Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 1 de abril de 2013

Cactus do Milladoiro, Ames

Dentro do arbolado urbano accidental no núcleo do Milladoiro destaca con personalidade propia, e en soedade no medio da beirarúa, o cactus columnar de Muebles García: coa forza da súa masa vexetal, o seu desenvolvemento vertical, as nervadas engurras do seu tronco, e a súa prótese- muleta. 

Echinopsis
Pode ser cosiderado como un éxito do espazo urbano non proxectado, emblema do Milladoiro dende fai décadas e resistencia cultural do pobo que o coida e aprecia. Moito máis considerando a presión do mobiliario urbano e o acoso edificatorio que o afecta.

Plantado orixinariamente para servir de axardinamento á fronte do establecemento  comercial, conservouse tralas obras de ampliación das beirarrúas sendo o seu defensor o aprezo xeral da comunidade, o mesmo que o preserva actualmente.
Os peóns arrincan esquexes do seu tronco, e ten fillos espallados por toda a bisbarra, pervivindo a vinculación persoal de moitas xentes coa planta.

A floración  espectacular que o recubre na primavera é agasallo engadido para os peóns, que máis se cabe, atopan na planta os afectos urbanos que o convulso tráfego da estrada nacional non lles proporciona.

No hay comentarios:

Publicar un comentario