Cristina Castel-Branco
Os jardins dos Vice-Reis.
Fronteira
Primeiro volume dunha prevista triloxía adicada aos xardíns portugueses renacentistas, manieristas e barrocos construídos por virreis da India: Penha Verde, Bacalhoa, Ribafría e Fontelo.
![]() |
| Pormenor da portada |
Fronteira, a partir dunha capeliña e un pavillón de caza prexistentes nas matas de Monsanto, en Bemfica, formouse nos anos 60 do século XVII como xardín e quinta de recreo da familia Mascarenhas que celebraba a restauración da monarquía portuguesa en tempos do rexente Don Pedro II.
A partir de modelos netamente italianos, este palacio despregou un programa iconográfico que cubría de brillantes superficies azulexadas os muros, estanques, foxos, grutas artificiais e casas de fresco onde a auga descendia por fontes, sorprendía en surtidores ocultos, detíñase en láminas que formaban espellos e finalmente regaba as hortas, pomares e viñas.
Á técnica da azulexería sumábaselle a dos embrechados decorando as superficies que non ocupaban os zócalos, con cunchas, restos de porcelana doméstica e cantos rodados formando xeometrías nos muros.
A peza máis espectacular e un dos iconos da xardinería lusa, constitúeo o estanque e a galeria de reis, un paseo entre bustos dos monarcas que se sustenta en arcadas finxidas cunha serie repetitiva de cabaleiros a cabalo en corveta.
Este estanque centra o gran parterre de buxo formado ao leste do palacio e que, entre catro desiguais partes se levanta unha gran fonte que alza no seu cumio a esfera armilar, símbolo dos descubrimentos e do imperio marítimo portugués.
Fronte á fachada sur está o xardín de Venus protagonizado pola figura da deusa elevada sobre golfiños enroscados e hoxe rodeada pola coleccion botánica de coníferas que se plantou no século XIX pero que porén desfixo o trazado primitivo que ocupaba entre outros elementos un labirinto.
O gusto polo coleccionismo clásico ou con reproducións de estatuaria marmórea ten o seu escenario na terraza da capela, un brazo murario que a uníu co palacio e que servíu en nichos unha selección de deuses e fontes, todo un refinamento para cantar ás virtudes e o saber humano.
A complexidade e variedade deste xardín está moi solventemente narrado pola autora do libro, que explica os posibles significados e interpretacións, a súa historia e evolución no tempo e que contén ademáis un vasto despregue gráfico.
O estenso bosque, o pombal, o estanque dos Loureiros, a fermosa casa circular de fresco co seu estanque curvilíneo aos seus pés, os miradoiros e pérgolas, os traballos topiarios, a contorna co convento dominico de San Domingos... todo ofrece un espectaculo que nos brinda unha obra mestra da arte.


No hay comentarios:
Publicar un comentario