Histórico xardín con máis de cen anos de antigüidade situado no centro da vila de Noia cunha intervención modernista ca.1906 atribuida ao arquitecto compostelán Xesús López de Rego (o que o converte nun dos poucos exemplos existentes deste estilo no Barbanza); este xardín está ameazado polo planeamento de Noia, que conducirá á súa perda tralo anuncio de reapertura da rúa Pintor Xenaro, que partirá en dous o seu fermoso trazado lonxitudinal cos seus debuxos de buxo, e a perda das importantes árbores centenarias.
Sección lonxitudinal do xardín |
A villa construíuse
flanqueando a alameda pública e contaba como veciña –fronte á
súa fachada oriental- á desaparecida praza de touros de Noia.
Este xardín urbano de
máis de 1 Ha. de superficie estaba bañado inicialmente polo mar no
seu estremo occidental, quedando a residencia burguesa no seu estremo
oposto. Veciña ademáis doutros interesantes edificios residenciais
decimonónicos e barrocos aos cales queda ligada formalmente formando
un conxunto urbano interesante e coherente, como o pazo Varela Radío.
O xardín é a peza
importante de todo o conxunto. Organízase lonxitudinalmente a
partires dunha malla ortogonal de sebes de buxo que aloxa no seu
interior ao campo hortícola e que desde a fachada do mediodía da
casa descende, en suave pendente, ata a beira do mar. Conta cun
pequeno xardín formal de deseño xeométrico; unha horta organizada
en cadros de buxo; campo de árbores frutais; paseos laterais
emparrados; pesqueira... O carácter do mesmo responde a un pequeno
parque arborado, ornamental e agrícola.
A masa vexetal presenta a
flora típica da xardinería ornamental galega, agora centenaria
dentro do xardín, e cun alto interese botánico: araucarias,
drácenas, trachicarpus, palmeiras canarias, plátanos, buxos,
loureiros e o grande freixo do su estremo occidental... como especies
vexetais máis visibles, subraiando o seu protagonismo como elementos
exóticos dentro do xardín, e relacionando a forza desta masa
vexetal coa alameda noiesa, que é a súa continuación natural.
Principais especies centenarias con
valor histórico dentro do xardín e horta:
Araucaria
excelsa
Buxus
sempervirens
Camellia
japonica
Cordyline
australis
Fraxinus
Juglans
regia L.
Laurus
nobilis
Malus
pumila
Phoenix canariensis
Platanus
x hispanica
Pyrus
communis
Trachycarpus
Atribúese a principal reforma
modernista da casa a Tomás Jovita Labarta Agüín e á súa dona
Manuela Muñiz Carreño, a partires dunha construción existente
anterior que se incorporaría ao proxecto final. As principais
habitacións e salóns ocuparían a nova ala mentres que o primitivo volume se destinaría a
vivenda dos caseiros e outras dependencias.
A obra atribúese ao
arquitecto compostelán Xesús López de Rego e Labarta principal
propagador do movemento modernista no ámbito compostelán e
seguramente tamén emparentado coa propia familia promotora. A esta
filiación corresponden semellanzas estilísticas con moitas das súas
obras realizadas a comezos do século XX, como a coñecida vivenda do
escultor Ramón Núñez en Santiago. Polo tanto trataríase dunha
obra adscrita ao primeiro período do seu traballo como arquitecto
datable a partires de 1906 e unha das escasas mostras deste estilo
na comarca do Barbanza.
Moitas grazas por tan detallado estudio do xardín e sua historia
ResponderEliminar