xardíns históricos
Xardíns históricos de Galicia. Estudo dos seus trazados. A súa paisaxe. Protección destes bens culturais.

Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.
jueves, 1 de enero de 2026
domingo, 16 de noviembre de 2025
Destrución do invernadoiro neogótico do pazo de Mosteirón, Sada
Xardin do pazo de Mosteirón ou de Vista Alegre, principios do século XX
A cabalo dos anos 2020 e 2022, en plena crise sanitaria do covid-19, foi destruído o fermoso invernadoiro centenario de factura neogótica que adornaba os xardíns do pazo de Mosteirón en Sada.
A pequena construción de vidro e cemento que imitaba formalmente unha capela baixomedieval foi destruída aproveitando o seu mal estado de conservación e as obras de renovación dun centro de transformación eléctrico cercano que servíu ademais para talar unha boa porción do bosque anexo.
A construción, insertada no medio do bosque, servía unha escea do romanticismo tardío compartida coa arquitectura neomedieval do pazo e que remite aos chateaux franceses góticos.
O invernadoiro formaba parte ademais dun xardín protexido xunto co resto do trazado paisaxístico, estanques e parterres e no que vemos novamente a impunidade que campa sobre o patrimonio xardinístico galego en canto a agresións se refire.
Bibliografía
SÁNCHEZ GARCÍA, J. A. Xardíns das Mariñas (2008) Fundación Juana de Vega e Asociación GAL Terra das Mariñas
martes, 28 de octubre de 2025
Xardíns racionalistas galegos
Barcos no xardín.
Apuntamentos arquitectónicos sobre o xardín do século XX en Galicia. Os casos litorais (1933-1945)
Artigo sobre os xardíns racionalistas da primeira modernidade en Galicia nas:
Actas XIII Congreso Docomomo ibérico
La modernidad marítima. Arquitecturas e infraestructuras del paisaje litoral (1925-1975)
A Coruña e Ferrol, 22-24 de outubro de 2025
Descargue o exemplar de balde en:
https://docomomoiberico.com/publicaciones/la-modernidad-maritima-arquitecturas-e-infraestructuras-del-paisaje-litoral-1925-1975-xiii-congreso-docomomo-iberico/
lunes, 1 de septiembre de 2025
"Vida en el jardín"
LIBRO
Vida en el jardín
Penelope Lively
Editorial Impedimenta
"Un libro que aspire a ser una reflexión sobre los jardines y la jardinería debe rendir tributo al verde pensar bajo una sombra verde..." [segundo o poema de Andrew Marvell]
A rica cultura xardinística británica expresada nestas reflexións dende a literatura, a pintura, o debate filosófico sobre o pintoresco... pero sobre todo, dende a vida e a experiencia práctica da autora e o seu home, no traballo físico dentro do xardín.
O xardín como ferramenta terapéutica; a literatura que o utiliza como símbolo ou presaxio do acontecer dos protagonistas; a crítica das modas contemporáneas baseadas nos catálogos ou centros da xardineria comercial; as feiras hortícolas, as visitas do Yellow Book ou as exposicións florais de Chelsea; o clasismo dentro do xardín e a utilización da flora polas élites... Penelope fala dos xardíns da súa familia, dende o exipcio da súa infancia ata os creados por ela mesma e o seu marido nas distintas casas, reflexo das etapas da súa vida.
A rica historia do xardín británico en reflexión hipotética dende o Neolítico ata os xardíns silvestres de Gertrude Jekyll e Robinson a comezos do século XX. Dende a paisaxe inglesa popularizada no século XVIII por Brown e Repton coa renovación de todas as grandes propiedades das élites aristocráticas ata o xardín victoriano e eduardiano... pero en definitiva, segundo a autora, o xardín como espazo que desafía ao tempo e e reducto de orde e pragmatismo.
Lively fala da súa experiencia coas plantas, as rosas, as flores migrantes, as que dan o salto dende os xardíns ao campo aberto e viceversa e... polo tanto, fala da experiencia da vida, da frustración cos erros cometidos e do paso do tempo traballado axeonllada dende a terra. O xardín.
"Sea plantando en una maceta o en una finca en Gloucestershire, has adquirido la personalidad de una jardinera, y, con ella, la visión que la acompaña. Para mi, la vida en el jardín ha sido instructiva y esencial; me ha dado ojos de jardinera y otra manera más de observar lo que me rodea, y una ocupación duradera y enriquecedora, ya estuviera ahí fuera con las manos en el jardín o solo practicando la jardinería en mi imaginación..."
viernes, 11 de julio de 2025
Quisiera crear un jardín (y verlo crecer)
LIBRO
Vicente Todolí (2025)
Quisiera crear un jardín (y verlo crecer). Entre el arte y la tierra
Editorial Espasa
O curator de arte contemporánea Vicente Todolí narra a creación da súa colección de cítricos, nun xardín de Palmera, na comarca de Safor en Valencia, a partir dunha horta familiar e recuperar así a paisaxe valenciana tradicional salvada da agresividade dun urbanismo que sentenciaba estes pagos.
Económicamente rendible, o xardín utilitario serve de espazo de investigación artística, científica e gastronómica que recupera variedades citricas perdidas por pouco atractivas comercialmente e logra unha variedade só posible no contexto da súa forte cultura cítrica familiar.
A arte contemporánea incorporou ademais neste xardín un aviario do artista alemán Carsten Höller que deseñou para xilgueros, verderóns e outras aves canoras. unha gran esfera que se abre perturbadora entre as copas dos cítricos.
Vicente narra a súa formación académica e introdución no mundo da arte contemporánea, o seu traballo profesional na Fundaçao Serralves de Oporto, na Tate Modern Gallery de Londres e no Pirelli BicoccaHangar de Milán, periplo que continúa nesta creacion propia de horta botánica que supón unha volta á paisaxe rural e un legado final.
"Todos tendríamos que construir un jardín, no importa el tamaño, para crear islas, grandes o pequeñas. Y si esos jardines se convirtieran en un archipiélago, la tierra sería un lugar mucho mejor."
No xardín teñen lugar exposicións, investigacións, ciclos de cine de vangarda e poesía (Poecitrics)... recuperando a actividade tan pródiga de arte e cultura asociada a estes lugares. Cidras, limóns, sanguinas, bergamotas, mandarinas, limas, pomelos... centos de variedades, aromas e flores, sabores e sons no xardín El Bartolí.
![]() |
| Aviario do xardín segundo un proxecto de C. Höller |
domingo, 1 de junio de 2025
Libro: "Jardín y paisaje, miradas cruzadas"
CALATRAVA, Juan. e TITO, José (eds.)
Jardín y paisaje, miradas cruzadas
(2011)
Abada editores
Conxunto de oito artigos e unha conversa arredor do xarđin e a paisaxe de destacados arquitectos, historiadores, filólogos, filósofos, biólogos e paisaxístas.
Jose Tito pon en cuestión os tópicos semánticos do xardín como paraíso, as traducións erróneas bibliográficas, a reiteración do tópico edénico, ou a manipulación de fórmulas como o hortus conclusus medieval
Michel Baridon repasa destacados exemplos e tendencias da xardinería francesa dos últimos anos, como os proxectos de Louis Benech ou A. Chemetoff para Nancy, Provost no parque Diderot, os xardíns pictóricos de Lassus ou os xardíns murarios de Patrick Blanc ou G. Clement
Manuel Casares Porcel narra a utilización ideolóxica do ciprés na configuración paisaxístca no século XX da cidade de Granada, a partir do Rexionalismo, que pasou de ser unha árbore anecdótica na escea urbana, a converterse en elemento vexetal hexemónico da súa paisaxe recente. Fai un percorrido histórico a partir da documentacion gráfica e escrita... a utilización topiaria do ciprés no xardín musulmán, o cidro, xa desaparecido, como árbore máis abundante na Idade Media, ou as fermosas e despois denostadas arquitecturas con glorietas de cipreses que popularizou Rusiñol.
Luigi Zangheri lévanos á Toscana para recordar un dos xardíns máis renomeados da Historia europea, Pratolino, que construíu o duque Francesco de Médici no século XVI da man de Bernardo Buontalenti e que contaba cun espectacular despregue de autómatas, órganos e xogos acuáticos, grutas e xigantes... e que foi descrito polo propio Montaigne no seu diario de viaxe a Italia.
