Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

martes, 1 de abril de 2025

Carme Nogueira no Pasatempo de Betanzos

 Intervención artística de Carme Nogueira ao pé da estatua da Caridade 

A escultura ofrece unha reinterpretación deconstruída e en clave contemporánea do paseo da canle de Neptuno e Anfítrite, grupo escultórico mitolóxico que presidía a fonte da ponte escalonada coa que daba comezo este paseo lineal sobre o rego que atravesaba o parque e abastecía ao estanque dos Papas e demais fontes.  

A canle se puntuaba ao longo do seu trazado con outras esculturas de bulto redondo feitas en cemento entre as que destacaba a figura alada moi desenvolvida da Industria coroando a circulación da auga pola terra como motor do progreso e da vida. Todo desapareceu a metade do século XX nesta área baixa do parque agás a fonte das catro estacións, a Caridade e outros restos menores.


Deconstrución da nova canle de Neptuno e Anfítrite


A ilustre fragmentación contemporánea non é acusatoria senón que convive cos despoxos, os valados publicitarios e o campo de fútbol actuais. Incorpora á súa beira un longo refundido no terreo cunha incipiente xunqueira para sinalar as pegadas do rego e acompaña en esquina ao campo deportivo por un lado e a pista de skate por outra.

As superficies de formigón pulido que descompoñen o perfil da antiga ponte, dispostas en pezas individuais ao longo do camiño, márcanse con caligrafías e outras pegadas coma se de fósiles marcados na rocha se tratase.

A peza, instalada ao pé da estatua de mármore da Caridade foi financiada pola Fundación Daniel e Nina Carasso e inaugurose o sábado, 25 de maio froito da participación cidadá que tenta restaurar a memoria do parque desaparecido.

Namentras, a metade enciclopédica conservada da zona alta continúa pechada e en fase de restauración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario