Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

jueves, 4 de mayo de 2017

Xardín da villa El Pilar, Vigo

Antiga fonte central con taza cerámica octogonal

A cidade xardín de Vigo foise constituíndo dende finais do século XIX sen planificación algunha, ao longo da estrada de Baiona, configurando un pintoresco entramado de casiñas nada discretas da burguesía industrial. Un proceso de construción urbana que amosou os cambios estilísticos na producción residencial destas villas dende o eclecticismo ao modernismo, o rexionalismo e o Movemento Moderno.

Fachada principal de El Pilar, hoxe Casa da Mocidade

Daquela colección urbana de orgullosos hoteliños queda hoxe unha exigua mostra con obras de Michel Pacewicz, José Franco Montes, Genaro de la Fuente, Manuel Gómez Román ou Francisco Castro Represas.

Alfombras cerámicas de motivos vexetais na entrada da casa

Tralos fortes cambios urbanísticos que tiveron lugar en Vigo na segunda metade do século XX, quedou, daquel rico poboado, este magnífico exemplar modernista de 1913, que Franco Montes deseñou para o empresario Camilo Teijeiro, e que aínda anda pavoneándose entre as construcións da especulación viguesa.

Heráldica dos Reis Católicos

Villa El Pilar -a partires dunha construción máis ou menos cadrada- non escatimou en quebros, saíntes, balcóns, torreciñas submontadas sobre torrecillas, pináculos e galerías dabondo para deixar irrecoñecible o cadro da planta inicial, e deixar claro que ista arquitectura residenciaba a xente notable, inqueda artísticamente.
Ao seu perfil se sumaba a varidade da colección de azulexos que se usaron para ornalo mobilliario do xardín: escudos nobilliarios dos Reis Católicos, flores de lys, golfiños, xarróns, elementos vexetais e xeométricos... xunto á vistosidade das súas cores e suaves texturas.


Eixo central con escalinata, bancos e pedestais con xarróns


Toda ista arquitectura doméstica se completaba cun importante plantel botánico que suplia as carencias verdes do habitar no centro da cidade. Aproveitando o feito de contar con amplos terreos próximos á cidade se plantaron xardíns coidadosamente deseñados, cunha espectacular vexetación de araucarias, magnolios e palmeiras canarias que rodean ás casas e creaban esa exhuberancia vexetal que reforzaba o elitismo da puxante clase social que era capaz de pagalo.


Baldosas hidráulicas nas terrazas e balcóns do xardín

A potencia do xardín reservábase sobre todo ao ámbito dianteiro -inmediato á verxa monumental- que limita co camiño público. Unha fonte octogonal de azulexos definia unha rotonda central da que derivaban diferentes eixos e paseos entre os parterres de buxo, agora con arcos metálicos para cubrir con roseiras.

Bancos cerámicos acaroados á fachada da villa. Xarróns, flores de lys, mascaróns e golfiños

Como capricho de xardín, esta villa conta, acaroada nun dos seus múltiples quebros, cunha gruta artificial -apenas un diminuto rochedo esférico- que aloxa no seu interior un banco perimetral semicircular. Construída con cemento armado esta esfera interiormente hueca vese colonizada ao exterior coas texturas vexetais de musgos e fieitos que peitean os cabelos da cavidade.

Gruta artificial acaroada nun dos quebros da edificación


Cadros cerámicos axedrezados e en bandas

A chegada da plaga do picudo afectou desgraciadamente ao teito deste xardín, encarnado na illada palmeira canaria protagonista do espazo de acceso, planta que con case 100 anos de idade mantense impresionantemente moribunda.


Motivos florais e xeométricos dos bancos do xardín


lunes, 20 de febrero de 2017

Avance no deterioro do Parque do Pasatempo, Betanzos

Novas derrubas no Estanque da Gruta
Ao mal estado de conservación xeral dos restos do parque enciclopédico que puideron ser salvados a finais do século pasado, únese agora a caída parcial do lenzo leste do Estanque da Gruta.

Iste estanque era a porta de entrada ao recinto superior sobre o que se expandía o proxecto Naveira pola faldra do monte. Por medio dun paso elevado acaroado sobre o antigo Pavillón do Octógono se salvaba o camiño público, e se atopaba un de súpeto co baleiro do estanque da gruta, nun deses efectos sorpresivos tan caros aos seus promotores.

Pavimento da rolda interior do Estanque do Retiro
Acceso principal ao recinto superior do parque a través do Estanque da Guta


Vista xeral do estanque cos lenzos derrubados en febreiro de 2017
Ista gruta que lle da nome, responde ao xogo de comunicacións soterradas do parque que derivan finalmente nela pola Boca do Inferno, nun estanque irregular e en esquina, e que ten tamén un paseo de rolda inferior que circunda  a lámina de auga.

Un estanque moi complexo nas súas comunicacións e accesos, e que foi ademáis dotado dunha epidermis zoolóxica de animais en relevo e grecas decorativas con pedras e cunchas mariñas.

