Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 2 de febrero de 2026

"O ano do xardineiro"

 LIBRO

O ano do xardineiro

Karel Čapek


Rinoceronte editora


Soade, fanfarras da marcha aínda non escrita! Brillade ao sol instrumentos de dourado metal; abouxade, timbais; asubiade, frautas; derramade a vosa melodía, incontables violíns; pois o silencioso xardín marrón e verde emprendeu a súa vitoriosa marcha.

O relato humorístico de Karel Čapek do ano 1929 arredor da vida e traballo dun xardineiro urbano en Chequia cos flamantes debuxos da edición orixinal do seu irmán Josef nunha impecable edición da editora canguesa Rinoceronte. 

O humor absurdo que narra a obsesión dun xardineiro de principios do século pasado  por plantar, coidar e fermosear a terra e vivir arredor das plantas e flores. Pendente da chegada dos pedidos dos viveiristas, agardando a sempre esperada choiva, preparando a terra no inverno e disfrutar dos botóns e as plantas no seu abrochar. A rega e as pelexas coas mangueiras, a insatisfacción por non poder plantar todo canto hai, os recelos e envexas con outros entendidos e xardineiros veciños, a inquedanza cando un se alonxa do seu querido xardín e a bondade... dun traballador sempre en crequenas.

Ásteres, floxes, campaíñas, dalias, rosas e crisantemos así como cactus, esparragueiras ou colinabos. A inmensa riqueza do xardín literario de Čapek para facer xardineiros. O facendoso protagonista sacha a terra, estércaa e botalle cal, poda, sementa, transplanta, rega e corta a herba e se esquece de contemplalo xardín.

"Bendita choiva, refrescante delicia da auga! Báñame a alma e lávame o corazón, orballo escintilante e frio! A calor fíxome ruín, ruín e nugallán; e pesado, bruto, material e egoísta; a seca fixo que eu mesmo secase e abafase coa carga e o desacougo que levaba dentro. Soade, biquiños de prata cos que a sedenta terra recibe o bater das pingas; atrona veo voador de auga que vas lavando todo ao teu paso...! Ningún milagre do sol está á altura do milagre da bendita choiva."