Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

domingo, 1 de junio de 2025

Libro: "Jardín y paisaje, miradas cruzadas"


 CALATRAVA, Juan. e TITO, José (eds.)

Jardín y paisaje, miradas cruzadas

(2011)

Abada editores


Conxunto de oito artigos e unha conversa arredor do xarđin e a paisaxe de destacados arquitectos, historiadores, filólogos, filósofos, biólogos e paisaxístas.

Jose Tito pon en cuestión os tópicos semánticos do xardín como paraíso, as traducións  erróneas bibliográficas, a reiteración do tópico edénico, ou a manipulación de fórmulas como o hortus conclusus medieval

Michel Baridon repasa destacados exemplos e tendencias da xardinería francesa dos últimos anos, como os proxectos de Louis Benech ou A. Chemetoff para Nancy, Provost no parque Diderot, os xardíns pictóricos de Lassus ou os xardíns murarios de Patrick Blanc ou G. Clement

Manuel Casares Porcel narra a utilización ideolóxica do ciprés na configuración paisaxístca no século XX da cidade de Granada, a partir do Rexionalismo, que pasou de ser unha árbore anecdótica na escea urbana, a converterse en elemento vexetal hexemónico da súa paisaxe recente. Fai un percorrido histórico a partir da documentacion gráfica e escrita... a utilización topiaria do ciprés no xardín musulmán, o cidro, xa desaparecido, como árbore máis abundante na Idade Media, ou as fermosas e despois denostadas arquitecturas con glorietas de cipreses que popularizou Rusiñol.

Luigi Zangheri lévanos á Toscana para recordar un dos xardíns máis renomeados da Historia europea, Pratolino, que construíu o duque Francesco de Médici no século XVI da man de Bernardo Buontalenti e que contaba cun espectacular despregue de autómatas, órganos e xogos acuáticos, grutas e xigantes... e que foi descrito polo propio Montaigne no seu diario de viaxe a Italia.

Juan Calatrava estuda os xardíns literarios de Emile Zola da súa famosa serie familiar dos Rougon-Macquart na época do Segundo Imperio, na que analiza a podredume das convencións sociais centrada no ascenso e decadencia da familia protagonista, dende como frecuentar o paseo en carroza polo bosque de Bolonia, os quentes invernadoiros que desatan as paixóns nos seus xardíns privados ou a exultante natureza desbocada e culpable do pecado do pai Mouret.

Andrés Soria Olmedo analiza literariamente o carme do poeta Pedro Soto de Rojas do século XVII, Paraíso cerrado para muchos, jardín abierto para pocos.





viernes, 23 de mayo de 2025

Xardín de Santiago de Trasmonte, Friol

 Xardín topiario xunto á igrexa oarroquial de Santiago de Trasmonte

Arquitectura vexetal versus arquitectura relixiosa. Espadana barroca, mata de carballos, agras de cultivos e conos e copas vexetais.

Xardín topiario ao pé da igrexa de Santiago






Estruturas topiarias


martes, 1 de abril de 2025

Carme Nogueira no Pasatempo de Betanzos

 Intervención artística de Carme Nogueira ao pé da estatua da Caridade 

A escultura ofrece unha reinterpretación deconstruída e en clave contemporánea do paseo da canle de Neptuno e Anfítrite, grupo escultórico mitolóxico que presidía a fonte da ponte escalonada coa que daba comezo este paseo lineal sobre o rego que atravesaba o parque e abastecía ao estanque dos Papas e demais fontes.  

A canle se puntuaba ao longo do seu trazado con outras esculturas de bulto redondo feitas en cemento entre as que destacaba a figura alada moi desenvolvida da Industria coroando a circulación da auga pola terra como motor do progreso e da vida. Todo desapareceu a metade do século XX nesta área baixa do parque agás a fonte das catro estacións, a Caridade e outros restos menores.


Deconstrución da nova canle de Neptuno e Anfítrite


A ilustre fragmentación contemporánea non é acusatoria senón que convive cos despoxos, os valados publicitarios e o campo de fútbol actuais. Incorpora á súa beira un longo refundido no terreo cunha incipiente xunqueira para sinalar as pegadas do rego e acompaña en esquina ao campo deportivo por un lado e a pista de skate por outra.

As superficies de formigón pulido que descompoñen o perfil da antiga ponte, dispostas en pezas individuais ao longo do camiño, márcanse con caligrafías e outras pegadas coma se de fósiles marcados na rocha se tratase.

