Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

miércoles, 27 de noviembre de 2024

Horta e xardín das Meilás, Mondoñedo

Gran horta de recreo ao leste do vello seminario de Mondoñedo. 

Este impoñente xardín de austero trazado é unha peza singular da cidade histórica de Mondoñedo e mantén, polo momento, a potencia da terra, excluída de edificación e automóviles. Unha fábrica hortícola entre paseos de flores que nos remite ao precedente dezaoitesco de horta ilustrada que Antonio Raimundo Ibáñez construíu para as súas fábricas de Sargadelos.

Conta cun trazado que divide o espazo en catro seccións cunha glorieta central circular con bancos e mesa de pedra. Os catro patamares e o paseo perimetral estan limitados con cantoneiras de lousa que manteñen nítida a estrutura orixinal. A horta, cunha función eminentemente utilitaria carece de edificación algunha agás un fermoso alpendre en esquina, a cabalo do gran muro de pedra de peche, con patín exterior e muros revocados e pintados de branco. Ao seu lado, na esquina suleste ábrese un portalón de madeira que é a súa antiga entrada principal dende o camiño do Penedo.

Recinto murario da horta, hoxe sen cultivos


Orixinalmente de forma trapezoidal, veu os seus limites regularizados cara o cadrado coa construción da estrada de Lindín, actual avenida de Bos Aires e a rúa de Vilalba. 

Algunhas destas hortas extramuros á cidade transformáronse, a principios do século XX,  en fincas de recreo, con ou sen casa principal, na que se instalaban pequenos pavillóns de lecer con terrazas e patíns... pechados con vistosas verxas modernistas como no veciño predio á nosa horta que é outro exemplo destacado.


Glorieta central con bancos de fábrica


A maior parte das plantacións vexetais desapareceron hoxe no interior da finca e ista fica sen cultivar. Non obstante sabemos que contaba con grandes cipreses que puntuaban os paseos principais en cruz. 

A horta das Meilás é un exemplo da conversión do cinto agrario produtivo da cidade medieval en predios de lecer para o paseo privado que non podía ter lugar na angostura da cidade intramuros co mesmo desenvolvemento.

Alpendre en esquina xunto á entrada principal, única edificación da horta

A cidade de Mondoñedo conta ademais cun importante patrimonio de parques, xardíns, alamedas e hortas medievais, que unido á súa beleza paisaxística e arquitectura histórica a converten nunha das cidades mellor conservadas de Galicia nas que a especulación urbanística todavía non fixo mella.

Finca modernista na avenida de Bos Aires