O estado de conservación deste Xardín Histórico declarado, ou alomenos incoado, coma BIC,  é malo, e o seu futuro coma sempre ao traspés do seu deterioro. Cómpre actuar na súa restauración e de paso aproveitalo momento para facer unha restruturación dos danos provocados en anteriores actuacións técnicas desafortunadas.
Escalinata de baixada ao Estanque do Retiro

sábado, 7 de enero de 2017

Xardín da Roiba, 1967, Bueu

XARDÍN DO REFUXIO A ROIBA, BUEU
Aínda coa patente e acusada redución de espazo físico dispoñible que caracterizou ao proxecto desta vivenda -levantada nunha rocha da praia de Beluso- Ramón Vázquez Molezún a dotou dun intenso axardinamento que envolve gran parte dos seus muros e levanta nas terrazas unha certa espesura que esconde a porta de acceso e fomenta a experiencia dun paseo por un xardín que non existe. Nesta casa non hai parcela... hai rocha, nin tampouco hai un xardín canónico... hai vexetación que brota de entre os pedras que construen a vivenda

Acceso principal polo xardín da vivenda na terraza

Orixinariamente un alxibe e almacén da industria conserveira, ista vivenda única e arriscada, tan persoal e profunda só pode responder ás necesidades dun habitante tolo polo mar. Un penetra nela en coche dende terra firme -a cota superior de terraza- e sae dela por mar en dorna -a cota inferior de praia e peirao- Unha discreta transmutación funcional servida pola arquitectura desta casa.

Acceso pola cuberta, muros verdes e vista xeral da vivenda dende terra firme
É dicir, se temos entendido ben a Ramón Vázquez, un sube á cuberta da casa para entrar por ela, como medio último para acceder ao mar que inquedo e incansable barre os pés da construción. A casa pois parece o de menos e a súa presencia é como o seu xardín, discreto e sutil.
A nada por riba, a vivenda no medio pegada a rocha, e o mar polo baixo, unha dificil solución doméstica en loita co nivel do mar e o seu azoute.

Colonización vexetal vertical da vivenda

lunes, 5 de diciembre de 2016

Xardín de Villa Rhin, Brandía

Xardín da Villa Rhin en Brandía, Santiago

Xardín romántico de finais do século XIX aproveitando un antigo complexo fabril da industria do coiro situado ás beiras do rio Sar en Compostela. A tenería foi reconvertida nunha villa decimonónica de recreo estival aproveitandose da súa situación entre o frescor dos carballos e a paisaxe fluvial.


Vista da tenería reconverida en quinta estival de recreo aos pés do río Sar, co embarcadoiro á esquerda

Un monumental portalón de forxa, xa destruído, daba acceso á villa dende Vidán, co nome gravado no alto de Villa Rhin querendo facerse un paralelismo entre o río teutón e os seus castelos que acompañan o trascurso do río, e o compostelán fluido doce. Ista imaxe e paralelismo foi buscada ademáis coa construción do torreón angular e o seu miradoiro co que foi completada a casa, e que lle dá ise perfil resolto con gracia. Así pois, tamén o río compostelán ten castelos -a outra escala dende logo- e produto desta visión romántica do pracer arquitectónico.

Perspetiva principal do parterre e prolongación a través da avenida de plátanos
 
Todo o descenso hacia o rio dende Vidán facíase a través dun longo e fermoso paseo -hoxe moi alterado- cun primeiro tramo de aliñacións de carballos, e despóis dun brusco xiro de 90 graos, en paseo de plátanos ata chegar ao segundo portalón xa de ámbito privado da casa.


Parterre principal diante da villa e pérgola de glicinias e agapantos

As vellas instalacións aínda poden identificarse entre os elementos do xardín, como o vello muíño de casca que foi reconvertido nun estanque circular entre camelios, ou a gran fonte mural da fachada traseira da casa.

Cenadoiro con camelios na fonte do muiño
Así mesmo a pesares de ser un xardín con personalidade eminentemente fluvial, todo o monte do cauce dereito do río -pertencente á propiedade- foi plantado cunha carballeira e bosquete de cedros, araucarias e criptomerias, completando ornamentalemente o paseo entre os carballos. 
A parte posterior da casa, gozaba dun ambiente máis doméstico cun xardín de hortalizas e campo de árbores frutais en cuadrícula, hoxe parcialmente desaparecido coas construcións de lecer da urbanización privada próxima.

Paseo da avenida dos plátanos
Pero o elemento quizais máis significativo dentro do xardín e en relación co Sar, é o embarcadoiro privado da finca, co seu acceso en funil e pequena escalinata en romántica aproximación ao río. Lóxicamente o Sar non é navegable e non se pode circular en barca dende Santiago, Nin tampouco supoño podería ofrecer entón un baño seguro dada a presenza da Compostela industrial volcada na utilización deste río como desaugue (como agora segue a facer), polo tanto é preferible entender iste elemento coma un recurso formal, de corte europea, e de relación coa paisaxe. O río pode estar contaminado, é certo, pero non é obstáculo para ser sublimado paisaxísticamente, alomenos dende o século XIX.
Vista do parterre que antecede á antiga curtiduría

Trala fachada posterior da casa, e excavado na rocha, está un manancial formalizado cunha fonte mural que se integra no muro interior da propiedade. Iste recuncho foi ornado ademáis vexetalmente cunha imponente parella de magnolias grandifloras, palmeiras de abano, e a rotonda ocupada por un moi desenvolvido carballo. Igualmente se continua o paseo que acompaña o rio Sar co muro que o delimita adornado cada certo tempo con pedestais e xarróns.

