Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

domingo, 14 de julio de 2024

A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do xardín do vello sanatorio Santo Agostiño

A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do vello xardín do sanatorio Santo Agostiño! (Xardín catalogado polo PE-1)

Chipperfield e a destrución do patrimonio cultural


Debuxo do cenadoiro historicista de comezos do seculo XX que se conservaba no xardín do sanatorio Puente Castro


O primeiro desembarco da empresa Chiperfield-arquitectos en Compostela mutada na fundación RIA non puido ser máis desafortunado, exemplarizando a escasa atención polo patrimonio da mesma sede que ocupa: o vello sanatorio do doutor Puente Castro. O primeiro feito da suposta rehabilitación exemplar dun inmoble catalogado foi a eliminación do seu xardín centenario. Nin o deseño dos cadros de buxo que conservaba, nin a escultura de bronce do doutor homenaxeado cuxo busto centraba o espazo romboidal nin a herma feminina modernista nin o asombroso cenadoiro en pérgola neoárabe que conservaba foi salvado. Todo desapareceu fronte a correctora mirada do técnico inglés

O cenadoiro era unha mostra de xogo ou divertimento intelectual único nun xardín compostelán, no que o deseño dun aparente banco corrido con espaldares en pérgola escondía un xogo formal travestido en forma de lámpada marabillosa das mil e unha noite. Esta follie irónica, lámpada dos desexos se conservaba no xardín do adusto sanatorio quirúrxico dende principios do século XX, paradoxa por certo, que nun lugar de sanación e preto dos cheiros do matadoiro se optase por unha ironía oriental á beira dun estanque con estrelas e se conservou incólume coas oficinas do proxecto Home que o mantivo coidado e ben preservado. Entón chegou o arquitecto inglés experto en arquitectura galega  e a súa ecuánime máquina de consellos que é a fundación 

O 22 de xuño publicábase na prensa compostelá, con ampla reportaxe gráfica, a presentación e apertura das instalacións compostelás dun proxecto sen ánimo de lucro que ía cambiar o mundo (o urbanismo en Galicia) comandado pola empresa Chiperfield (premio Pritker de arquitectura 2023)

Tamaña bondade e ofrecimento aos pobos de Galicia xa se vira recoñecido polo entón presidente da Xunta que nun acto flamante na CdC agradecíalle en público que veranease en Galicia. O que nos indica, dado o papel institucional autonómico do presidente, que cando un extranxeiro (preferiblemente anglosaxón ou norteamericano adiñeirado) veranea en Galicia nós temos que sentirnos agradecidos ou emocionados.

Pois ben, o seu traballo e falta de lucro chegou por fin a Santiago tomando sede, aberta ao público, no luxoso e extinto sanatorio San Agustín, na rúa Virxe da Cerca, un palacete decimonónico cunha das galerías na fachada máis icónicas da cidade, obra de Pereiro Caeiro ornada con ménsulas taiadas en forma de aguías que se levantou sobre unha edificación anterior de Faustino Coumes-Gay.

Naturalmente, para ofrecer eses servizos urbanísticos de beneficencia precisa recibir encargos públicos cos que os custear e xa se albiscan os novos pedimentos da administración local disposta a non desaproveitar a chegada do demiurgo á cidade.

Supoño que os consellos ou o asesoramento urbanistico sen ánimo de lucro ofrecido aos concellos e outras Administracións Públicas seguido de contratos públicos, son mellores cando se ofrecen dende un palacete da cidade histórica valorado en millóns de euros que dende un piso do Milladoiro. Son de maior calidade.

O concello de Ribeira e outros do Barbanza acollían e recibían ledos os consellos sobre o espazo urbano para amañar aquelo que eles mesmos co seu urbanismo mediocre e especulativo destruíron anteriormente. Non hai nada como que che diga un prestixioso extranxeiro o que hai que facer e non unha panda de ecoloxistas locais.

A xenerosidade Chipperfield parece ser infinda e se en Corrubedo gozan dunha obra escultórica de Anthoney Gormley no mar cedida en préstamo ao concello, para ser vista curiosamente dende a casa Chipperfield, xa que por algo elixíu el a colocación e non a Administración Pública; Santiago, que non é menos que Ribeira espera as preces dunha filantropía tan xenerosa.

 Se o vello xardín do sanatorio sofreu o impetu corrector (que de facerse nun país tan amante dos seus xardíns como o británico nunca se tería permitido) e xa se perdeu, agardamos pois o próximo capítulo desta leria.

O cenadoiro neoárabe, a pesares de estar protexido como parte do xardín, xa non existe por obra e graza da flema do mestre inglés.