Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

lunes, 5 de diciembre de 2016

Xardín de Villa Rhin, Brandía

Xardín da Villa Rhin en Brandía, Santiago

Xardín romántico de finais do século XIX aproveitando un antigo complexo fabril da industria do coiro situado ás beiras do rio Sar en Compostela. A tenería foi reconvertida nunha villa decimonónica de recreo estival aproveitandose da súa situación entre o frescor dos carballos e a paisaxe fluvial.


Vista da tenería reconverida en quinta estival de recreo aos pés do río Sar, co embarcadoiro á esquerda

Un monumental portalón de forxa, xa destruído, daba acceso á villa dende Vidán, co nome gravado no alto de Villa Rhin querendo facerse un paralelismo entre o río teutón e os seus castelos que acompañan o trascurso do río, e o compostelán fluido doce. Ista imaxe e paralelismo foi buscada ademáis coa construción do torreón angular e o seu miradoiro co que foi completada a casa, e que lle dá ise perfil resolto con gracia. Así pois, tamén o río compostelán ten castelos -a outra escala dende logo- e produto desta visión romántica do pracer arquitectónico.

Perspetiva principal do parterre e prolongación a través da avenida de plátanos
 
Todo o descenso hacia o rio dende Vidán facíase a través dun longo e fermoso paseo -hoxe moi alterado- cun primeiro tramo de aliñacións de carballos, e despóis dun brusco xiro de 90 graos, en paseo de plátanos ata chegar ao segundo portalón xa de ámbito privado da casa.


Parterre principal diante da villa e pérgola de glicinias e agapantos

As vellas instalacións aínda poden identificarse entre os elementos do xardín, como o vello muíño de casca que foi reconvertido nun estanque circular entre camelios, ou a gran fonte mural da fachada traseira da casa.

Cenadoiro con camelios na fonte do muiño
Así mesmo a pesares de ser un xardín con personalidade eminentemente fluvial, todo o monte do cauce dereito do río -pertencente á propiedade- foi plantado cunha carballeira e bosquete de cedros, araucarias e criptomerias, completando ornamentalemente o paseo entre os carballos. 
A parte posterior da casa, gozaba dun ambiente máis doméstico cun xardín de hortalizas e campo de árbores frutais en cuadrícula, hoxe parcialmente desaparecido coas construcións de lecer da urbanización privada próxima.

Paseo da avenida dos plátanos
Pero o elemento quizais máis significativo dentro do xardín e en relación co Sar, é o embarcadoiro privado da finca, co seu acceso en funil e pequena escalinata en romántica aproximación ao río. Lóxicamente o Sar non é navegable e non se pode circular en barca dende Santiago, Nin tampouco supoño podería ofrecer entón un baño seguro dada a presenza da Compostela industrial volcada na utilización deste río como desaugue (como agora segue a facer), polo tanto é preferible entender iste elemento coma un recurso formal, de corte europea, e de relación coa paisaxe. O río pode estar contaminado, é certo, pero non é obstáculo para ser sublimado paisaxísticamente, alomenos dende o século XIX.
Vista do parterre que antecede á antiga curtiduría

Trala fachada posterior da casa, e excavado na rocha, está un manancial formalizado cunha fonte mural que se integra no muro interior da propiedade. Iste recuncho foi ornado ademáis vexetalmente cunha imponente parella de magnolias grandifloras, palmeiras de abano, e a rotonda ocupada por un moi desenvolvido carballo. Igualmente se continua o paseo que acompaña o rio Sar co muro que o delimita adornado cada certo tempo con pedestais e xarróns.

Muiño de casca reconvertido en recuncho romántico con camelias
Todo o conxunto do bosque fluvial de carballos -tan necesarios por outra banda para proveer de casca á fábrica de coiros- está excavado na rocha do cauce do rio, e presenta esa espesura e penumbra na que se consiguen fortes contraste de luz e sombra, nun terreno de forte pendente, na que a visión predominante sempre é aérea.

Aliñación de camelios acompañando o paseo do rio Sar
Foi restaurado o xardín en 2004 pola escola-obradoiro de Brandía, máis anteriormente fora mermado na súa superficie por unha urbanización nos anos 90, e a apertura dunha rotonda de tráfico que destruiu o seu portalón de forxa e a longa avenida angular de carballos que lle daba acceso. O Sar  continua en proceso de recuperación.



No hay comentarios:

Publicar un comentario