A peza, instalada ao pé da estatua de mármore da Caridade foi financiada pola Fundación Daniel e Nina Carasso e inaugurose o sábado, 25 de maio froito da participación cidadá que tenta restaurar a memoria do parque desaparecido.

Namentras, a metade enciclopédica conservada da zona alta continúa pechada e en fase de restauración.

viernes, 14 de febrero de 2025

Seis artigos de Nikolaus Pevsner sobre o pintoresco


Sobre lo pintoresco

Nikolaus Pevsner


(Edición de Miguel Ángel Aníbarro)

Editorial Abada


Recopilación de seis atigos de N. Pevsner dos anos 40 do século pasado sobre a teoría estética do xardín paisaxista inglés do século XVIII e a proxección da cualidade do pintoresco sobre a arquitectura moderna inglesa da posguerra.

Indagación sobre as orixes do termo pintoresco: a crise do xardín formal inglés de tradición holandesa; as primeiras noticias sobre os xardíns chineses; as pinturas de Claude Lorrain e Salvator Rosa; a indagación filosófica sobre as ideas estéticas da beleza, o sublime e o pintoresco; a linea ondulante da beleza de Hogarth; os primeiros proxectos de xardín paisaxista e a formación dun corpus teórico; as primeiras arquitecturas neogóticas dezaoitescas da época xeorxiana; a historia do xardín de Horace Walpole; a confrontación teórica de Richard Payne Knight e Uvedale Price; a revalorización do xardín formal próximo á casa por parte de Repton; a crise e crítica do xardín browniano por insípido e monótono; as aportacións de William Chambers... a marabillosa xénese da idea estética do pintoresco como unha das maiores aportacións do neoclasicismo británico


.

jueves, 9 de enero de 2025

Destrución do deseño histórico dos farois da Residencia de Santiago!

Luminarias en forma de columna clasica
 (segunda versión dos anos 90
)

 Os famosos farois de cemento simulando columnas clásicas sobre pedestal, fuste de forte éntase e capitel composto que sostiña o farol, propiamente dito, de fundición, foron íntegramente eliminados e substituídos por mediocres luminarias contemporáneas.

Os farois, que constituían un dos sinais de identidade do parque da Residencia dende case cen anos segundo proxecto do arquitecto ecléctico Jenaro de la Fuente Álvarez acaban de ser, neste ano 2024 pasado, eliminados do espazo deste xardín tras case cen anos, como dicíamos, de uso ininterrompido. A destrución, incomprensible, deste elemento patrimonial e que á forza acabará por revertirse pasado un tempo, amósanos a cegueira insufrible dun proxecto arquitectónico de humanización que ignora a historia do espazo no que actúa e que despreza os materiais da vangarda de comezos do século XX como neste caso o cemento armado.

 O custe técnico e económico de dotar trala guerra civil a todo o campus destas luminariais (hoxe históricas) cando incluso boa parte da cidade entón carecía delas, comunícanos o coidado que tivo Santiago de mimar este espazo académico adicado á ensinanza e ao saber e manifestando o caracter excelso coa que esta peza urbana foi deseñada.

A monumentalización, sen dúbida, destes farois foi consecuencia do eixo perspectivo e arquitectónico para o que foron pensados: a gran avenida do estanque, os pavillóns historicistas dos dormitorios e o parterre central, nun gran eixo axardinado que se converteu nun dos maiores logros urbanísticos da historia compostelá e que literalmente podía ser observado e disfrutado dende as alturas no miradoiro historicista da Alameda.

O forte desenvolso económico que alterou os trazados históricos que ligaban a Residencia coa escaleira monumental do noiro da Alameda e a eliminación e substitución das luminarias de columna clásica, foi xustificado en termos de humanización e sostibilidade o que nos alerta dun novo paradigma na destrución patrimonial: a coartada medioambiental que se utiliza enfrontando absurdamente o patrimonio coa natureza.

Os farois que xa non eran os orixinais pois a fraxilidade do material fixo que se deterioraran e que foran substituídos nos anos 90 do século pasado por outros novos que, porén, reproducían e respetaban o deseño de de la Fuente valorándoo como un sinal de identidade do campus; os farois, como digo, foron desprezados e suprimidos e a cidade de Santiago é hoxe, lamentablemente, máis pobre patrimonialmente. Só permanecen polo momento, catro exemplares en pedra no parterre dos pavillóns que se libraron da benéfica humanización precisamente pola súa condición lítica o que proba que toda a actuación foi produto dun prexuízo sobre materiais.

Eixo monumentalizado coas columnas clásicas que eran o soporte de luminarias enmarcando o estanque