Xardín de buxo do adro de Pinza
Xardín sacro que ocupa a totalidade do adro da igrexa, desocupados os enterramentos e trasladados ao novo recinto da esquina norleste.
O xardín como promesa do paraíso antecede ao templo e desprega un fragante tapiz de verdor co pano de fondo da fachada da igrexa co seu arco apuntado medieval e a súa alta espadana no eixo.
A sinxela cancela de acceso ao adro cúbrese cun arco vexetal de rosas entre dous pináculos e dende este umbral se desprega o recto camiño directo ao templo.
Camelias xapónicas do parterre norte |
O trazado de sebes de buxo en aspa -en ámbolos dous parterres aos lados do camiño- segue o mesmo deseño que ostentan os plafóns da fermosa carpintería da porta da igrexa reforzando a ligazón entre xardín e templo.
No interior dos cadros plántanse diversas flores e algúns arbustos con podas esféricas. As flores serviran despois para engalanar o altar.
O xardín alóngase lateralmente á porta sur e acompaña a subida ao campanario dende o que se divisa a paisaxe e o propio adro.
Parterre sur co trazado en aspa |
O xardin, modesto e sinxelo non sobrepasa coa altura das súas sebes os muretes e valados de pedra do seu perimetro conseguindo reforzar a tensión de todo ese espazo. Uns pasos de lousas de pedra encastrados no muro permiten un acceso directo dende o camiño ao igual que en calquera outra leira da aldea.
A única camelia existente, de flores vermellas, sinala o acceso ao cemiterio na esquina norte.
Un xardin resgardado baixo o son das badaladas, un paraíso modesto de flores e cruces entre prados e soutos de castiñeiros.
Xardín relixioso que antecede á igrexa parroquial |