Luminarias en forma de columna clasica (segunda versión dos anos 90) |
Os famosos farois de cemento simulando columnas clásicas sobre pedestal, fuste de forte éntase e capitel composto que sostiña o farol, propiamente dito, de fundición, foron íntegramente eliminados e substituídos por mediocres luminarias contemporáneas.
Os farois, que constituían un dos sinais de identidade do parque da Residencia dende case cen anos segundo proxecto do arquitecto ecléctico Jenaro de la Fuente Álvarez acaban de ser, neste ano 2024 pasado, eliminados do espazo deste xardín tras case cen anos, como dicíamos, de uso ininterrompido. A destrución, incomprensible, deste elemento patrimonial e que á forza acabará por revertirse pasado un tempo, amósanos a cegueira insufrible dun proxecto arquitectónico de humanización que ignora a historia do espazo no que actúa e que despreza os materiais da vangarda de comezos do século XX como neste caso o cemento armado.
O custe técnico e económico de dotar trala guerra civil a todo o campus destas luminariais (hoxe históricas) cando incluso boa parte da cidade entón carecía delas, comunícanos o coidado que tivo Santiago de mimar este espazo académico adicado á ensinanza e ao saber e manifestando o caracter excelso coa que esta peza urbana foi deseñada.
A monumentalización, sen dúbida, destes farois foi consecuencia do eixo perspectivo e arquitectónico para o que foron pensados: a gran avenida do estanque, os pavillóns historicistas dos dormitorios e o parterre central, nun gran eixo axardinado que se converteu nun dos maiores logros urbanísticos da historia compostelá e que literalmente podía ser observado e disfrutado dende as alturas no miradoiro historicista da Alameda.
O forte desenvolso económico que alterou os trazados históricos que ligaban a Residencia coa escaleira monumental do noiro da Alameda e a eliminación e substitución das luminarias de columna clásica, foi xustificado en termos de humanización e sostibilidade o que nos alerta dun novo paradigma na destrución patrimonial: a coartada medioambiental que se utiliza enfrontando absurdamente o patrimonio coa natureza.
Os farois que xa non eran os orixinais pois a fraxilidade do material fixo que se deterioraran e que foran substituídos nos anos 90 do século pasado por outros novos que, porén, reproducían e respetaban o deseño de de la Fuente valorándoo como un sinal de identidade do campus; os farois, como digo, foron desprezados e suprimidos e a cidade de Santiago é hoxe, lamentablemente, máis pobre patrimonialmente. Só permanecen polo momento, catro exemplares en pedra no parterre dos pavillóns que se libraron da benéfica humanización precisamente pola súa condición lítica o que proba que toda a actuación foi produto dun prexuízo sobre materiais.
Eixo monumentalizado coas columnas clásicas que eran o soporte de luminarias enmarcando o estanque |
No hay comentarios:
Publicar un comentario