Muiño de casca reconvertido en recuncho romántico con camelias
Todo o conxunto do bosque fluvial de carballos -tan necesarios por outra banda para proveer de casca á fábrica de coiros- está excavado na rocha do cauce do rio, e presenta esa espesura e penumbra na que se consiguen fortes contraste de luz e sombra, nun terreno de forte pendente, na que a visión predominante sempre é aérea.

Aliñación de camelios acompañando o paseo do rio Sar
Foi restaurado o xardín en 2004 pola escola-obradoiro de Brandía, máis anteriormente fora mermado na súa superficie por unha urbanización nos anos 90, e a apertura dunha rotonda de tráfico que destruiu o seu portalón de forxa e a longa avenida angular de carballos que lle daba acceso. O Sar  continua en proceso de recuperación.



jueves, 1 de septiembre de 2016

Xardín de Santa Baia de Codeso, Boqueixón

Xardín romántico de sebes de buxo e camelias do adro parroquial de Santa Baia.

O templo clasicista do ano 1881 -levantado polo párroco Tomás Ballesteros Gil- ordeou sobre sí un espazo sacro con cemiterio regular cercado, casa de fábrica, e un pequeno xardín de camelias cun trazado xeométrico en buxo sobre a terraza sur do camiño.

Un paseo en diagonal percorre lonxitudinalmente toda a estreita banda do adro correspondente á Epístola, formando transversalmente outros paseos curtos. A plantación principal fórmana camelias xa centenarias que sombrean as rúas estreitas de buxo, así como rododendros e tuias. Sobre as rúas póusanse amplos bancos con respaldos vexetais formados con lousas gravadas de pedra do vello camposanto


Todo enmarcado nas fermosas vistas do val do río Ulla, co rechamante fondo mineiro no alto, da banda rasgada da Cruz do Couto, da Pena do Corvo e de Riba das Zancas.


Poucos exemplares se conservan dos vellos xardíns parroquiais, dos cales iste é un bo exemplo entre os cales cabe destacar o xardín amahiano no val do río Tambre da casa parroquial de Lens, que ao igual que iste conserva se cabe aínda máis frondosas camelias de porte espectacular.

Para a formación dos bancos nos paseos recurrese ás vellas lousas de pedra do antigo cemiterio


Entrada ao xardín dende o camiño sur



Paseo central

sábado, 13 de agosto de 2016

martes, 7 de junio de 2016

Paisaxes da Terra Cha




                    (...) dos altos ceos chumbos que ameazan,
                    coas súas nubes escuras como a morte,
                    o desamparo dos povos e dos montes,
                    perdidos na gran inmensidade,
                    orfa e impresionante da planura...


                                             Manuel María, Canto á Terra Cha, (1945-1964)

lunes, 21 de marzo de 2016

Xardín do pazo de Vista Real, Vilanova de Arousa



Interior da Gruta de don Joaquín (datada no ano 1898)
A construción decimonónica da estrada de Vilagarcia a Cambados creou esa gran recta viaria que hoxe percorre o val do Salnés pola costa, e que pronto viu instalar nas súas beiras actividades diversas atraídas pola nova infraestrutura, coa súa comodidade e rápido acceso aos núcleos, e dende logo tamén por isa proximidade a un importante fluxo de persoas e de mercadorías. Tal feito fixo que o pazo de Vista Real tamén quixese achegar unha nova faciana a esta vía, ofrecendo a súa mellor cara cun moi eficaz peche monumental de ferro fundido (con nome gravado no alto do lintel) e que se construíu para abrir un novo portalón de acceso. De non actuar así, o pazo quedaría relegado ou mellor dito invisibilizado dende a estrada sen protagonismo arquitectónico. É máis, todo iste pequeno sector da finca en contacto coa flamante estrada incorporou un sofisticado proxecto de axardinamento, que realmente moi pouco tiña que ver coa sobriedade rural produtiva do resto da propiedade.


Nivel superior nun dos miradoiros xemelgos
Joaquín Martínez-Orense e García, o coñecido empresario e armador dono do pazo a finais do século XIX, foi quen gravou na gruta a data desta actuación e que pode ben extenderse ao conxunto de todo o axardinamento. Está organizado iste cunha estrutura en dúas metades iguais, á que se lle superpón unha topos artificial concibida coa amenidade dos dous accidentes xeográficos típicos para este tipo de espazos: o rochedo e os estanques que simbolizan os dous elementos.
A figura de don Joaquín tamén está ligada á creación dun dos principais parques históricos de Vilagarcía, como é a praia de Compostela., onde se formalizou arquitectónicamente a costa a través dun parque arbolado con paseos e balasustradas sobre o mar.

A enaxenación da principal parte da propiedade, a finais do século pasado, derivou na maior -aínda que breve- etapa negra da historia do soar, que se veu convertido de súpeto na morada dun clan de narcotraficantes, que deu por emprender na vella fábrica unha reforma de corte marbellí, que tivo como consecuencia graves danos no inmoble que todavía persisten hoxe. Non obstante alomenos un terzo da superficie da finca foi preservada en mans da familia orixinaria e se salvou destas reformas, en concreto gran parte da avenida e paseos decimonónicos de camelios que chegan ata a fachada traseira da casa, cun elegante ascenso en curva.
Actualmente é unha propiedade pública en mans do Concello de Vilanova de Arousa, na que se está desenvolvendo un importante proxecto de restauración, e recuperación para usos públicos.