Juan Calatrava estuda os xardíns literarios de Emile Zola da súa famosa serie familiar dos Rougon-Macquart na época do Segundo Imperio, na que analiza a podredume das convencións sociais centrada no ascenso e decadencia da familia protagonista, dende como frecuentar o paseo en carroza polo bosque de Bolonia, os quentes invernadoiros que desatan as paixóns nos seus xardíns privados ou a exultante natureza desbocada e culpable do pecado do pai Mouret.
Andrés Soria Olmedo analiza literariamente o carme do poeta Pedro Soto de Rojas do século XVII, Paraíso cerrado para muchos, jardín abierto para pocos.
viernes, 23 de mayo de 2025
Xardín de Santiago de Trasmonte, Friol
martes, 29 de abril de 2025
Encontro Jardins Históricos de Galiza e norte de Portugal
ENCONTRO JARDINS HISTÓRICOS DE GALIZA E NORTE DE PORTUGAL
Braga, 2 e 3 de maio de 2025
Organiza
Associação Portuguesa dos Jardins Históricos
Consello da Cultura Galega
Colabora
Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT). Universidade do Minho
Máis información en:
https://consellodacultura.gal/evento.php?id=202155
martes, 1 de abril de 2025
Carme Nogueira no Pasatempo de Betanzos
Intervención artística de Carme Nogueira ao pé da estatua da Caridade
A escultura ofrece unha reinterpretación deconstruída e en clave contemporánea do paseo da canle de Neptuno e Anfítrite, grupo escultórico mitolóxico que presidía a fonte da ponte escalonada coa que daba comezo este paseo lineal sobre o rego que atravesaba o parque e abastecía ao estanque dos Papas e demais fontes.
A canle se puntuaba ao longo do seu trazado con outras esculturas de bulto redondo feitas en cemento entre as que destacaba a figura alada moi desenvolvida da Industria coroando a circulación da auga pola terra como motor do progreso e da vida. Todo desapareceu a metade do século XX nesta área baixa do parque agás a fonte das catro estacións, a Caridade e outros restos menores.
![]() |
| Deconstrución da nova canle de Neptuno e Anfítrite |
A ilustre fragmentación contemporánea non é acusatoria senón que convive cos despoxos, os valados publicitarios e o campo de fútbol actuais. Incorpora á súa beira un longo refundido no terreo cunha incipiente xunqueira para sinalar as pegadas do rego e acompaña en esquina ao campo deportivo por un lado e a pista de skate por outra.
As superficies de formigón pulido que descompoñen o perfil da antiga ponte, dispostas en pezas individuais ao longo do camiño, márcanse con caligrafías e outras pegadas coma se de fósiles marcados na rocha se tratase.
A peza, instalada ao pé da estatua de mármore da Caridade foi financiada pola Fundación Daniel e Nina Carasso e inaugurose o sábado, 25 de maio froito da participación cidadá que tenta restaurar a memoria do parque desaparecido.
Namentras, a metade enciclopédica conservada da zona alta continúa pechada e en fase de restauración.
viernes, 14 de febrero de 2025
Seis artigos de Nikolaus Pevsner sobre o pintoresco
Sobre lo pintoresco
Nikolaus Pevsner
(Edición de Miguel Ángel Aníbarro)
Editorial Abada
Recopilación de seis atigos de N. Pevsner dos anos 40 do século pasado sobre a teoría estética do xardín paisaxista inglés do século XVIII e a proxección da cualidade do pintoresco sobre a arquitectura moderna inglesa da posguerra.
Indagación sobre as orixes do termo pintoresco: a crise do xardín formal inglés de tradición holandesa; as primeiras noticias sobre os xardíns chineses; as pinturas de Claude Lorrain e Salvator Rosa; a indagación filosófica sobre as ideas estéticas da beleza, o sublime e o pintoresco; a linea ondulante da beleza de Hogarth; os primeiros proxectos de xardín paisaxista e a formación dun corpus teórico; as primeiras arquitecturas neogóticas dezaoitescas da época xeorxiana; a historia do xardín de Horace Walpole; a confrontación teórica de Richard Payne Knight e Uvedale Price; a revalorización do xardín formal próximo á casa por parte de Repton; a crise e crítica do xardín browniano por insípido e monótono; as aportacións de William Chambers... a marabillosa xénese da idea estética do pintoresco como unha das maiores aportacións do neoclasicismo británico
.
jueves, 9 de enero de 2025
Destrución do deseño histórico dos farois da Residencia de Santiago!
