O traballo da auga, a presión furando as entrañas da terra, o lavado dos materiais e o achado do ouro, o abandono e a desfeita ecolóxica, as telleiras e novos usos, a recuperación natural, os encoros de seculo XX...


Tan impresionante e o descenso brusco dende os 700 metros de altura cara o Camba como a vertente leste de carballos extendida dende a crista das Médulas ata os altos de Terragudas.

Unha paisaxe cun monte desventrado de ardente cor laranxa entre impresionantes soutos de castiñeiros.

A ola baleirada cos catro desaugadoiros ocupada agora por carballos e as antigas telleiras no chan da estrada actual.



sábado, 10 de febrero de 2024

Loa a la tierra, Byung-Chul Han


Un canto de amor á terra cultivada, á humanidade

O xardín invernal berlinés de Byung-Chul Han xunto á lagoa Wannsee. Xardín de sombra, de hostas e hortensias pero tamén de rosas con dous anxos rilkeanos que gardan a entrada.

O amante do xardín que bica a tódalas flores e arroupa con mantas ás camelias no inverno.

Reflexións e diario de xardín. A emoción da vida vexetal e a visión relixiosa do xardín. A contradición da rosa de Rilke. Creación de Deus. 

A paisaxe de Hiperión.

En Nápoles "Toco a Bach todos los días en mi jardín a la orilla del mar" (...) "Sus flores [hedra] atraen a las abejas y las mariposas. Le gusta sobre todo a la bella mariposa Vanessa, con su esplendor rojo y negro". 

"En realidad, el trabajo en mi jardín no es un trabajo sino una meditación, un demorarse en el silencio"