Paseo das laranxeiras
Respeto ao catálogo florístico o plantel inferior inclúe unha araucaria, unha criptomeria excelsa, magnolios, trachicarpus, palmeiras canarias, plátanos, e drácenas. O paseo esquerdo está formado fundamentalmente por magníficas camelios centenarios e algún rododendro ata chegar ao pé do pazo, no que, e na plataforma adxacente en terraza se plantaron plátanos e camelias,,,, O resto da finca está hoxe cuberto por plantacións en parra de uva alvariña,

Xunto ao pombal circular de dous andares, cuberto por rocas e cascallos volcánicos (e tamén datado a finais do século XIX), despunta a silueta voluminosa da sobreira solitaria do pazo, plantada nun punto estratéxico da finca, e como contrapunto lateral e vetical á avenida lineal e horizontal que forman as camelias.

Na plataforma ou terraza arrentes do pazo desenvolvíase o propiamente dito xardín doméstico da casa, en contraposición cos axardinamentos máis públicos xunto a estrada. Na terraza, hoxe moi alterada, aínda se conserva un pequeno plantel de árbores monumentais como palmeiras, butias, plátanos, camelias, pero desapareceron as pequenas borduras que seguramente delineaban este pequeno campo baixo as ventás dos salóns da casa.

sábado, 30 de enero de 2016

Alameda de Celanova

Trala desamortización e expulsión do bieitos de San Salvador foi plantada -nunha plataforma que ocupa un bancal da vella horta do convento- a flamante alameda burguesa da vila de Celanova, enlazando ista terraza das chamadas Escolas Pías coa fonte e paseo das Triguerizas.

Alameda de Celanova e xardíns de Curros Enríquez
Formado o salón por tres paseos rectos de plátanos, a poda da ramaxe fai que se unan as pólas das rúas entre sí, creando un ceo vexetal con luminarias penduradas no aire

O único protagonismo exérceo o conxunto dos 32 plátanos dispostos en 5 paseos paralelos, cun banco corrido de pedra que é o remate do muro da terraza, e a porta monumental no eixo, con altos piares coroados con xarróns, e aberta toda a terraza á fermosa paisaxe do val de Celanova.

O segundo trazado inferior segue a colonizala horta conventual descendendo por unha ampla escaleira de dous tramos, pero ista vez respetando a inclinación natural do terreo. Fórmana igualmente aliñacións de 6 bancais e paseos con árbores podadas en ceo raso, partindo da vella fonte mural barroca da Trigerizas.

Alameda e fonte do paseo das Triguerizas

jueves, 19 de noviembre de 2015

Restauración do xardín renacentista de Bornos

CAMPAÑA DE MICROMECENAZCO PARA LA RESTAURACIÓN DE LA LOGIA DE BENVENUTO TORTELLO EN BORNOS

Jardín del siglo XVI construído por el I duque de Alcalá y virrey de Nápoles Per Afán de Ribera. La logia, de la que sólo se conserva el cuerpo inferior, es un apéndice del palacio a modo de galería y fachada monumental al jardín, netamente italiana. Su estructura arquitectónica estaba pensada para albergar la valiosa colección de escultura clásica importada por el duque, y por eso se concibió como una galería al aire libre ritmada de hornacinas para soporte museístico y ornato del jardín.
APOYE SU RESTAURACIÓN Y COLABORE!


INFORMACIÓN e COLABORACIÓN EN HISPANIA NOSTRA:

 http://todosaunacrowdfunding.es/projects/restauracion-de-la-logia-renacentista-del-palacio-de-los-ribera-bornos-cadiz/

sábado, 24 de octubre de 2015

Centro Don Bosco

 


CONFERENCIA
 
XARDÍNS COMPOSTELÁNS DO PATRIMONIO CULTURAL



CENTRO DON BOSCO
 25 de Outubro de 2015, 18.30h 



lunes, 28 de septiembre de 2015

Ampliación surrealista da Alameda de Santiago pola Carreira do Conde

Xardín histórico da Carreira do Conde
Non é pais para vellos (xardíns)

A determinación insólita de adaptar a forma urbana segundo criterios do tráfico rodado, contradícese co sentido común que establece que é a fluidez do tránsito de vehículos o que se debe subordinar á cidade consolidada nun conxunto histórico.

Cambiouse e desprazouse unha escaleira para achegala ao paso de peóns existente. Ben, e non era mellor mover iste para axustalo a aquela?. Cando co paso do tempo -e a reorganización do tráfico no Campo da Estrela- se mude o paso de peóns a outro sitio, moverase de novo con el a escaleira de pedra?. Non é mellor adaptalo paso de vehículos á cidade e non ao revés? 

Escaleira orixinal con descansillo, e barandas de pedra e sebes
Grave precedente na cidade histórica de Santiago en tanto que a forma urbana que estaba protexida foi definida pola circulación rodada de Xoan Carlos I.