![]() |
| Luminarias en forma de columna clasica (segunda versión dos anos 90) |
Os famosos farois de cemento simulando columnas clásicas sobre pedestal, fuste de forte éntase e capitel composto que sostiña o farol, propiamente dito, de fundición, foron íntegramente eliminados e substituídos por mediocres luminarias contemporáneas.
Os farois, que constituían un dos sinais de identidade do parque da Residencia dende case cen anos segundo proxecto do arquitecto ecléctico Jenaro de la Fuente Álvarez acaban de ser, neste ano 2024 pasado, eliminados do espazo deste xardín tras case cen anos, como dicíamos, de uso ininterrompido. A destrución, incomprensible, deste elemento patrimonial e que á forza acabará por revertirse pasado un tempo, amósanos a cegueira insufrible dun proxecto arquitectónico de humanización que ignora a historia do espazo no que actúa e que despreza os materiais da vangarda de comezos do século XX como neste caso o cemento armado.
O custe técnico e económico de dotar trala guerra civil a todo o campus destas luminariais (hoxe históricas) cando incluso boa parte da cidade entón carecía delas, comunícanos o coidado que tivo Santiago de mimar este espazo académico adicado á ensinanza e ao saber e manifestando o caracter excelso coa que esta peza urbana foi deseñada.
A monumentalización, sen dúbida, destes farois foi consecuencia do eixo perspectivo e arquitectónico para o que foron pensados: a gran avenida do estanque, os pavillóns historicistas dos dormitorios e o parterre central, nun gran eixo axardinado que se converteu nun dos maiores logros urbanísticos da historia compostelá e que literalmente podía ser observado e disfrutado dende as alturas no miradoiro historicista da Alameda.
O forte desenvolso económico que alterou os trazados históricos que ligaban a Residencia coa escaleira monumental do noiro da Alameda e a eliminación e substitución das luminarias de columna clásica, foi xustificado en termos de humanización e sostibilidade o que nos alerta dun novo paradigma na destrución patrimonial: a coartada medioambiental que se utiliza enfrontando absurdamente o patrimonio coa natureza.
Os farois que xa non eran os orixinais pois a fraxilidade do material fixo que se deterioraran e que foran substituídos nos anos 90 do século pasado por outros novos que, porén, reproducían e respetaban o deseño de de la Fuente valorándoo como un sinal de identidade do campus; os farois, como digo, foron desprezados e suprimidos e a cidade de Santiago é hoxe, lamentablemente, máis pobre patrimonialmente. Só permanecen polo momento, catro exemplares en pedra no parterre dos pavillóns que se libraron da benéfica humanización precisamente pola súa condición lítica o que proba que toda a actuación foi produto dun prexuízo sobre materiais.
![]() |
| Eixo monumentalizado coas columnas clásicas que eran o soporte de luminarias enmarcando o estanque |
miércoles, 27 de noviembre de 2024
Horta e xardín das Meilás, Mondoñedo, ant. 1844
![]() |
| Recinto murario da horta, hoxe sen cultivos |
![]() |
| Glorieta central con bancos de fábrica |
![]() |
| Alpendre en esquina xunto á entrada principal, única edificación da horta |
![]() |
| Finca modernista na avenida de Bos Aires |
domingo, 1 de septiembre de 2024
Desaparición do teixo do asilo de Pontedeume!
Aínda que todas as miradas se concentraban no teixo da familia Tenreiro, a escasos metros de distancia, este magnífico exemplar, que gozaba de boa saúde, excepto polo acoso urbanístico desaforado que o rodeaba, desapareceu e con el todo o parterre de buxos que o acompañaba nun recanto do xardín do vello asilo, orixinalmente ubicado á beira do mar. Só quedou, desubicada, a estrutura da escalinata pola que se accedía aos dous andares con que estaba organizafo como miradoiro sobre a ría. A triste silueta que quedou, murcha e illada. (escaleira hacia a nada, literalmente) testimonia a perda e a ausencia
Dende xa un par de anos atrás, en plena pandemia sanitaria, o teixo podado, construído e habitado do vello asilo de anciáns da institución privada Irmanciñas de Anciáns Desamparados, xa non existe.
