Exemplo de xardín ornamental traseiro, tipico dos pazos urbanos, neste caso no núcleo de Montesacro en Cambados. O xardín privado estruturase -trala fachada traseira do pazo- acotando un espazo plano no que se debuxan os trazados xeométricos, feitos con aliñacións de buxo, e formando parterres ocupados no seu interior con palmeiras canarias e pequenas bolas e conos vexetais.
Xardín xeométrico do pazo |
A habitación da marquesa como peza destacable dentro da casa relaciona por situación o xardín e a capela (a cuio ábside rodea), e ten acceso directo ao xardín a través desta solaina e patín exterior que serve de miradoiro sobre o debuxado no xardín.
Presenza importante neste pequeno xardín ornamental é o corpo circular cupulado dunha antiga garita defensiva adosada ao muro de peche, con rotunda formalización e engado e que tipolóxicamente se volve a repetir no corpo poligonal do pombal da horta. A separación coa horta faise plantando no seu límite catro grandes cedros que limitan o mundo agrario traseiro.
O deseño do parterre segue un sinxelo modelo barroco a partir dun rombo central e demais figuras triangulares de engarce en torno a el. Trazado moi característico e estendido de finais do século XVIII, aínda que lixeiramente desdebuxado co paso do tempo e as novas construcións do seu carón.
A introdución das palmeiras canarias en época posterior -principios do s. XX- ven a levantar a planeidade do tapiz verde en forma de robustas columnas vexetais
Mesa de cerámica na palmeira da garita |
A riqueza da sucesión de espazos axiais neste pazo queda posta de manifesto no eixo da súa fachada co mar: a praia e o pequeno porto en primeiro termo, a praza diante da fachada (servindo como mirador de todo o pobo); o xardín traseiro singularizado polo seu ornamento e filigrana; e finalmente a longa horta estendida de novo ata o mar.
A finca histórica sofreu a comenzos de 2000 unha perda importante da súa integridade creandose un precedente perigoso, cando se acometeu unha urbanización de vivendas no interior do seu recinto intramuro mutilando gravemente o seu perímetro e comprometendo a súa relación co mar. Máis grave quizais por pasar esta desgraciada actuación practicamente desapercibida para os organismos encargados da proteción do patrimonio cultural.
O pazo perfectamente conservado aloxa, desde a morte da marquesa nos anos cincoenta, ás Irmanciñas dos Anciáns Desamparados que dirixen a residencia de anciáns actual Virxe da Valvanera padroa da capela do pazo.
A Torre de San Sadurniño |
No hay comentarios:
Publicar un comentario