Por outra banda alomenos unha quinta parte da lonxitude dun muro protexido foi destruído ou alterado gravemente, co obxectivo de crear un gradarío no terraplén das palmeiras, danando o sobrio deseño do conxunto de borduras das arecáceas.

O grupo formado polas sete palmeiras canarias, co seu anel inferior de buxo con flores vivaces, forma un conxunto arquitectónico como xardín que non foi percibido como tal, e polo tanto alterado sen miramentos, modificándo a elegante perspectiva columnaria que ten valor como conxunto en tanto premaneza este homoxéneo.

O cambio operado na rúa non tivo tampouco a ambición dun discurso significativo e relevante que convencese da súa achega e idoneidade. O novo terraplén destruíu un muro protexido; cortou un fermoso rododendro; deixou coas raíces ao aire unha palmeira e unha robinia -ameazando a súa estabilidade e supervivencia-; destruíu unha escaleira de granito en perfecto estado para substituíla por outra que, porén, non permite o paso a persoas con diversidade funcional e desfacendo asemade o foco final da perspectiva da rúa Xeneral Pardiñas;  alterou o fermoso e tradicional recuncho da fonte do seu extremo de bancos efrontados; non se restaurou a escaleira sur -sí protexida- que mantén os seus perigosos chanzos rotos; mantívose a única gasolineira existente -que eu coñeza- fronte a unha igrexa barroca; e en suma, converteu en insegura unha rúa ao non separalo tráfico de vehículos do das persoas, que compartirán agora en desorde un único espazo común.

Ao abeiro de todo isto cabe preguntarse onde está a luminosidade e a beleza invocadas, onde residen os valores da suposta ampliación da Alameda pola Carreira do Conde, para xustificala operación de reforma urbana, proxecto estrela publicItado convenientemente e de discreto resultado final, que afectou ao principal espazo verde axardinado dunha rúa de Santiago.

Tralas desafortunadas últimas actuacións desenvolvidas na Alameda, agora temos de novo modificado sen sentido un dos poucos axardinamentos históricos da que foi primeira rúa do ensanche burgués.

Santiago, Non é pais para vellos (xardíns)

Iste recuncho de fonte e bancos enfrontados tamén foi reformulado

miércoles, 2 de septiembre de 2015

Xardín dos Sarmiento Varela, Santiago de Compostela

 Xardín en terrazas descendendo cara as hortas de Belvís no centro histórico de Santiago pertencente a familia Sarmiento Varela.

A peza principal do xardín era un parterre levantado trala fachada traseira do pazo, construído nunha terraza con vistas ao recinto monumental intramuros, e con escaleiras laterais a ámbolos lados que descendían cara ao resto da horta.

Do parterre principal trala casa arraca lateralmente un trazado en cruz de sebes de buxo con centro nun pequeno estanque circular. Este axardinamento acolle tamén un plantel con tuias e unha araucaria, e ten remate visual nun cruceiro de pedra.

O pequeno rego que penetra na finca e lle surte de auga debuxa un percorrido arquitectónico que finaliza nun estanque ovalado con illotes de xunqueiras -crocodilo incluído posteriormente- e fonte adosada central en escaleira de tres panos semicirculares.

Outros ámbitos do xardín formábanos diversos espazos con bancos e mesas de pedra entre camelios e cedros, hoxe tamén moi alterados.

viernes, 5 de junio de 2015

Xardin e casa Alonso, Ourense

PERIGO DE DESAPARICIÓN DA CASA ALONSO EN REZA!

Entre outras moitas consideracións pódese dicir que tense producido algo afortunado aquí: hai unha perfecta integración do xardin coa casa, a aldea na que se levanta, e a paisaxe. E non é ista unha frase feita, porque en verdade a casa literalmente está engulida na paisaxe, sabemos que está ahí, porque o sabemos...  podémolo constatar, nu replegue do terreo e entregada á vexetación.

A vivenda desdebúxase na vexetación
Construída nunha rocha sobre os socalcos do río Miño, a casa é un impecable exemplo residencial de aprezo pola terra, e de bo construir coa paisaxe.

A crúa imposición deste apresurado derribo anunciado, co seu pródigo depregue administrativo é un despiadado autorretrato do noso país.

Esta obra culta, proxecto do arquitecto Fernando Blanco, ofrece uns brilantes espazos domésticos moi sofisticados, e pouco comúns no facer construtivo galego de finais do século XX.

Dende logo pouco común, aínda que non tanto desgraciadamente a  cegueira institucional con que se enfrenta sempre aos bens culturais do patrimonio contemporáneo a Administración Pública.

Temos ademáis, indisociable coa casa, un xardín exhuberante -necesario para afrontala canícula ourensá- con carballos e arces ensombrecendo os muros de pedra e ladrillo visto. 
Vidros facendo de luminosos espellos -referente das espelladas caixas de Dan Grahan-  un fértil mundo vexetal multiplicado e amplificado a traverso da arquitectura, e enmarcando as vistas tralas fiestras dos impresionantes Cotos Formigueiro e da Torre á outra beira do rio.

