Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 11 de junio de 2013

Parque do balneario, O Carballiño

Instalación do Gran Balneario do Carballiño, situado na propia vila, á beira esquerda do río Arenteiro, conformando un estenso parque decimonónico curativo e de lecer arredor das augas milagreiras coa espectacular paisaxe fluvial do rio construido tamén como un recurso arquitectónico máis do propio parque. 

Vista do edificio principal dende a pradeira



Un portalón de pedra con arco de metal publicitario introduce ao doente no parque que descende en suave pendente dende o centro da vila ata o cerne do conxunto termal. O acceso faise a través dunha frondosa carballeira pola que discurren os paseos de plátanos que se dirixen á fonte do manancial e ao propio baneario.
O parque organízase en torno aos dous edificios que compoñen o conxunto principal: o manancial e a casa que acolle a terapia médica.

Está constituido por un xardín formal de conos de cipreses, arrentes do edificio principal; o estanque ovoide de san Roque encastrado ao pé da carballeira, e con bancos de pedra ao redor; a pérgola de glicinias que cobre o paso entre balneario e manancial; o parterre da roseira xunto á entrada; a pradeira de céspede na fachada do mediodía; a praza de medialúa con rotonda de plátanos de acceso á fonte; o miradoiro nun alto sobre o Arenteiro cun banco corrido no peto; os paseos arbolados de plátanos con bancos e mesas de pedra espallados por todo o recinto; e sobre todo o rebuldeiro discorrer do rio coa impresionante formación da fervenza.

Pérgola de glicinias
A pesar do acoso urbano do Carballiño, o parque conservase en perfecto estado e preséntase como un dos máis fermosos de Galicia dentro do seu xénero.

Á calidade arquitectónica dos edificios súmase o engado natural da paisaxe co bosque de ribeira de ameneiros, sabugueiros, carballos que enlazan co parque municipal carballinés augas abaixo.

Plano xeral do parque do balneario

No hay comentarios:

Publicar un comentario