A árbore, unha icona vexetal da vila xunto co seu homónimo exemplar da finca Tenreiro, desapareceu e con ela máis dun cento de anos da historia.eumesa.
![]() |
| Onde está o teixo centenario do antigo asilo de anciáns? |
domingo, 14 de julio de 2024
A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do xardín do vello sanatorio Santo Agostiño
A fundación RIA destrúe o cenadoiro neoárabe do vello xardín do sanatorio Santo Agostiño! (Xardín catalogado polo PE-1)
Chipperfield e a destrución do patrimonio cultural
![]() |
| Debuxo do cenadoiro historicista de comezos do seculo XX que se conservaba no xardín do sanatorio Puente Castro |
O primeiro desembarco da empresa Chiperfield-arquitectos en Compostela mutada na fundación RIA non puido ser máis desafortunado, exemplarizando a escasa atención polo patrimonio da mesma sede que ocupa: o vello sanatorio do doutor Puente Castro. O primeiro feito da suposta rehabilitación exemplar dun inmoble catalogado foi a eliminación do seu xardín centenario. Nin o deseño dos cadros de buxo que conservaba, nin a escultura de bronce do doutor homenaxeado cuxo busto centraba o espazo romboidal nin a herma feminina modernista nin o asombroso cenadoiro en pérgola neoárabe que conservaba foi salvado. Todo desapareceu fronte a correctora mirada do técnico inglés
O cenadoiro era unha mostra de xogo ou divertimento intelectual único nun xardín compostelán, no que o deseño dun aparente banco corrido con espaldares en pérgola escondía un xogo formal travestido en forma de lámpada marabillosa das mil e unha noite. Esta follie irónica, lámpada dos desexos se conservaba no xardín do adusto sanatorio quirúrxico dende principios do século XX, paradoxa por certo, que nun lugar de sanación e preto dos cheiros do matadoiro se optase por unha ironía oriental á beira dun estanque con estrelas e se conservou incólume coas oficinas do proxecto Home que o mantivo coidado e ben preservado. Entón chegou o arquitecto inglés experto en arquitectura galega e a súa ecuánime máquina de consellos que é a fundación
O 22 de xuño publicábase na prensa compostelá, con ampla reportaxe gráfica, a presentación e apertura das instalacións compostelás dun proxecto sen ánimo de lucro que ía cambiar o mundo (o urbanismo en Galicia) comandado pola empresa Chiperfield (premio Pritker de arquitectura 2023)
Tamaña bondade e ofrecimento aos pobos de Galicia xa se vira recoñecido polo entón presidente da Xunta que nun acto flamante na CdC agradecíalle en público que veranease en Galicia. O que nos indica, dado o papel institucional autonómico do presidente, que cando un extranxeiro (preferiblemente anglosaxón ou norteamericano adiñeirado) veranea en Galicia nós temos que sentirnos agradecidos ou emocionados.
Pois ben, o seu traballo e falta de lucro chegou por fin a Santiago tomando sede, aberta ao público, no luxoso e extinto sanatorio San Agustín, na rúa Virxe da Cerca, un palacete decimonónico cunha das galerías na fachada máis icónicas da cidade, obra de Pereiro Caeiro ornada con ménsulas taiadas en forma de aguías que se levantou sobre unha edificación anterior de Faustino Coumes-Gay.
Naturalmente, para ofrecer eses servizos urbanísticos de beneficencia precisa recibir encargos públicos cos que os custear e xa se albiscan os novos pedimentos da administración local disposta a non desaproveitar a chegada do demiurgo á cidade.
Supoño que os consellos ou o asesoramento urbanistico sen ánimo de lucro ofrecido aos concellos e outras Administracións Públicas seguido de contratos públicos, son mellores cando se ofrecen dende un palacete da cidade histórica valorado en millóns de euros que dende un piso do Milladoiro. Son de maior calidade.
O concello de Ribeira e outros do Barbanza acollían e recibían ledos os consellos sobre o espazo urbano para amañar aquelo que eles mesmos co seu urbanismo mediocre e especulativo destruíron anteriormente. Non hai nada como que che diga un prestixioso extranxeiro o que hai que facer e non unha panda de ecoloxistas locais.