A sorprendente perda anunciada desta vivenda é un fracaso colectivo. Sobre todo polo seu acubío xuirídico ampliamente difundido e convenientemente advertido, ao que se aferran as limitacións dun urbanismo que quere ser únicamente exemplificante. Todavía hai tempo para reflexionar e facer que prevaleza o valor cultural desta construción


INFORMACIÓN E APOIO EN:

https://www.change.org/p/casa-de-su-majestad-el-rey-ministerio-de-educaci%C3%B3n-cultura-y-deportes-eviten-el-derribo-de-una-obra-maestra-de-la-arquitectura-gallega?recruiter=307206625&utm_source=share_petition&utm_medium=twitter&utm_campaign=share_twitter_responsive


martes, 12 de mayo de 2015

Xardín do café Moderno, Pontevedra

Xardín ecléctico de finais do século XIX no histórico edificio do café El Moderno de Pontevedra.

O xardín situado trala fachada traseira do edificio, acompaña unha estensa galeria de madeira que cobre a superficie da casa e serve de miradoiro e estancia interior no que contemplar o xardín.

O motivo principal -disposto diante da galeria- é un debuxo radial formado por sebes de buxo no que se levanta unha rotonda formada por seis palmeiras canarias en torno a unha washingtonia. Ista composición vexetal de porte vertical moi desenvolvido é a protagonista do xardín

O fermoso quiosco octogonal do xardín -levantado cunha estrutura de columnas de forxa decoradas e pintadas de branco- aloxa o pozo e o pilón, fabricado todo o conxunto en Carril na fábrica de Antonio Alemparte.

A intervención levada a cabo no edificio en 2002 por Álvaro Siza, inclueu a rehabilitación do xardín no que se construeu un pabillón auxilliar no testeiro do mesmo a partir dun sobrio muro de canteria 

En 2003 instalouse no espazo comprendido entre as palmeiras, a escultura de Castelao con corozo, obra de Francisco Leiro baseada na autocaricatura do intelectual e político.

Escaleira de forxa entre camelios, que serve de acceso principal ao xardín

miércoles, 4 de marzo de 2015

Os luns do Ateneo



 ATENEO DE SANTIAGO
-CONFERENCIA-

 
Un percorrido arquitectónico polos xardíns históricos de Compostela.
 A protección dun patrimonio cultural




LUNS, 9 DE MARZO, 20.00h.

miércoles, 21 de enero de 2015

Salóns de baile e café nos xardíns da Coruña. A terraza de Sada

ARQUITECTURAS DE LECER NOS XARDÍNS PÚBLICOS DE PRINCIPIOS DO SÉCUILO XX

A Coruña contou -dentro dos xardíns de Méndez Núñez- cun sector especializado para os quioscos de ocio alineados ordeadamente no paseo principal das palmeiras, que apareceron primeiro como estables estruturas de madeira e se foron tranformando con peles de cemento decorado e pintado; e nos que sobresaía isa vocación urbana de exhición e modernidade dentro do xardín.

Salón de baile no primeiro andar do Edificio La Terraza, instalado nos anos dez do seculo XX nos xardíns Méndez Núñez de A Coruña, e hoxe consevado en Sada
A idea configurada do xardín como lugar premeditado para a celebración e o pracer, foi levada a cabo dentro das cidades de principios de século XX, convertindo os parques públicos de libre concurrencia no marco axeitado para a festa pública e social. O encontro burgués dentro do parque, en horas avanzadas e tempos climatolóxicamente adversos, necesitaba de engaiolantes e aceptados espazos no que despregar o brilante axobío da clase ociosa.

Incluso unha cidade como Santiago de Compostela adoptou, para o seu principal espazo verde, a cosntrución dun magnífico salón de bailes e festas trala igrexa do Pilar, obra do arquitecto Antonio Palacios. Contando ademáis cunha portada de arquivoltas, secularizada con ánxelas art noveau. O resultado é... un desafogado café con música e baile afastado das miradas de centos de ventás do vello burgo intramuros.

A hoxe terraza de Sada é unha lixeira e alongada constución de madeira de dous andares cunha pel acristalada de diferentes cores e carpinterías con fermosos deseños Art Nouveau obra do arquitecto Antonio López Hernández. Aínda que no traslado dende A Coruña sofreu unha adaptación que simplificou os volumes e crestas da súa cuberta, este edficio constitúese hoxe -tras máis de cen anos de vida- como unha obra mestra da arquitectura modernista en Galicia e un icono de tódolos pavillóns de recreo construidos nos xardíns.

miércoles, 3 de diciembre de 2014

Xardín da praza de Azcárraga, A Coruña

O arquitecto municipal Pedro Mariño foi o encargado de deseñar estes xardíns no ano 1896 adaptando o vello modelo en cruz tan coñecido, á forte pendente resultante da praza, tras quedar ista valeirada en boa parte trala demolicións das vellas construccións municipais.

Esta praza regularizada xeométricamente e axardinada no século XIX foi o centro da cidade vella medieval da Coruña, aberta ás casas do Concello, almacéns de artillería e á Intendencia. O nome actual, é unha deferencia ao xeneral Azcárraga polo seu apoio en 1896 á recuperación para a cidade da Capitanía Xeral.

Pormenor da fonte dos desexos

O século XIX mudou pois unha dinámica praza pública, que foi durante séculos escenario urbano de celebracións e diversos actos, e mercado de venda de gran, nun xardín romántico, umbrío e silencioso protagonizado por unha rotonda central octogonal de plátanos, que circunda unha fermosa fonte de fundición rematada por unha venus ou figura feminina sostendo un farol.

