 |
Paseo principal transversal |
Xardín camposanto da igrexa renacentista de Nosa Señora do Camiño ou dos Remedios de Betanzos.
Unha campaniña de avisos acaroada no muro informa do tempo dos defuntos; paseos ordeados rectilíneos delimitados por muretes vexetais... unha mesa de pedra recibe aos cadaleitos; os teixos obedientes verticais apuntan ao ceo e acompañan solemnes o último momento das almas na terra; e un campo interior de sepulturas que cubre e se estende a totalidade da terra.
Un campo maioritariamente de cruces de tódolos estilos e materiais, o sinxelo monumento art deco de Estrella Mellid, os poderosos troncos nervados dos teixos... as citas post mortem gravadas para o recordo.
 |
María Magdalena penitente
1921 de Escudero versus Canova |
Dominando a cidade de Betanzos este cemiterio neoclásico aos pés do santuario mariano, deseñouse nun dos bancais do monte da Croa recibindo aos peregrinos a Compostela.
Catorce chameantes teixos, agora centenarios, taiados coma esbeltos cilindros forman a estrutura vexetal deste espazo funerario e delimitan o rectángulo principal no que moran os defuntos.
O muro de contención norte se aproveita para aloxar os nichos en altura mentres que o seu paralelo muro sur se constitúe e habilita como terraza aberta á paisaxe das mariñas e longo paseo rectilíneo.
No centro e eixo do alongado rectángulo que forma a súa planta incorpórase un círculo a modo de rotonda para instalar un dos principais panteóns das ilustres familias da cidade: o túmulo Pita. Pechado con verxa de ferro dótase tamén do seu propio axardinamento interior con cuartos de círculos de buxo e teixos esquinados e constitúe por si mesmo un cemiterio dentro do cemiterio.
 |
Longo paseo sur aberto á pasisaxe |
A principal escultura diste parque mortuorio -polo demáis bastante modesto no tocante a imaxinería funeraria- é a fermosa copia en mármore branco da Magdalena Penitente de Antonio Canova (museo municipal de Xénova) neste caso executada por Escudero en 1921. Contando deste xeito Betanzos -ao igual que fixera Juan García vinte anos antes coa parella de leóns do Pasatempo- con outra copia das obras do celebrado escultor trevisano.
 |
Peche suroeste en terraza con pináculo |