A xenerosidade Chipperfield parece ser infinda e se en Corrubedo gozan dunha obra escultórica de Anthoney Gormley no mar cedida en préstamo ao concello, para ser vista curiosamente dende a casa Chipperfield, xa que por algo elixíu el a colocación e non a Administración Pública; Santiago, que non é menos que Ribeira espera as preces dunha filantropía tan xenerosa.
Se o vello xardín do sanatorio sofreu o impetu corrector (que de facerse nun país tan amante dos seus xardíns como o británico nunca se tería permitido) e xa se perdeu, agardamos pois o próximo capítulo desta leria.
O cenadoiro neoárabe, a pesares de estar protexido como parte do xardín, xa non existe por obra e graza da flema do mestre inglés.
miércoles, 22 de mayo de 2024
Encontro sobre xardíns históricos no Consello da Cultura Galega
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Consello da Cultura Galega
"Xardíns Históricos: a protección dun patrimonio cultural"
11 de xuño de 2024
Santiago de Compostela e Noia
Máis información en:
https://consellodacultura.gal/evento.php?id=201868
sábado, 4 de mayo de 2024
Xardín do pazo de Marcial del Adalid
martes, 2 de abril de 2024
Xardín do adro da igrexa de Pinza, Viana do Bolo
Xardín de buxo do adro de Pinza
Xardín sacro que ocupa a totalidade do adro da igrexa, desocupados os enterramentos e trasladados ao novo recinto da esquina norleste.
O xardín como promesa do paraíso antecede ao templo e desprega un fragante tapiz de verdor co pano de fondo da fachada da igrexa co seu arco apuntado medieval e a súa alta espadana no eixo.
A sinxela cancela de acceso ao adro cúbrese cun arco vexetal de rosas entre dous pináculos e dende este umbral se desprega o recto camiño directo ao templo.
![]() |
| Camelias xapónicas do parterre norte |
O trazado de sebes de buxo en aspa -en ámbolos dous parterres aos lados do camiño- segue o mesmo deseño que ostentan os plafóns da fermosa carpintería da porta da igrexa reforzando a ligazón entre xardín e templo.
No interior dos cadros plántanse diversas flores e algúns arbustos con podas esféricas. As flores serviran despois para engalanar o altar.
O xardín alóngase lateralmente á porta sur e acompaña a subida ao campanario dende o que se divisa a paisaxe e o propio adro.
![]() |
| Parterre sur co trazado en aspa |
O xardin, modesto e sinxelo non sobrepasa coa altura das súas sebes os muretes e valados de pedra do seu perimetro conseguindo reforzar a tensión de todo ese espazo. Uns pasos de lousas de pedra encastrados no muro permiten un acceso directo dende o camiño ao igual que en calquera outra leira da aldea.
A única camelia existente, de flores vermellas, sinala o acceso ao cemiterio na esquina norte.
Un xardin resgardado baixo o son das badaladas, un paraíso modesto de flores e cruces entre prados e soutos de castiñeiros.
![]() |
| Xardín relixioso que antecede á igrexa parroquial |
miércoles, 21 de febrero de 2024
Paisaxe cultural das minas romanas das Borreas, Viana do Bolo
Minas romanas das Borreas, Caldesiños
Ruina montium ao pé do rio Camba. Paisaxe desgarrada de ericaceas e carballos. Corte e desaparición xeolóxica dun monte por imperativo imperial.
O traballo da auga, a presión furando as entrañas da terra, o lavado dos materiais e o achado do ouro, o abandono e a desfeita ecolóxica, as telleiras e novos usos, a recuperación natural, os encoros de seculo XX...
Tan impresionante e o descenso brusco dende os 700 metros de altura cara o Camba como a vertente leste de carballos extendida dende a crista das Médulas ata os altos de Terragudas.
Unha paisaxe cun monte desventrado de ardente cor laranxa entre impresionantes soutos de castiñeiros.