Bibliografía:
-FERNÁNDEZ, X., O arquitecto Pedro Mariño Ortega (1865-1931), Editorial Galaxia

jueves, 9 de octubre de 2014

Xardín de villa Rosa, Baiona

PAISAXES CON PRATOS ROTOS
Resgardada polas cortinas de tres araucarias, impón a súa silueta sobre Baiona a fábrica sobrealzada da casa Mirambell. O empresario barcelonés afincado en Vigo, Tomás Mirambell ergueu sobre unhas rochas da praia da Concheira unha bonita e francesa construcción con mosaico rosado nas fachadas, que a luz do atardecer tingue disa cor peculiar que lle da nome..

Texturas dos muros de cerámica no xardín de villa Rosa





Dous grifos no muro e dous leóns brancos deitados nun primeiro parapeto gardan a entrada ao xardín. Traspasada a porta, o intradós dos muros se enche de fermosos murais con animais debuxados en trencadís: aves do paraíso e exóticas zancudas.
O xardín é unha colorista terraza que serve de balcón para admirala ría de Vigo: as illas Estelas e a fortaleza de Monterreal.

Debuxos xeométricos no mobiliario do xardín
O xardín se compón de varias terrazas comunicadas entre sí por escaleiras moi desenvolvidas, con elegantes trenzados, balaústres e diferentes xarróns. Nos recunchos a ámbolos lados da escaleira central, deséñanse pequenas estancias con bancos de fábrica para formar espazos íntimos resgardados das miradas.

O xardín é unha rexeneración universal de fragmentos inverosímiles de tazas, pratos, cuncas, azulexos, mosaicos, fillos de tódalas nais, e de toda condición refundidos nun todo colorista que brinda sen complexos a súa personalidade multiforme.

Xardineiras no paseo dos leóns
Pezas de gres como pequenas acróteras -da fábrica Guisasola de Asturias- limitan na terra os pequenos axardinamentos e debuxan os camiños e praciñas do xardín.

A fantasía expresada no revestimento pétreo deste xardín urbano e estival, contrasta co academicismo Beaux Arts expresado no prisma erecto da casa. Únicamente ésta se desfai da súa esquina Este para expulsar do seu perfil unha cápsula de vidro que forma un fermoso capricho de ferro.

Mosaicos de aves no muro de contención do xardín

Ista experiencia edilicia de raigame catalá tivo pouco predicamento na zona debido, pode ser, á súa propia caracterización allea á tradición local. Porén ficou convertida nun estrano artefacto arquitectónico dominando á vila do Val Miñor.

Don Tomás e a súa familia recibían nesta casa e xardín de Baiona visitas de menbros da Real Academia Galega, cando tralas sesións celebradas en Vigo percorrían a comarca de excursión. Visitas presididas por Manuel Murguía acompañado da súa filla, e que foron recollidas documentalmente na revista Vida Gallega nos anos dez.

Deseño de pavimentos xeométricos

viernes, 19 de septiembre de 2014

NON INTEGRATIO!

DANOS CON CAFÉ NA CARBALLEIRA DE SANTA SUSANA
Intervencións nun xardín histórico: o caso compostelán.

Recén instalado e inaugurado un flamante negocio privado de concesión pública nun espazo tan sensible como a carballeira de Santa Susana, ao pé da neoclásica Porta dos Leóns, cómpre preguntarnos o obxecto dos bens culturais na nosa sociedade cando estes sen rubor son alterados ou danados por intereses alleos ao público.

A deficiente integración no parque do novo edificio que substitueu ás churreiras, nunha contorna de carballos centenarios, causa verdadeiro rubor. Literalmente, a edificación -proxectada supostamente respetando o parque- papou tres árbores e provocou a morte dun cuarto exemplar (convenientemente substitído por un cadro eléctrico). Asimesmo a construcción do soto-almacén está danando as raices das árbores sobrevivintes, ao mesmo tempo que copa e troncos son danandos pola propia edificación sobre rasante que as atravesa, anunciando previsiblemente a morte dos tres exemplares.

Existe un seguro de responsabilidade polos perxuizos nas árbores do parque? xa que supostamente as arbores están integradas no edificio, cando morran serán substituídas por outros exemplares adultos no mesmo sitio para gardala integridade do proxecto, ou deixarán sitio a novas mesas ou cadros eléctricos?
Nunca tan caro nos costou o café aos santiagueses!
Agora sabemos alomenos o bo edificio que eran as dúas churreiras destruídas (na imaxe inferior).

 "Toda modificación do medio físico que poña en perigo o equilibrio ecolóxico debe ser proscrita.(...) Os elementos de arquitectura, escultura e decoración, fixos ou móbiles que son parte integrante do xardín histórico non deben ser retirados nin desprazados máis que na medida que o esixa a súa conservación ou restauración" (Carta de Florencia, carta dos xardíns históricos, 1981, ICOMOS, IFLA)


 
Estado da carballeira de Santa Susana no ano 2013 coas tradicionais churreiras hoxe desaparecidas que exercían como porta monumental á subida do monte. A dereita da imaxe o carballo centenario hoxe substituido por un cadro eléctrico.

miércoles, 30 de julio de 2014

Perigo de destrucción dos xardíns de Mondariz-Balneario!