A ola baleirada cos catro desaugadoiros ocupada agora por carballos e as antigas telleiras no chan da estrada actual.
sábado, 10 de febrero de 2024
Loa a la tierra, Byung-Chul Han
O xardín invernal berlinés de Byung-Chul Han xunto á lagoa Wannsee. Xardín de sombra, de hostas e hortensias pero tamén de rosas con dous anxos rilkeanos que gardan a entrada.
O amante do xardín que bica a tódalas flores e arroupa con mantas ás camelias no inverno.
Reflexións e diario de xardín. A emoción da vida vexetal e a visión relixiosa do xardín. A contradición da rosa de Rilke. Creación de Deus.
A paisaxe de Hiperión.
En Nápoles "Toco a Bach todos los días en mi jardín a la orilla del mar" (...) "Sus flores [hedra] atraen a las abejas y las mariposas. Le gusta sobre todo a la bella mariposa Vanessa, con su esplendor rojo y negro".
"En realidad, el trabajo en mi jardín no es un trabajo sino una meditación, un demorarse en el silencio"
miércoles, 22 de noviembre de 2023
Homenaxe do concello de Mondariz Balneario á plataforma cidadá en defensa dos seus xardíns históricos!
SOS Xardíns Mondariz Balneario, 2023
Case dez anos transcorridos trala perigosa tentativa do entón goberno municipal de recalificar parte do xardín histórico do Gran Hotel para, nunha maniobra de especulación urbanística, construír no bosque centenario tres bloques de vivendas; o actual grupo de goberno recoñece o traballo da plataforma SOS Xardíns en defensa do patrimonio cultural e nomea aos seus integrantes, a título persoal, "membros honoríficos da corporación municipal"
A homenaxe contou coa instalacion dunha placa no bosque en recordo dos feitos
Parabéns a todos e gracias ao concello pola súa sensibilidade polo patrimonio cultural!
domingo, 29 de octubre de 2023
sábado, 19 de agosto de 2023
lunes, 3 de julio de 2023
Reloxo e calendario florais nos xardíns de Méndez Núñez, A Coruña
![]() |
| Reloxo floral nos xardíns da Coruña |
viernes, 12 de mayo de 2023
"El jardín del conde de Monterrey. Arte, naturaleza y panegírico"
LIBRO
-PONCE CÁRDENAS, Jesús e RIVAS ALBALADEJO, Ángel
Sextinas descriptivo encomiásticas de Juan Silvestre Gómez ao seu patrono Manuel de Zúñiga a partir do seu xardín napolitano de Madrid en 1639
Trala estancia de dous lustros en Italia como embaixador de Roma e virrei de Nápoles o conde de Monterrei volta á corte e reforma a súa casa de recreo no Prado Vello de San Xerome para actualizala á maneira das vilas italianas cun xardín no que instalar a súa prezada colección de arte e mármores importados de Xénova. Finalmente o crego que traballaba como capelán ao seu servizo Juan Silvestre escribeu un dos poemas xardíns para describir a fazaña edilicia e loar ao seu aristócrata patrono.
jueves, 6 de abril de 2023
Parque Rosalía de Castro, 1921, Lugo
PARQUE ROSALÍA DE CASTRO
Nunha plataforma horizontal denantes da caída en pendente cara o rio Miño, o parque Rosalía de Castro deseñouse na comodidade dun plano sen accidente ou obstáculo algún e se converteu no miradoiro e balconada do principal rio galego. A monumentalidade da pérgola art deco de Eloi Maquieira intensifica esta relación do parque co Miño, un espazo que refulxe no solpor final do día matizado polo azul Klein do ceo de pontóns de formigón pintado.
![]() |
| Pérgola na esquina sureste con vistas ao rio Miño |
O peche do parque reorre a un sinxelo parapeto de sebe de ligustres evitando a ríxida barreira de fábrica ou forxa, erro que cometeu por exemplo o xardín botánico de Padrón nos anos 90 do século pasado, que non soubo valorar os muros vexetais. Porén a monumentalidade si queda evidentemente marcada na puntuación dos esveltos obeliscos brancos que se utilizan como luminarias e que son un dos sinais de identidade deste xardín.
![]() |
| Maqueta de España e Portugal, 1929 da Casa Hepzos |
Baixo un pombal e resgardado nun pavillón octogonal agarda unha das sorpresas do parque: o mapa en relevo da península ibérica do ano 1929 e fabricado segundo o relato do concello de Lugo na Casa Hepzos. Esta atracción xeográfica que contaba con iluminación propia relativa ás cidades e ós faros é unha agradable mostra da vocación educativa do parque.
![]() |
| Estanque dos patos |
O xardín estrutúrase cun trazado principal de paseos en aspa que, dada a irregularidade do trapecio, non coincide en dúas das súas puntas, e que ten un centro marcado mediante unha grande rotonda con fonte e parterre.
A obra escultórica máis senlleira é a do monumento ao alcalde Ánxo López Pérez, de 1958 obra de Francisco Asorey cunha sorprendente figura alegórica moi humana na expresiva xestualidade de brazos e pernas.
(Fonte da información: Concello de Lugo)
sábado, 14 de enero de 2023
O parterre barroco de San Lourenzo de Trasouto no Anuario Brigantino
domingo, 6 de noviembre de 2022
lunes, 1 de agosto de 2022
domingo, 19 de junio de 2022
lunes, 4 de abril de 2022
Alteración e destrución da alameda da Estrada, Pontevedra
Proxecto atribuído ao arquitecto Franco Montes a partir dos anos 10 do século XX, esta fermosa alameda, a carón do pazo municipal, sofríu hai a penas un par de anos unha desafortunada actuación que a mutilou irreversiblemente, destruíu e danou gravemente. Todo feito da man do propio goberno municipal que debía selo encargado da súa protección e tutela.
O elemento da entrada, o icónico paseo en pérgola de glicinias pechaba lateralmente a praza do concello servindo un palco á vida pública municipal e introducía ao paseante na perspectiva do quiosco da música. Este paseo de teito vexetal acoutábase cunha flamante columnata clásica dórica apoiada sobre basamentos e servía á tranquilidade do descanso incorporando un banco corrido de pedra. Todo foi inexcusablemente destruído!!
![]() |
| A alameda ca. 1970, Fonte: fototeca.cnig.es |
![]() |
| A alameda ca. 1990, Fonte: fototeca.cnig |
Pero non foi só afectada esta loggia lateral, tamén o parterre circular na fachada posterior do concello cos seus arriates de flores e fonte e o paseo central de plátanos con pavimento de terra, tamén foron destruídos.
Este procedemento de destrución dun patrimonio vexetal e arquitectónico ás portas mesmas do concello e perpetrado polo mesmo concello é inadmisible nunha sociedade esixente que vela pola cultura e o patrimonio herdado que debería ser inalienable. A nova proposta de parque que a substituíu (e da que son incapaz de amosar unha vista aérea) ignorou a memoria histórica do lugar, desprezou a identidade da vila e non tivo remordemento ningún en cortar árbores centenarias para correxir a historia do parque ao servizo dun irritante formalismo supostamente vangardista. Nada novo baixo o sol.
O resultado é unha praza dura central castigada polo vento, desprotexida no verán e exposta ao inverno; unhas plantacións raquíticas dun novo arborado que tardarán décadas en telo porte dos exemplares cortados; o trazado do paseo central, eixo da vila burguesa e de comercio destruído despois de ser o tradicional punto de encontro dos estradenses durante cen anos; o fermoso parterre colorista que ofrecía un recuncho umbrío para o descanso, destruído; pero sobre todo son os miles de recordos e emocións transcorridos na vella alameda que polo visto non valeron nada para o goberno municipal.
Moi cara foi finalmente a extensión da alameda a toda a mazá, Costoulle a súa propia identidade e a da propia Estrada. Que tipo de proxecto, preguntámonos, farían os autores por exemplo nos xardíns do pazo de Oca (un emblema da xardinería barroca galega) se en lugar dunha restauración acometesen unha actuación similar? O problema como moitas veces sucede é a confusión entre o que estes técnicos viron como unha simple Zona Verde (unha denominación urbanística) e non coma un ben cultural, un xardín histórico que cumpría restaurar. Pouco pan e pésimo circo!
domingo, 13 de marzo de 2022
Xardín botánico de Padrón
| Ataque do picudo vermello nas palmeiras canarias do xardín botánico |


















