Unha urbanización de vivendas proxectada no Bosque do Balneario fai perigar os centenarios xardíns do Establecemento Mineiro-Medicinal de Mondariz. 

O máis afamado parque balneario de Galicia foi creado en torno ao manancial de Gándara descuberto no ano 1873. Aparte do templete clásico de A. Palacios que solemnemente hoxe o cobre, o manacial foi rodeado dunha máxica espesura vexetal de carballos como sublimación arquitectónica da valiosa fonte medicinal. Este parque que sube polo monte iníciase nunha monumental escalinata pacega, primeira pegada da importancia deste bosque no que nacen as augas, e que seguindo a tradición de santuarios galegos con augas milagreiras asociadas, foi sacralizado cunha capela no alto do monte.

Pormenor do Coro Románico no Bosque do Establecemento
O chamado bosque (na súa acepción castelá) constitúe un singular espazo con entidade propia dentro dos xardíns do Establecemento para paseo e lecer dos agüistas, e como tal, así foi publicitado en numerosas ocasións desde o mesmo momento da súa creación, servindo de imaxe icónica nas miles de postais e publicacións tiradas dende entón.

A forte proxección internacional do balneario fixo que fosen moi coidados tódolos seus elementos, con especial interese en dotar dun ambiente cosmopolita ao parque que circundaba as instalacións e as integraba nun conxunto. Así, foron proxectadas neste, diversos eixos de escalinatas; rotondas de fontes con carballos; chalés suízos -de pequena escala e perfectamente integrados no bosque-; mobiliario rústico simulando enramados; miradoiros con balaustradas... e sobre todo salientando a curiosa construcción do depósito de auga formalizado coma torreón almeado no alto da finca, e no medio dun pequeno estanque en forma de lagoa.

Asimesmo, os dous chalés do bosque, de don Luís e dona María, son pequenas arquitecturas exemplo do coidado co que se interveu nete espazo, e ofrecen as primeiras tipoloxías dun hotel fragmentado no bosque. Son edificacións con vocación centroeuropea que incorporan novos materiais de construcción formalizando atrevidos voos para crear amplos miradoiros sobre o parque.

Pero este excepcional espazo é responsable sobre todo, de crear a atmosfera dunha paisaxe singular de bosque sagrado con venerables ruínas, aproveitando os recursos da topografía existente, e como lenitivo da saúde-reforzo das augas medicinais. Un xardín que ademáis disolve os seus límites espandíndose nos montes de arredor, e se proxecta paisaxísticamente a todo o val que o circunda caracterizando a mesma esencia da propia vila balnearia.

Unha pequena natureza sofisticada e arquitecturizada á moda, variada e culta, na que se crea un marco singular para admiralas ruínas da Antigüidade. Todo isto responde ás mostras do aprezo decimonónico pola cultura do país, que rescata do abandono restos medieváis e os integra museísticamente nun parque, poñendo en valor o pasado como recurso tamén emocional en paralelo á curación do corpo.

Por todos estes aspectos considerados, pode calificarse aos xardíns do Establecemento de intensa experiencia arquitectónica, na que a previsión de construir unha urbanización de vivendas no bosque xunto con outros edificios na horta, só evidencia a cegueira de determinadas institucións frente aos bens culturais que deberían tutelar. Que os xardíns históricos como espazos singulares da nosa cultura capaces de aportar significados, sexan visibilizados todavía hoxe como soares susceptibles de urbanización non deixa de sorprendernos nin sequera nesta crise. O esgotamento de non entender os bens culturais tamén como recursos económicos en sí mesmos, fai que se poñan en perigo constantemente, cousa que amosa perfectamente iste convenio urbanístico.
Capela do Carme no Bosque do balneario

Información:
http://es-es.facebook.com/pages/SOS-Xard%C3%ADns-Mondariz-Balneario/1438146646448655


martes, 3 de junio de 2014

Arbore pétrea en Abegondo

Árbore pétrea pertencente ao grupo de vivendas da Obra Sindical do Fogar en Abegondo. Márcase esta exótica e rara flor urbana dos anos sesenta nas márxes da estrada de Abegondo a Mesón do Vento. Erixido como símbolo do novo acontecer urbano: marca urbana, flor de formigón.
Eterna flor artificial, xenerosamente desenvolvida que anuncia o vindeiro mundo urbán.

Estrutura arbórea abegondesa
Metáfora do progreso, exaltación acuática.
Pódese interpretar como unha fonte externamente seca, impenetrable, pero que garda nas súas entrañas a auga que discorre polos seus troncos

Máximo altar hidráulico
 
É tan atractivo formalmente que custa asumilo seu parco contido funcional, máis acorde a un novo simbolismo de faro contemporáneo, ou de vangardista natureza mellorada. Cómpre definila súa pegada e acláralo seu novo protagonismo cidadán, pois de seguro que non comprendemos aínda ista ara de cemento, auténtico tótem cultural que se vai constituír co tempo (máis aló da propria infraestrutura hidráulica) en obxecto de estudo.
 Peza artificial espacial, foguete icónico que non despega.